martiño1

MARTIÑO MASEDA. POESÍA GALEGA DENDE VILALBA.

Publicado el 11 mayo, 2018 | Literatura

no contubernio das sombras
florea a disidencia do suxeito

——————————————-

abalanceime contra a feitura ilegalizada da xesta
e fun salvaxemente ceibo
como a boca do vento zoando
polos cadrís da tarde

©️ Martiño Maseda Lozano, Primavera 2018

—————————————————————

escorréntase o tempo
no peneirar das mans

—————————————————————-

MAMÁ

Hai un berro, un estalido uterino
que me pousou no leito aterecido da Matria.
Hai unha casa de pedra que ole a memoria 
na cunca das túas mans labregas.
Hai unha gadaña que se derrota no prado do solpor
sen a afiadura do teu alento.
Hai unha fiestra que se abre cada amencer
para conversar co florear do orballo.
Hai unha aperta, unha caricia
que amasan o fermento na artesa da vida.
Hai unha fala que coñece os segredos do sangue
cando o arado fende a carne do leiro.

Hai unha primavera que se artella en Ti,
cos hemistiquios dun verso inacabado.

©️ Martiño Maseda Lozano, Primavera de 2018

Feliz Día, MAMÁ! Hoxe e Sempre. Quérote! 😘

——————————————————————————

Cantos bocados de luz caben
na fame dos ollos?

Cantas miradas calan
o que berran os corpos?

©️ Martiño Maseda Lozano, Primavera 2018

———————————————————————————-

SOMBRA NA TARDE

ese zoar do vento abaneando
os cabelos da tarde

ese chiar da natureza na egolatría
dos ollos que a miran

esa sombra que son eu

©️ Martiño Maseda Lozano, Maio 2018

—————————————————————————————

Secuenciar coa mirada
a convulsión da ferida

O tempo eslúese entre enigmas

©️ Martiño Maseda Lozano, Abril 2018

——————————————————————————————

MEMORIA DO PAI

Nesta tarde
na que chían as lembranzas
e renxen as táboas do corazón

pola fenda que cada 25 me trae a túa ausencia

Nesta tarde, PAPÁ,
declárome insubmiso do esquecemento
que goberna os días

sen palabras de ti

©️ Martiño Maseda Lozano, 25 Abril 2018

https://www.facebook.com/martino.maseda

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *