Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

rosalia

A cultura é política. É espazo dinámico e vivo das ideas e dos valores que articulan o social. Obvia dicilo: político non é o mesmo que partidario.

Decidir que Galiza debe ter medios públicos de comunicación que expliquen o mundo desde nós, fagan de espello do que somos cara dentro e cara fóra, permitan autoreferenciarnos e dialogar cos demais desde a contemporaneidade e o fagan na nosa lingua, para contribuír ao proceso de normalización social que esta precisa, é unha decisión política. Usar eses medios ao servizo dun determinado partido e convertelos en soportes de propaganda, como fai o PP coa Radio Galega e a TVG, é facer un uso partidario.

Na área de Cultura da Deputación da Coruña traballamos polo fortalecemento do tecido cultural local desde unha visión política: a nosa. A da cultura como ferramenta transformadora, para unha sociedade mellor, máis xusta, máis culta, máis cohesionada, máis igualitaria. Que parte, claro, da comprensión da cultura hoxe como un feito complexo con dimensións diferentes: da identitaria á social, da patrimonial á económica, da creativa e formadora á da oferta cultural. É con esas dimensións que nos temos que relacionar as institucións, en función do noso papel dentro do sistema cultural e das políticas culturais do país.

Facer cultura en Galiza, polo demais, é diferente a facela en Murcia. Porque aquí temos unha lingua e unha cultura de noso que vive, se crea e se desenvolve en situacións e procesos de conflito, de anormalidade, de subalternidade con respecto á que se produce en español. E iso, á marxe das decisións que se tomen, debe ser un punto de partida que ningunha política cultural pode obviar.

Para nós a galega é unha cultura moderna, plural, aberta, conflitiva, en tránsito, con referencias claras e con discursos mutantes, lugar do mellor e do peor, coa que dialogar e desde a que dialogar. En definitiva, viva. Nada a ver cos coros y danzas do franquismo, nada a ver coas visións paternalistas ou o formol da moqueta autonómica e autoanémica, nada a ver coa produción ideolóxica desactivada e narcótica.

Unha mostra do noso enfoque, da nosa visión, é o Festival Rosalía, que levamos dous anos organizando en Compostela, ao redor da Rosalía que reivindicamos como figura da nación, como muller do seu tempo, como artista con discurso avanzado e propio e consciente e audaz.

A nosa non é cultura costumista para aplauso de turistas con mirada colonial. Tampouco ensimesmada, chauvinista, buena por ser gallega. A nosa é cultura a vivir, a crear, a discutir, a ser e a estar no mundo, desde nós. E con superpoderes.