A cita:
“Atopei un home nun posto de venda ambulante de salchichas. Díxenlle ‘que tal, tío? parece que só quedamos ti e máis eu’. Comezou a berrar e escapou correndo. Pensou que eu era comunista” (Talkin’ John Birch Paranoid Blues)
A ficha:
Publicado o 11 de abril de 2011
Gravado ao vivo na Universidade de Brandeis, Massachusetts, o 10 de maio de 1963
Produtor: descoñecido
Selo: Columbia
O músico:
Bob Dylan: voz, guitarra acústica e harmónica
As cancións:
- Honey, Just Allow Me One More Chance (incompleta) ****
- Talkin’ John Birch Paranoid Blues ****
- Ballad of Hollis Brown ****
- Masters of War ****
- Talkin’ World War III Blue ****
- Bob Dylan’s Dream ****
- Talking Bear Mountain Picnic Massacre Blues ****
A reseña:
Ofertado inicialmente por amazon.com como disco de agasallo para aqueles que mercasen o volume 9 das Bootleg Series (The Witmark Demos) ou a compilación The Original Mono Recordings (unha caixa cos oito primeiros álbumes de estudio en formato cd e co son mono orixinal en troques do estéreo). Ante a crecente demanda do concerto, que apareceu por sorpresa nunha cinta gardada durante décadas na casa do crítico Ralph Gleason (co-fundador da Revista Rolling Stone, Columbia decidiu liberalotrala morte deste. O disco, interesantísimo desde o punto de vista documental, recolle case íntegra unha das derradeiras actuacións do Bob Dylan máis ou menos anónimo. A piques de se converter na gran estrela do folk, e xa gozando de certa popularidade entre os universitarios da época, Dylan desgrana un set breve no que alterna temas tan serios como Masters Of War ou Ballad Of Hollis Brown (daquela aínda inéditas, pois The Freewheelin’ chegou ás tendas poucas semanas despois) con algúns dos seus divertidos e ácidos blues falados (talkin’ blues) desa primeira etapa. O valor histórico da gravación (descoñecida ata ese momento mesmo polos bootleggers máis compulsivos) xustifica que se publicase cun dos cortes, o primeiro, incompleto. As interpretacións son sólidas e denotan o rápido que se estaba a curtir aquel moz chegado do Medio Oeste. Con todo, é loxicamente un produto reservado aos completistas, e en particular aos devotos do Dylan folkie da primeira metade dos anos 60.