Neste manifesto queremos defender o exercicio da liberdade de expresión da cidadanía, a través de calquera medio, e especialmente a través dos medios comunitarios. As radios comunitarias son espazos de comunicación libre, sen ánimo de lucro, independentes e plurais, que cumpren un fin social e dan servizo á súa comunidade. Son espazos democratizadores, que fomentan a cohesión social e a alfabetización mediática da cidadanía.

Os medios comunitarios son un dereito da cidadanía. Así o recoñece a Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual, mais non o Goberno. Cuac FM leva 21 anos agardando a que lle concedan unha licenza de emisión e 7 anos de espera por un regulamento dos servizos de comunicación comunitaria sen ánimo de lucro que o Goberno non quere aprobar. Pola contra, a Administración ábrelle un expediente sancionador, ameazándoa cunha sanción de ata 200.000€.

Cuac FM tivo que apagar o seu dial no 103.4 da FM coruñesa. Hoxe é CUAC pero mañá será calquera das máis de 300 emisoras libres do estado.

Neste manifesto REIVINDICAMOS o noso dereito á liberdade de expresión e de comunicación e ESIXIMOS aos poderes públicos:

(1) O arquivo inmediato das accións sancionadoras en contra de Cuac FM e en contra do resto de medios libres e comunitarios do estado.

(2) A concesión dunha autorización temporal de emisión para que Cuac FM poida prestar un servizo de Comunicación Comunitaria, tal e como recolle a Lei 7/2010.

(3) A redacción dunha Lei de Comunicación que trate en condicións de igualdade ao Terceiro Sector da Comunicación, faga unha reserva de espazo radioeléctrico para os medios comunitarios, e garanta a sustentabilidade dos mesmos como garantía da pluralidade informativa, do dereito de acceso da cidadanía aos medios, da diversidade cultural e da democratización mediática.

Ler o texto íntegro do manifesto aquí.