O Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña e que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade, que aínda non se presentou despois de 50 meses.
A Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no DOG en maio.
O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio. Como dicía a moción aprobada o 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.
A Xunta declaraba BIC a Casa Cornide, pero despois de sete meses segue pechada e en propiedade da familia Franco. Como dicía Manuel Rivas na lectura do manifesto da II Marcha: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”.
A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.
A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.
Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.
Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña. Por outra parte, a Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa.
O Pleno da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista, acordaba por unanimidade solicitar ao concello da Coruña que retire a Sergio Peñamaría as distincións que ten na nosa cidade. Sendo coñecedores dos crimes cometidos en Valdeorras por Peñamaría ao fronte dunha Bandeira da Lexión, o Pleno dese concello aprobaba, tamén por unanimidade e a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, pedir ao concello da Coruña que a actual rúa Alcalde Peñamaría leve o nome de Mártires de Valdeorras.
ESIXIMOS AO CONCELLO DA CORUÑA:
– Que presente en novembro de 2023 demanda no xulgado para recuperar a propiedade da Casa Cornide.
– Que inste á Xunta, conseguida a declaración de BIC após a mobilización cívica, a que obrigue á familia Franco antes de que acabe 2023 a cumprir o que recolle a lei: apertura da Casa Cornide catro días ao mes, como mínimo, e catro horas cada día.
– Que se traslade á Comisión de Honras e Distincións e á Comisión Municipal de Memoria Histórica a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, como principais responsábeis do espolio da Casa Cornide, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.
– Que se execute a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.
DEVOLUCIÓN POLA FAMILIA FRANCO DE TODO O ROUBADO
RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE
RELACIÓN PROVISIONAL DE ENTIDADES QUE APOIAN
Defensa do Común, Asociacións Veciñais: Agra Orzán, Gaiteira-Os Castros, IAR-Castrillón, Monte Alto, Cidade Vella, San Cristobal das Viñas-Birloque, Eirís; A.C. Alexandre Bóveda, O Facho, Amigos dos Museos de Galicia, Proxecto Cárcere, C.S. Gomes Gaioso, A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada, Plataforma en Defensa da ría de Sada-Betanzos, Acampa, Vangarda Obreira, Forum Propolis, Galiza Nova, Erguer, BNG, Podemos, Unión Republicana
NOTA DE PRENSA
PRESENTACIÓN DA IV MARCHA POLA RECUPERACIÓN
DA CASA CORNIDE PARA O PATRIMONIO PÚBLICO
Hoxe presentouse en roda de prensa o manifesto da convocatoria da IV Marcha Cívica pola recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público, que axuntamos, que se celebrará o sábado, 11 de novembro con saída ás 12 horas da praza de María Pita.
Manuel Monge, presidente de Defensa do Común, promotora desta mobilización cívica, estivo acompañado dunha representación das entidades que apoian o manifesto. Subliñou que a I Marcha estaba apoiada por pouco máis de 20 entidades e hoxe a IV Marcha está apoiada por case 50 entidades, até agora, que indica o aumento da sensibilidade e o amplo apoio social a esta demanda. E lembrou o manifestado polo escritor Manuel Rivas na lectura do manifesto na II Marcha: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”.
Como nas anteriores, a Marcha estará encabezada polo “Generalísimo Franco” (actor Fernando Morán) e pola súa dona Carmen Polo (actriz Isabel Risco) e polo grupo de gaitas da asociación veciñal de Monte Alto.
Como novidade, nesta ocasión hai unha importante apoio de asociacións da mocidade como os sindicatos Erguer e Sindicato de Estudantes e as organizacións Galiza Nova e Xuventudes Socialistas.
Valoramos positivamente que, despois da mobilización cívica, a Xunta declarase a casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC) o 27 de abril de 2023, pero agora, sete meses despois, esiximos á Xunta que obrigue á familia do ditador Franco a abrir catro días ao mes o edificio, un mínimo de catro horas, como sinala a lei.
O manifesto lembra que o Pleno municipal de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para que o concello presente unha demanda no Xulgado para recuperar a propiedade”. É inexplicable que, despois de 50 meses, e despois de dous anos da elaboración de informes xurídicos e históricos que sustentan esa demanda, aínda non se presentase.
Tamén lembra o manifesto a moción aprobada no Pleno municipal de 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nos espolios de Meirás e Casa Cornide aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”. Por iso esiximos “Que se traslade á Comisión de Honras e Distincións e á Comisión Municipal de Memoria Histórica a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría, como principais responsábeis do espolio da Casa Cornide, que coincide coa proposta do informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, a iniciativa do concello da Coruña.
Moitas grazas pola difusión desta información, que contribuirá á recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público.
A Coruña, 6 de novembro de 2023.
Asdo. Ricardo Vales, responsábel de Comunicación de Defensa do Común 669516097