· O restaurante Galipizza, cunha filosofía de negocio que encaixa á perfección coa da banda do Barbanza, acollerá unha rolda de prensa á que asistirán os seguidores máis fieis do grupo
· Os vinte primeiros en chegar levarán un orixinal agasallo, e todos os asistentes estarán convidados a tapa e bebida
· Tucho, Tonhito de Poi, Fran Velo, Javi Maneiro e Manu Rey estarán acompañados polo actor Xosé A. Touriñán, en representación de Airapro, a produtora dos ‘máis jrandes’
Betanzos, 18 de marzo de 2014
Ningún outro grupo de música galego (se cadra só algunha orquestra) é quen de encher cada recinto que pisa. En decembro colgaron durante tres días consecutivos o cartel de ‘non hai billetes’ nas salas Capitol (Compostela), Berlín (Ourense) e Coliseo (Pontedeume), nunha xira que permitiu comprobar o sensacional estado de forma dos Heredeiros da Crus, a mítica banda barbanzana que hai un par de anos volveu para quedarse
Rematado o inverno, e pensando xa na nova temporada de concertos, os máis jrandes planifican ao milímetro o seu futuro, con moitas e interesantes novidades no capítulo de directos e composicións. Este venres informarán sobre todo o que teñen previsto nunha rolda de prensa que pretenden, coma sempre, converter nunha auténtica festa.
O restaurante Galipizza, no Portádego (Culleredo), acollerá ás 11.30 horas unha convocatoria aberta aos fans da banda, que poderán degustar as tapas deste coñecido local de balde. Ademais, os vinte primeiros levarán un agasallo moi especial, relacionado cunha das noticias que o grupo ribeirense ten previsto dar.
Estarán Fran Velo (baixo), Tonhito de Poi (guitarra e coros), Tuchiño (guitarra e voz), Manu Rey (batería) e Javi Maneiro (voz), acompañados polo actor e humorista cullerdense Xosé A. Touriñán, en representación de Airapro, a produtora que desde o seu regreso aos escenarios xestiona a carreira artística dos Heredeiros.
VENRES 21 DE MARZO – 11.30 HORAS – GALIPIZZA (O PORTÁDEGO – CULLEREDO)