Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
 Vou tentar explicar o meu punto de vista do acontecido onte no Consello das Mareas, cal é a causa de que ante as violacións do documento político maioritariamente votado polas inscritas e os acordos fundacionais de Vigo, decidín non lexitimar tales decisións nin sequera co meu voto negativo.

A arquitectura institucional de EnMArea aprobada en Vigo definía dous planos de actuación separados, o institucional e o orgánico.

O plano orgánico sería unha manifestación da confluencia, encarnada nun partido de adscripción individual que admitía a dobre militancia, ben en mareas municipalistas, ben en partidos políticos.

Pola súa banda o plano institucional estaría conformado polas nosas “intrusas” nas institucións, chamadas a xenerar cambios en favor das maiorías sociais e a mellorar a calidade democrática do entramado institucional.

Coma a separación era tan estricta, creáronse nos órganos de coordinación da ferramenta política as figuras das compoñentes natas destes órganos. Tanto no Consello das Mareas coma na Comisión de Coordinación, tiñan dereito a participar con voz e sen voto, representantes institucionais dos grupos parlamentarios.

Esta arquitectura ten o sentido de evitar as concentracións de poder e as tradicionais estructuras piramidais das organizacións políticas, era unha aposta pola coralidade que permitise escoitar todas as voces e incrementase a permeabilidade da ferramenta política.

A voladura desta visión comezou no Plenario de Compostela cando se eliminan as incompatibilidades para que os cargos electos concorran ás eleccións ao Consello das Mareas, e onte, esta voladura acadou a súa máxima expresión. A diferencia do acontecido no Plenario de Compostela, onte violentaronse normas, non so o documento político da candidatura de Máis Alá, respaldado electoralmente por perto do 60% das inscritas, se non algo moito máis grave: os documentos fundacionais de Vigo. Finalmente, un grupo de menos de 20 persoas pasou por riba da vontade das inscritas e do Plenario de Vigo, e sementou o xermolo dun partido de corte clásico. Algunhas non podiamos ser cómplices de semellante desfeita.

Resistímonos durante estes meses, en silencio, sendo responsables polo ben do espazo, pensando que as nosas compañeiras recapacitarían e evitarían unha viaxe a un pasado que sempre foi peor. Agromaron campañas ao noso redor, tentouse contaminar os nosos espazos, propagouse e amplificouse a lenda negra sobre algunhas de nós. Todo para chegar ao de onte.

Nós tamén cometemos erros neste proceso, deixámonos arrastrar a metodoloxías que, visto en perspectiva, non podían levar a outro sitio que non fose este. Confiámonos. Pensamos que a mesaxe de Vigo fora tan nítida, clara e ilusionante que con iso abondaba.

Trabucámonos.

Agora compre seguir traballando como sabemos, con compromiso, lealdade co proceso, creatividade, afectividade e un sorriso… porque ao cabo non deixa de ser certo que sen vós, sen nós, non hai marea.

(Foto Mariano Fernández Cabarcos de Antía García Sendón )