Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Helena Villar Janeiro

NON É DOADO O CANTO EN REBELDÍA

(Recén chegado no nº 20 da Revista Lucense de Poesía Xistral)

Mentres o mar se achega manso a unha praia arousá 
a me bicar os pés
e sangran as camelias a beleza encarnada
que a terra lles achega ata as raíces,
aló ao lonxe matan o futuro
dentro das criaturas que a derrubos e a balas
arrepían co último laído, cando non é ao mar
a quen o seu silencio corroe nos abismos
en tanto que non cuspe os seus cadáveres
a un areal que os vara
e alí os colle alguén, os leva á supultura
e lles recobra o nome esvaecido
nas augas do seu tránsito.

Porque a xeometría non contaba
nin cos perfís de Alepo
nin cos planos crebados por pinchos e coitelas,
nin cos millóns de pingas que se xuntan na beira dunha onda
e soldan aceiradas ese borde
que gadaña os navíos de xoguete a trasportar fuxidos
a quen a morte lles importa pouco
se non a pode mellorar a vida.

Non é doado o canto en rebeldía
se oes cantar o merlo,
comes pan
e miras para a lúa
sempre na mesma fiestra onde te agarda
cama quente e mulida.

Non é doado o canto,
ningún canto,
se o sangue é a navalla que te crava
para que xa por sempre negues o paraíso,
calquera paraíso,
incluso o da habelencia de poeta.

(Foto Helena Villar Janeiro cortesía de loqueyotedigo.net)