• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


 

O pasado venres fun inxustamente atacado, duramente atacado, polo alcalde desta cidade amparado baixo unhas siglas.

Diante das acusacións verquidas, respondo:

1º. Os datos que se poden ler nesa publicación son falsos e, como son cartos públicos, pode comprobarse facilmente desde o momento en que debemos xustificar, como é lóxico, ata o último euro en diversas administracións. Non é opinable. Podo demostrar onde vai dirixido cada euro da xestión das mostras e está visto e aprobado, entre outros, por el mesmo nas pasadas edicións. Explícase aquí: https://www.facebook.com/miteuourense/posts/4562575930490167

2º. O ataque é produto das miñas críticas á xestión cultural do Sr. Pérez, alcalde de Ourense, e de ter asistido a unha manifestación xunto a miles de cidadáns de Ourense. Explícase aquí: https://www.youtube.com/watch?v=op8s39zhrdc

3º. Xamais acumulamos dereitos de nada, e xamais cobrei trienios.

4º. Non é doado crear un festival, nin dous. O FITO non é creación miña. Non é doado manter a Miteu durante 26 anos e a Moti durante 18. Iso significa que levo 44 mostras de teatro dirixidas para esta cidade. Moito traballo e moito orgullo. Diñeiro, o xusto, como profesional, para saír adiante. E limpamente gañado. Cando queira comparamos ingresos e o xeito de obtelos.

5º. Non podemos comparecer nunha licitación porque vostedes non a publicaron; non concorro a eleccións porque non se deu o caso; e respecto ás oposicións, lémbrolle que debemos pasar concurso de méritos constantemente nesta profesión. E na outra que exerzo, a docencia, para dar clases na Universidade tiven que estudar 5 anos de carreira, dous de doutoramento, facer unha tesina, escribir a tese durante catro anos máis, e sacala adiante para ser doutor en Linguas modernas e Literaturas Comparadas, o que me permite dicirlle que, se me causou dor no fondo o seu escrito, tamén me causou dor na forma de escribilo.

Sr. Pérez, vostede é alcalde de Ourense, e non pode atacar así a un cidadán. A ningún cidadán. É unha difamación e un ataque contra o honor, ademais de tratar de minar as miñas posibilidades de traballo, polo que verei ata onde podo chegar.

Mentres, aquí estou. Fronte a vostede. Non teño nada que ocultar, pero si podo dicir, como tantas persoas honestas, tantas compañeiras e compañeiros: ALERTA! Alerta. Debemos coidar a democracia.