• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


 

 

 

 

 

 

 

Villar Janeiro na súa casa de Rianxo. Carmela Queijeiro.

MARÍA GUNTÍN
LUGO / LA VOZ 02/05/2021 05:00 H

Unha entrevista cortesía de La Voz de Galicia.

Helena Villar Janeiro (Becerreá, 28 de setembro de 1940) é unha escritora lucense afincada en Rianxo. Xubilada hai 20 anos tras unha vida dedicada á docencia e ao ensino, é membro correspondente da Real Academia Galega (RAG). Ademais é poeta, ensaísta, tradutora e articulista. A súa obra é numerosa e conta cunha destacada traxectoria. Con varios premios, fala da súa infancia nos Ancares, pero tamén das súas paixóns. En definitiva, da súa vida.

-Onde naceu?

-Eu nacín nunha época triste nunha casa de aluguer á que volvín máis tarde como alumna por libre de bacharelato e finalmente, como profesora. Esa foi unha casa moi importante na miña vida, e dar clase era o meu soño. Aos catro anos mudámonos e o cárcere daba á nosa horta. Meus pais, que sempre entenderon, permitían que os familiares falaran cos presos aló, a carón da miña casa e a horas non permitidas. Foi unha aprendizaxe. Naquela casa tamén había un depósito para os que morrían de accidente de tráfico, supoño que por iso sempre lle tiven moito medo á morte.

 

-A que se dedicaban os seus pais?

-Meu pai tiña unha xastrería e miña nai tamén cosía, ata traballou para Balenciaga. Eu empregueime alí dende moi nena, e aprendín moito da xente dos Ancares. Retiráronme da escola aos seis ou sete anos. Eu e mais meu irmán comezamos a facer clases na casa ata que aos meus 13 anos decidín que quería estudar. Empecei entón por libre e á vez que seguía cosendo. Fun sempre unha nena grande e cando acabei bacharelato marchei para Lugo, onde fixen Maxisterio.

-Onde comezou a dar clase?

-Fun de interina para Vilaver, en Cervantes, durante un ano. Despois aproveitei para as oposicións. Saqueinas e ao ano seguinte fun para Quintá de Cancelada, tamén nos Ancares. Aló estiven oito anos ata que volvín para preto da miña casa, en Armesto. Mentres tanto estudei Filosofía e Letras por libre, pero daquela seguía cosendo.

 

-Cando marchou de Lugo?

-A miña vida na miña terra foi a que contei, ata que no ano 1975 casei e marchei para Ferrol. Alí comecei unha nova vida e unha nova forma de ensinar.

-Como e por que marchou?

-Miña nai era moi xenerosa e culta. Chegou un día no que me preguntou sobre o que facía na aldea, díxome que pedira un traslado a unha cidade. Eu fun obediente con ela, e así o fixen. Aínda así, cando preparei a miña voda aínda non sabía o destino. Ao final quedei en Ferrol, ao ano seguinte fun a Santiago e aló quedei ata o 2001 no que me xubilei.

 

-Nos Ancares, onde estudaba?

-Tiñamos un faiado con ventás no que eu estudaba. Dende aló observaba co meu irmán a vida do barrio, que era un teatro. Tamén tiñamos libros alugados dos que aprendín moito.

-Como comezou a súa paixón polo mundo literario?

-Meu pai falaba moito de literatura, era un gran coñecedor. Eu recitaba cousas con el. Quería que fose xornalista e miña nai, secretaria. Por ela aprendín a escribir a máquina, para compracela. Como non tiña máquina, poñía o teclado pintado no cu dunha cadeira.

 

-E cando empezou a escribir?

-Na universidade máis que literatura estudei a súa historia. Pasoume en Lugo e tamén en Santiago. Daquela era lectura forzada da que saquei pouco. Cando comecei a ler por libre atrevinme coa poesía. Lía a Juan Ramón Jiménez. Por el comecei a escribir, aló por 1968. Foi en Vilar de Cancelada, nuns tempos nos que non había luz. Alumeábamos con carburo para dar unhas clases de noite aos rapaces que o necesitaban. Comecei a escribir nun caderno o que vivía nos meus días, pero sen maiores pretensións. Falaba tamén da paisaxe, que me influenciou moito. A terra é o que máis me gusta, prefíroa a un museo. Cando me din de conta tiña xuntos uns cantos poemas. Estaban en castelán porque aínda non tiña adquirido o galego como lingua de cultura, era só a lingua de comunicación.

-Ao principio, escribía en castelán.

-Cando publiquei aquel libro en La Voz de la Verdad fíxenme moitas preguntas. Por que non escribo como quero, como falo e como penso? Entón fun cambiando de idioma rapidamente. Fixen un curso que dera La Voz nunhas páxinas do xornal. Ademais, xuntarme con outro escritor galego favoreceu a decisión.

 

-Agora vive en Rianxo, pero de onde di que é?

-Os Ancares foron o pano de fondo da miña vida porque a miña habitación tiña unha fiestra cara a eles. Foron, son e serán algo moi importante para min.

«Chegáronme a dicir que era o meu home o que escribía os meus poemas»

-Atopouse con moitas pedras no camiño por ser muller?

 

-Tiven a sorte de nacer desexada muller, meu pai quería cativa polas consecuencias da represión franquista. El era un feminista sen sabelo e falábame de moitas mulleres. Ao seu lado foi fácil estudar porque mo permitiu. Fíxome autónoma e libre. Iso si, non tiña moitas mulleres ao lado ás que seguir nin coas que estar no plano intelectual.

 

-Que figuras a marcaron como muller?

-O meu home axudoume moito, a entender que eu tiña que facer cousas. A partir de aí fun rompendo barreiras, non sufrín moitísimo castigo, pero hai episodios que me pasaron moi desagradables que seguro a un home non lle pasarían. Non podo dicir que a vida das mulleres fose doada, pero eu planteille cara.

 

-Cal foi a situación machista máis evidente?

-Cando nos casamos, comezamos unha colaboración xuntos. Estivemos separados un ano e escribiámonos cartas. Delas saíu un libro. Iso escandalizou, e pensaban que el era un señor xeneroso que lle deixaba escribir á muller catro poemas, que el escribía outros 60 e que me deixaba firmar o libro. Chegáronmo a dicir, e a deixarme fóra moitas veces.