Felipop 2016_Cartaz Def

FELIPOP 2016 Limodre / Fene / A coruña 11, 12 13 agost

Publicado el 3 agosto, 2016 | Noticias, Prensa

Perto das dúas décadas de existencia, o Felipop enceta a XIX edición cunha descarada aposta polo risco, pola melodía e a psicodelia que os fan ser recoñecidos como un festival que xoga entre o lúdico e o bo gusto e que trata de dar a coñecer a formacións tan diferentes como o norteamericano Anton Barbeau, o francés Tommy Lorente, os cataláns Stay, unha das apostas do certame, os arxentinos Súper Ratones, e desde Madrid Monserrat e Lukah Boo, así como catro bandas galegas coa ecléctica marca do Felipop.

A cita da asociacion cultural Felicia será entre os días 11 e 13 de agosto no parque da Hortiña de Limodre (Fene), A Coruña. A primeira xornada será gratuíta e a entrada para as dúas seguintes citas será de 20 euros  o día 12 (poden adquirirse xa en Ticketea cun pequeno incremento por gastos de xestión). Camping de balde como sempre no campo de fútbol próximo e sesións afterhours con “pinchadiscos” de probada experiencia e resistencia…

Así, o xoves 11 a partir das 22.00 horas A Hortiña acolle os concertos de benvida, gratuítos e, coidando a gastronomía, cunha paella de degustación de balde. Actuará a banda coruñesa Los Remasters, liderada por Juanillo Esteban (Xabarín Club) que fai covers de clásicos do garaxe sixtie dos 60 con letras inventadas e ben graciosas. Seguirán desde Bos Aires Los Súper Ratones, banda de referencia do festival que actúa por vez primeira sen o inesquecible Person, un momento emotivo do festival sen dúbida.

O venres 12 a partir das 22.00 horas abren os ferroláns Skyhoods, que unen power pop melódico con temas inspirados no mundo do basket. O cuarteto madrileño Monserrat segue coa súa mestura de folk, pop e psicodelia en castelán. Continúa desde a mesma cidade Lukah Boo, a banda liderada por Tony de Happy Losers, que presentarán a súa nova aposta polo folk rock melódico, o seu segundo disco “La sombra de ayer”. Desde Sacramento (USA) chega Anton Barbeau, acompañado de músicos galegos, trae a súa psicodelia magnética, entre Kevin Ayers e Julian Cope, XTC ou Robyn Hitchcock. Un auténtico artista de culto para a prensa anglosaxona que o Felipop fichou para deleite dos seus seareiros.

A tradicional sesión vermú gratuíta do Felipop con pincho, agora moi estendida pero popularizada AQUÍ no ámbito dos festivais pop, terá como protagonista a quen durante anos foi o presentador do festival, Franki Lafuente “O loiro de Pastoriza”, co proxecto Cris Lo e a Bule Bule Band, temas en galego mesturados con melodías tradicionais ou do power pop de toda a vida. Outra aposta que, como quería Ramiro Fonte, une o local co universal.

Xa pola noite do sábado 13, a partir das 22:00 horas abre a xornada o trío de power pop ferrolán Klute, que canta en inglés. En francés faino Tommy Lorente. Acompañado de La Cavalerie presenta directamente chegado desde Biarritz unha música que mestura a Warren Zevon con Ray Davies e Nick Lowe. Abeirados aos sons americanos son os leoneses Rob DeLion, o alabado proxecto de Juan Marigota, que sorprenderá aos amantes do folk rok pola súa intensidade e acerto nos temas. E o peche corresponderalle ao poderoso conxunto Stay, ilustrísimo representante da canteira catalá de psicodelia da que tanto sabe o Felipop (Sidonie, Lazy Sundays, Les Philippes Carrots…) que presentará o seu novo disco, o impresionante “The mean solar times”. E quen quera máis, que agarde ata a XX edición. 

Máis información: http://felipop.blogspot.com.es/

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *