Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

deitou a mortal forma acariciando
o esplendor na herba
e imaxinou na fugacidade dun pestanexo
o sorriso prohibido de Dennie Loomis

el xa aprendera a equivocarse
na pel de Bud Stamper

—————————————————–

na boca
ese primeiro alento do outono
con sabor a fractura

o florear do frío
na éxtase dos beizos

medra o tempo dos ourizos
sobre un solpor deitado de landras

e viven as palabras
entre o lume fecundado nas estelas
do penúltimo carballo

fuxindo das sombras

————————————————-

MEA CULPA

Son culpábel…

porque pertenzo á caste do macho

que domina a terra

co seu brazo de lume

e o seu verbo tiránico

porque vou na ralea dos opresores

que constrúen campos de concentración

para encarcerar a disidencia

dos seres libres

porque sentencio a morte

cos ollos abertos

e sen escoitar os laios

do ser maltratado

e des que xace morto

lavo as mans

na inocencia do seu sangue

porque cando declaro QUERER

non digo AMAR

digo POSUÍR

digo ASOBALLAR

digo PROHIBIR

digo NON SER

 

Son culpábel…

porque nacín home

na oligarquía dos homes

onde a igualdade é unha mentira

proclamada en leis

prostituídas por homes

onde as palabras só teñen semántica

na lingua dos homes

onde, ti, muller, vives en estado

de excepción vilmente declarado

pola autocracia dos homes

Son culpábel…

mais busco redención

neste circundo global

afogado polo alento do home

 

Son culpábel…

————————————————–

a terra ten a sede dos desterrados

abre a boca coa paixón vencida
entre ferrados de lume

e bebe a papados a melodía do outono
para enxugar o murmurio dos soños

despois lentamente comeza a respirar
coa cadencia dun animal ferido