Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

Os Deuses do Metal están de celebración. A festuca vai axitar os cimentos do mundo do Rock e ninguén vai poder chamar a pasma pra  evitalo. Capaces de arrasar estadios e estoupar calzóns cun chasquar de dedos, os pioneiros do Freak Metal – termo creado polos seus inimigos “trues”, envexosos do seu power – presentan en 2023 o seu espectáculo definitivo: Unha homenaxe aos seus fans en gratitude por mantelos 25 anos na crista da onda metalera.

A xira “GIGATRON XXV” ofrece unha xocosa viaxe en tren da bruxa a través de tódolos subxéneros do Sacro Metal (Glam, Black, Power, Death, Chotis, Speed, Cringe, Quinqui…) cunha posta nas táboas á altura de tal pompa e circunstancia, convidados de luxo en cada data e un repertorio de 25 temas elixidos en redes polos seus fans que resume en orde cronolóxica os maiores hits da súa carreira. Dende “Os Deuses chegaron” – o debut que alumeou  os charts con “The Peto o Kks”, “El Barco de Colegas” ou “La Tierra del Rock” pasando por “Mar de Cuernos”, “Hithrashit”, “Atopeosis 666”, “The Aluminium Paper Album” ao seu atual disco conceptual “La Xusta de Zarathustra”, obra cume do seu culto relixioso ao metal endrogado. Imos, coma os shows de Maiden mais sen as cancións chungas do último disco.

Gigatron fórmanse en 1997 en Valencia (California) cando Charly Glamour e Frank o Tachas descobren en metade dunha pelexa nuns billares que comparten a paixón polo Xebi Metal dos oitenta. A súa misión será recobrar o espírito “Xebi”, cando o movemento tinha ovos e esmagaba ricos, antes de a decadencia da raza pura metaleira, cando a Maldición do Nu Metal só era un aciago vaticinio, antes de que Anthrax puxésense bermudas, os Metallica cortásense o pelo, Pantera quitaranse as mallas de licra, Mustaine fixésese cristiá e os Celtic Frost sacasen un disco de Glam, cando o Poder do Metal era defendido por verdadeiros guerreiros sen barbear de paquete axustado e machada no puño, e non por estudantes palleros de informática.

Despois de destruír literalmente os camerinos de medio mundo (do Budokan do Xapón ao Bukkake Chrome de Sebastopol) aterran no mercado do Xebi Rock albanel ibérico escandalizando a Mariskal Romero cos seus dous primeiros discos, “Los Dioses han llegado” (1998) y “Mar de Cuernos” (2007)  (Ámbolos denunciados por Rafa Basa ante a Unesco). As drogas, os egos e estranos incidentes en zoolóxicos lévanlles a disolverse en 2008 acaparando todas as portadas da prensa amarela por atos oprobiosos que afunden a súa carreira mais catapultan a súa lenda, ata que en 2012 a Apocalipse Moulón facerlles rexurdir dos sumidoiros do Valhalla chamados a unha nova cruzada pra salvar o mundo do crecente amole. Charly recompón a banda a zoupe do seu paquete fichando espécimes menos castigados polo whisky barato e as batallas legais ata chegar ao irresistíbel combo atual xunto ao carniceiro das seis cordas Dave Demonio, o xenio musical contrafeito en baixista pra pagar as súas débedas coa mafia Kaik Turulo e a batería máis brutal e suxo xurdido dos lumes de Mordor: Johnny Cochambre.

Tras dez anos de rodaxe con centos de shows e hoteis esnaquizados, atuacións atopeósicas nos mellores festivais e xiras que fixeron chorar aos Manowar, a banda está en mellor forma que endexamais grazas a un equilibrio perfecto entre leas e ximnasios cuxa fórmula secreta gardan celosamente. Mentres as demais bandas esmorecen Gigatron cada vez petan máis cacas. Por que? Porque o Xebi Metal ensínase mal. Ponto.

Queres unirte á festa e comprobar o poder a carón do Troner do Metal? Cínguete á horda nos fastos do XXV Aniversario de GIGATRON. Un mindundi endexamais serás, mollarás. E valo a flipar.

(TRADUCIÓN CEIVE AO GALEGO POR RUBÉM NOVO)

 

 

 

PRIMEIRAS DATAS CONCERTOS GIGATRON:

28 de xaneiro – Praza Maisonave – Sant Joan d’Alacant (ALACANTE)

10 de Febreiro – Sala Malandar – SEVILLA

11 de Marzal – Sala Nazca – MADRID
14 de Abril – Sala Bóveda – BARCELONA

3 de xunho – FESTIVAL POR CONFIRMAR

9 de xunho – Z! LIVE Rock Fest – ZAMORA

13-16 de xullo – PIRATA BEACH Festival – Gandía (VALENCIA)

12 de Agosto – LEYENDAS DEL ROCK – Villena (ALICANTE)