Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
 O tema da ocupación de Cataluña e o posíbel uso do exército non é nada novo. Falo destes temas no meu libro O poder na Coruña. De Vázquez a Negreira (Laiovento, 2015). Recupero ese texto porque os discípulos do “Camarada” Manuel Fraga non fan máis que seguir a liña política xa debuxada polo fundador do PP en 1968. Aínda non enviaron os tanques, como suxería Francisco Vázquez en 2014 (daquela, definíase como “simpatizante” do PSOE), pero todo está aberto.

 

Recuperando a memoria

 

O “simpatizante” continúa cunha intensa actividade política, facendo propostas moi orixinais e patrióticas como o envío dos tanques a Cataluña para acabar co problema político xerado despois da convocatoria dun referendo pola Generalitat de Cataluña [o que se realizaría o 9 de novembro de 2014]. Participaba na lectura dun manifesto, impulsado pola plataforma Libres e Iguales, que tiña como portavoz a xornalista, deputada do PP e XIII Marquesa de Casa Fuerte, Cayetana Álvarez de Toledo. Realizaron un “llamamiento a los ciudadanos y al Gobierno del Estado para que reaccionen con firmeza ante la agresión a la democracia que pretende llevar a cabo el gobierno de la Generalitat de Cataluña”. A concentración foi un absoluto fracaso para unha persoa como Vázquez que tivo 66.911 votos na Coruña en 1999, xa que na praza de María Pita da Coruña só había 36 persoas para aplaudir a Vázquez, entre elas dirixentes de Vox, escisión pola dereita do PP. Nesa concentración Vázquez acusaba PP e PSOE de “ser cómplices con los sediciosos de Cataluña” e cualificaba de “bananera” a votación do 9-N. Criticaba do PSOE “ese maridaje con los indecisos, que sostiene el PSC, el mal llamado Partido Socialista de Cataluña, porque en este caso concreto no cabe la indecisión ni la componenda”. Adiantaba acontecementos: “Ahora intentarán aplacar a los sediciosos con una reforma de la Constitución que nunca les será suficiente y que generará nuevas desigualdades en toda España”. E, finalmente, daba a solución, sacando fóra de contexto unha intervención do presidente Kennedy: “Cuando en 1960 el gobernador de Alabama se negó a dejar estudiar en la universidad de su estado a George Meredith por ser de color, mandó a la Guardia Nacional, e incluso a los tanques, para reponer la legalidad. Y no pasó nada” (La Voz de Galicia dixital do 8 de novembro de 2014).

 

Esta recomendación de utilizar os tanques para impedir que a xente poida exercer o dereito a votar ten as súas dificultades técnicas por dous motivos: algúns dos lugares de votación son de difícil acceso para os tanques e, por outra parte, o exército español non ten suficientes tanques para cubrir os 2.712 colexios electorais de Cataluña.

 

ALGÚNS DOS LUGARES DE VOTACIÓN SON DE DIFÍCIL ACCESO PARA OS TANQUES E, POR OUTRA PARTE, O EXÉRCITO ESPAÑOL NON TEN SUFICIENTES TANQUES PARA CUBRIR OS 2.712 COLEXIOS ELECTORAIS

 

A pesar de que a proposta de Vázquez pode parecer un pouco extremista, é bastante moderada se a comparamos coa alternativa manifestada no seu día [1968] por Manuel Fraga, que falaba dun bombardeo: “Cataluña foi ocupada por Felipe IV, fue ocupada por Felipe V [coñecido como El Animoso], que la venció, fue bombardeada por el general Espartero, que era un general revolucionario, y la ocupamos en 1939 y estamos dispuestos a coger de nuevo el fusil. Por consiguiente, ya saben ustedes a que atenerse, y aquí tengo el mosquete para volverlo a utilizar”.

 

Pola súa parte, o xornalista José Manuel Ponte titulaba un artigo Los tanques de Vázquez: “Desde el inicio de la transición desde la dictadura a la democracia parlamentaria no se había oído, excepto en círculos de la extrema derecha, una invocación tan clara al ejército para resolver un problema político” (La Opinión, 11-11-2014).

 

De momento, hai xa tres barcos no porto de Barcelona, con miles de efectivos militares dispostos a intervir, que estaban decorados con imaxes de Piolín e outros elementos subversivos como o Pato Lucas e O Coiote. Todos os medios de comunicación daban a noticia do día: “Cobren con lonas o debuxo de Piolín do barco da Policía atracado en Barcelona e as redes piden que o liberen” (Antena 3 TV, 24-9-2017). Non se sabe se esta decisión estratéxica do mando operativo de coordinación contou co voto a favor de Josep Luis Trapero, o xefe dos Mossos. Piolín foi a figura central reivindicativa nas festas da Mercé con pancartas pedindo democracia e a súa liberdade. As consignas estendéronse polas redes: “Free Piolín”; “Piolín somos todos”; “Detiveron Piolín. En poucas horas prestará declaración na Audiencia Nacional. O Pato Lucas pide calma”…E Gabriel Rufián, que está en todas, aproveitaba para lanzar “Piolín vive, a loita continúa”.

 

Que ninguén pense que se o 1 de outubro vai votar máis do 60% dos censados, é resultado do traballo da Generalitat, da Asemblea Nacional de Cataluña ou de Ómnium Cultural. Todo é mérito do goberno de Rajoy, que está a facer unha extraordinaria campaña para indignar a cidadanía e provocar a súa mobilización para votar este domingo.

 

O GOBERNO RAJOY ESTÁ A FACER UNHA EXTRAORDINARIA CAMPAÑA PARA INDIGNAR A CIDADANÍA E PROVOCAR A SÚA MOBILIZACIÓN PARA VOTAR ESTE DOMINGO

 

Última hora: unha brigada especial de 200 policías chegada desde Madrid leva un mes buscando as urnas, que non aparecen. Os asistentes á misa do domingo en Montserrat dedicaron unha ovación ao monxe Sergi d´Assis Gelpi cando dixo na homilía: “Debemos dicir non á represión, e si á liberdade e ao respecto dos dereitos máis fundamentais”. Creo que o goberno debería ir pensando en rehabilitar o cárcere para curas de Zamora, como na ditadura, despois do manifesto de 420 sacerdotes de Cataluña chamando “a votar en conciencia en exercicio do dereito fundamental que ten calquera persoa a expresar libremente as súas posicións”.