Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Se teño que pararme a pensar e lembra cal foi o estilo que me levou a afeccionarme á música é, sen dubida, o rockabilly. Unha das primeiras cancións nas que me fixei foi “Rockabilly Rebel” que soaba nun anuncio de pantalóns vaqueiros: ¡Grin’s, e que miren! dicía o slogan, corría 1981.

Así a curiosidade levoume a atopar isa canción por algunha parte ata que a atopei no escaparate dunha pequena tenda de discos que había preto da coruñesa Praza de Ourense. Supoño que din un pouco o tabán os meus pais para que me mercasen aquela cassette de Matchbox, na que Orion se encargaba de cantar o “Rockabilly Rebel”, á que seguiron case acto seguido o recompilatorio “The Great British Rock’N’Roll” (unha recompilación con varias bandas do revival británico) e “Midnite Dynamos” tamén de Matchbox. Ademáis disto as aparicións televisivas de Rocky Sharpe & The Replays e/ou Sleepy LaBeef acabaron de completar o puzzle.

Imaxino que ista historia, con isa canción e isos ou outros grupos, foise repetindo ao longo de toda España e xurdiron bandas de rockabilly (que se vencellaron a algunha que xa existía: Los Rebeldes o Faraones por citar un par delas) que pouco a pouco conformaron unha das escenas máis prolíficas de Europa.

Con istas premisas o século XX vai tocando o seu fin e chegados a 1997 toca facer resumo. Así Burning Crew Productions pon en marcha Historia del Rockabilly Nacional Vol. 1, o primeiro recompilatorio adicado integramente as bandas rockabilleiras españolas, acadando unha gran variedade de estilos e influencias. O disco foi todo un éxito e pronto convertiuse en peza indispensábel no andel de todo rocker que se prezase.

Agora, algo máis dun cuarto de século despois, chega a segunda parte na que de novo Lauren Jordan, nas labores de produtor, encargase de botar unha ollada ao acontecido nos últimos 28 anos e xuntar nun novo volume o máis granado do rockabilly nacional. Fuxindo do máis obvio, Lauren nos presenta a dúas ducias de bandas que, o mesmo que no primeiro volume, abranguen todo tipo de influencias (country, swing, rock and roll clásico…) cun son impecábel, no que tódalas cancións soan de forma uniforme, a pesares das súas diferentes procedencias.

A expectación xerada denantes da saída do disco á rúa, xa auguraba que as copias no ían tardar en voar dende o almacén a ter o seu lugar nos andeis xunto ao seu irmán maior, convertindo iste novo traballo nun clásico dende o seu nacemento.

Ricky “Doctor Snob” Rodríguez