Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

  • A cita celebraráse do 2 ao 7 de agosto en 9 localizacións da cidade e contará con más de 60 actuacións de balde 
  • Ane Brun e Neil Halstead confirman a súa presenza no Noroeste coma a súa única data en España para este verán
  • As voces femininas cobra forza na programación con artistas e bandas do alcance de Carmen Boza, Aries e Agoraphobia
  • O Concello presentou esta mañá un avance do cartel, que contará con músicos locais coma Pardo, MØURΔ ou Pablo Seijas

A Coruña, 2 de xuño de 2016.- Como cada ano, A Coruña transformarase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste. Unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 70.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e desde este ano contará coa colaboración especial de Estrella Galicia.

Esta mañá, o Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento Xosé Manuel Sande presentou un avance das bandas e artistas que do 2 ao 7 de agosto inundarán de música a cidade no 30 cumpleanos do Festival Noroeste Estrella Galicia. Os sons más eclécticos poderán escoitarse da man de máis de 60 bandas e artistas en 9 escenarios da cidade: a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Igrexa das Capuchiñas, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras e o Parque do Paseo das Pontes. Da man do Noroeste, o público poderá gozar en directo dos sons máis diversos: pop, rock, folk contemporáneo, psicodelia, funk, sons étnicos, flamenco experimental, electrónica minimalista, country alternativo, shoegazing, rock progresivo, garaxe, rockabilly, indie, punk ou, mesmo, o hardcore máis salvaxe.

Nesta 30 edición, o festival quere promover unha cultura de proximidade, experiencial, sostible e de vangarda. Contemporánea e vibrante como a nosa cidade. Polo seu 30 aniversario, o Noroeste perde definitivamente o seu apelido Pop-Rock, un descritor que fica curto á hora de definir a diversidade, a calidade e a riqueza dos sons que os espectadores poderán gozar un ano máis. Cun cartel atractivo e de calidade, no Festival Noroeste Estrella Galicia 2016 terán cabida máis de 100 horas de música en vivo ao aire libre, con figuras de culto da escena internacional, que compartirán escenario con novas promesas e nomes consagrados da escena local e estatal.

Na 30 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia non faltarán voces femininas que pisan forte en escenarios de toda España (como Aries, Agoraphobia ou Carmen Boza); míticos grupos que teñen feito vibrar diferentes xeracións (Sex Museum e The Capaces); nomes imprescindibles da escena contemporánea europea e americana (falamos do británico Neil Halstead, o inclasificable vaqueiro norteamericano Howe Gelb ou a estrela nórdica Ane Brun); bandas e artistas locais que dotan de calidade a escena galega (Pardo, MØURΔ ou Pablo Seijas); sons experimentais de artistas tan inclasificables como El Niño de Elche ou CaboSanRoque; experiencias para todos os públicos a cargo de bandas como Os Amigos dos Músicos e Los Plutones; a psicodelia de Melange ou Linda Guilala e o rock máis metaleiro de bandas como SraSrSra ou Niña Coyote eta Chico Tornado. Ademais, o festival programarase tamén en domingo, con concertos para todos os públicos que se estenderán entre as 12 e as 20 horas. Deste xeito, un ano máis, e xa van 30, A Coruña transformarase durante seis días da man do Noroeste, que se consolida como un reclamo turismo atractivo e de calidade.

O APOIO DE ESTRELLA GALICIA

O Concello da Coruña e Estrella Galicia firmaron no 2016 un convenio institucional relativo á programación cultural que se poderá vivir e gozar na cidade durante os próximos tres anos e que ten como máximo expoñente o Festival Noroeste. Este acordo é froito da firme crenza común de que a cultura -e o Noroeste como o seu estandarte- é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada.

MOI PRONTO…

Na páxina web www.festivalnoroeste.com e nas redes sociais oficiais do Festival Noroeste Estrella Galicia iranse comunicando en primicia as novas confirmacións do festival, entre elas, as bandas e artistas que tocarán no escenario principal na Praia de Riazor. O cartel de participantes nesta 30 edición da cita musical coruñesa ficará totalmente fechado co fallo das bandas gañadoras do Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM, que será comunicado o próximo 10 de xullo de 2016.