Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

risco2

Xa queda pouco para o 17 de maio, e compre que o celebremos con forza e potencia, porque temos unha lingua viva e houbo moita xente, e aínda a hai, que adica a súa vida a coidala, espallala, protexela e transmitila, como Carvalho Calero, mantenhamos o facho aceso do seu legado, legado que leva aparellado algo de valor incalculábel, a nosa creación colectiva máis potente e poderosa, o galego! E para quentar motores e se vos parece ben, entrementres aqui vos deixo unhas recomendacións musicais:

1. No chan, en primeiro termo, Os Mutantes, (tamén na nosa lingua) o primeiro disco de 1968 desta banda brasileira de rock psicodélico, que comezaron a súa andaina en Sao Paulo no ano 1966 no medio do tropicalismo.
2. Detrás e como homenaxe a Cuba que está dando un exemplo de solidariedade e xenerosidade a todo o mundo nesta crise, o disco de Ray Barretto, que malia ter nacido en New York e ter orixe portoriquenha tamén bebe das fontes cubanas, o seu disco Acid de 1967, para mover o corpo ao ritmo que nos marca e que tanta falta fai estes dias!
3. E detrás unha auténtica xoia, na foto tanto en vinilo como en cd, eu declárome odgenuista total! Para min un dos mellores disco da música moderna. Da banda británica Small Faces, nada fixeron mal na música, que se fundou en London en 1965, sempre será recordada como unha banda pertencente ao movemento mod, grandes músicos e unha voz espectacular de Steve Marriot, se pechas os ollos pensas que ben podería ser negro no canto de ser branco e bastante pálido! (ademais Ian McLagan, o seu teclista, hoxe estaría de aniversario). Este disco Odgens’ Nut Gonne Flake é o seu album máis conceptual, na cara A ningunha canción ten desperdicio, mesmo as letras, mais mergullarse na cara B é unha experiencia sensorial! Un conto máxico, tanto a historia como a música son dunha psicodelia que envolve e atrapa. Stan o personaxe principal desta historia musicada, cada canción vai relatando as súas aventuras, vai na percura da outra metade da lua e de caminho atopa cunha mosca famenta coa que comparte a súa comida, e Stan pensa se só unha mosca foran todas as moscas daquela sería unha mosca xigante, dito isto a mosca a que acaba de axudar transfórmase nunha mosca xigante que leva a Stan nas súas costas en agradecemento para visitar ao ermitán Mad Jonh, un personaxe dos bosque que vive nunha cova e que lle explicará que foi da parte da lua que falta! Toda a historia está narrada, ademais de nas letras das cancións, tamén polas alocucións do xenial, desconhecido e polifacético actor e contador británico Stanley Unwin que creou un idioma propio, un argot, o unwinise que emprega tamén aqui.
4. E xa para rematar, na man, e para seguir percorrendo a natureza das terras do norte, Noró o último e marabilloso disco de Xabier Díaz (e xa está aí un novo agasallo marabillosamente salitroso, xunto con Adufeiras de Salitre, Illas de Sal, segundo single de As Catedrais Silenciadas, Músicas de Salitre, 2020) para botar unas pezas que moita falta nos fan estes dias, e xa de paso aprendemos baile tradicional! E aparece tamén na outra foto acompanhado doutra recomendación, 5. dous conceptos do mesmo, duas cabuxas, interpretadas de xeito diferente mais irmandadas polas terras do norte, de Galiza a Cymru, paises irmáns, da música tradicional á música moderna, de Xabier Díaz a Super Furry Animals, SFA, de Noró a mwng, do galego ao galés!

risco1