Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

A Marea de Medio Ambiente organizou dous días de actividades para coñecer o impacto da avenida de Alfonso Molina na súa contorna, e as posibilidades que ofrece a vindeira reforma

A avenida de Alfonso Molina, ou avenida da Vedra, naceu como unha vía de saída da cidade e soporte para o seu futuro crecemento, que conectaba o centro da Coruña coas parroquias rurais do antigo concello de Oza, fusionado en 1912 no plano administrativo, pero nunca no urbanístico. Co paso das décadas e das conciencias, esqueceuse a vertebración que estaba a producir nas súas marxes para desenvolver unha autoestrada que permitira entrar e saír rápido da cidade, ignorando á xente que vivía ao seu redor.

Nos vindeiros anos, o proxecto do Ministerio de Fomento para reformar A Vedra, no que se incorporan algunhas propostas -non todas, lamentablemente- do goberno municipal, pode contribuír a facer máis humana esta avenida que non é a entrada da Coruña. É A Coruña, tanto como o Obelisco ou Monte Alto, e debera ter os mesmos servizos.

Os lugares que non se ven desde o coche

photo_2017-07-27_08-49-29

Para coñecer estas dúas realidades, a autoestrada que é e a avenida que foi, a Marea de Medio Ambiente organizou dous días de actividades nos que explorar #AvedraHumana. Comezaron o 26 de xullo, cun roteiro polas beiras de Alfonso Molina e os lugares normalmente ignorados polos milleiros de persoas que atravesan cada día a avenida no seu vehículo particular. Participaron unhas 30 persoas, xunto aos arquitectos Iago Carro, do colectivo Ergosfera e autor do estudo que o Concello encargou para analizar as posibilidades da reforma da Vedra; e Xoán Mosquera, integrante do equipo da Concellería de Rexeneración Urbana.

Partindo de Palavea, o percorrido chegou ata entrada de Matogrande, pasando pola Fábrica de Armas, o Foxo, o Monte Mero, San Vicente de Elviña e Someso. Foron necesarias voltas e reviravoltas pola fronteira do asfalto, as mesmas que os veciños e veciñas destes barrios teñen que dar todos os días cando se enfrontan ao desafío de cruzar a autoestrada que debera ser avenida.

photo_2017-07-27_08-49-27 (2)Nesta camiñada víronse os imposibles accesos a pé que ten Palavea, os núcleos rurais que manteñen a súa identidade, e pequenos segredos como a lagoa que se formou detrás do edificio de Sindicatos. E tamén as pegadas da antiga avenida, da que aínda sobreviven casas e árbores do trazado orixinal, como as que se sitúan á entrada de San Vicente de Elviña.

 

Barreira ou barrio?

Ao día seguinte, no Centro Cívico de Monelos, tivo lugar unha charla na que se puxeron sobre o mapa os debates sinalados no roteiro, e se deu a coñecer o proxecto que o Ministerio de Fomento fixo público para a reforma da Vedra.

photo_2017-07-27_08-49-27 (3)Como explicou Iago Carro, “unha vía urbana caracterízase por que conecta todo o que pasa nas súas beiras. As autoestradas simplemente van dun sitio a outro, e está claro o modelo que se adoptou para A Vedra”.

Xoán Mosquera, pola súa banda, lembrou que o tipo de deseño viario e as modificacións topográficas dos seus perfís transversais “converteron Alfonso Molina nunha barreira en zonas nas que hoxe é difícil actuar, como a segunda fase de Elviña”. Tamén se fai evidente en Matogrande e Someso. Tanto na camiñada como na charla estiveron presentes veciños e veciñas de San Vicente de Elviña, que trasladaron as súas dúbidas.

A reforma de Fomento como oportunidade

Cómpre lembrar que gran parte de Alfonso Molina, desde que remata o límite de 50km/h ata que se divide entre a N-VI e a AP-9, é titularidade do Ministerio de Fomento. De aí que sexa o Goberno do Estado o responsable e o que ten a última palabra na reforma pendente.

photo_2017-07-27_08-49-30“A capacivedade de actuación do goberno municipal é limitada, pero existe. Xa se conseguiu parar un proxecto terrible, que tería deshumanizado por completo a avenida”, asegurou Xoán Mosquera. “E agora, con apoio popular, existe a oportunidade de consolidar A Vedra como unha vía permeable con moitos tipos de mobilidade, con espazo para peóns e bicicletas”, engadiu Iago Carro.

Nas negociacións co Ministerio de Fomento, o goberno municipal logrou incorporar algunhas destas ideas no proxecto, e aínda segue intentando que a humanización sexa o camiño a seguir. Nos vindeiros días, presentará alegacións á proposta para garantir que a autoestrada recupere, na medida do posible, o carácter da avenida que foi.