FEIJÓO, RUEDA… SON MÁIS FRANQUISTAS QUE FRAGA. E PEORES PERSOAS. TRAIDORES
Manuel Fraga Iribarne quixo para si unha figura nidia e rotunda e, polo contrario, acabou deixando unha figura complexa e chea de ángulos. Quixo aparecer tremendo e duro e rematou sendo derrotado e fráxil.
Nalgún momento propuxéronme, como a outros, escribir unha biografía de Fraga e non quixen gastar tempo de vida nun proxecto dedicado a esa persoa, mais non por iso deixou de interesarme.
O caso é que a Fraga pódeselle atribuír unha cousa e a contraria, o crime e a compaixón, o salvaxismo e a reclamación de dereito administrativo. Non vou caer na tentación de facerlle aquí agora o perfil mais si direi que foi, como tantos, un caso de loitar polo ascenso social e que fixo a súa carreira no tempo histórico que creou Franco. Foi fascista, franquista e o que cumprise para conseguir o seu obxectivo de ascenso e se lle tocase no tempo de hoxe podería ser do PSOE, de Sumar, de Ciudadanos ou do que fose, adaptaría a súa ideoloxía ao servizo deste estado.
E pois si, franquista e capaz de todo. Mais non sería tan mala persoa como Feijóo e Rueda e a súa conselleira. Fraga nunca pretendería chantar “ALTRI” no medio do territorio do noso país. Nunca pretendería liquidar o río Ulla e a comarca da Ulloa e acabar coa riqueza da Ría de Arousa.
Por varias razóns de tipo antropolóxico, que se resume en que á súa maneira el queríalle ao noso país. El quería esas terras, ese río e esas rías. Como calquera persoa común tiña un vínculo afectivo co lugar onde naceu.
Cal é o sentido de chantar unha megacelulosa aí ? Non crearía apenas postos de traballo e destruirá moitos recursos e traballos. Incrementaría o cultivo do eucalipto e a liquidación de terras de labor e a desertización do campo. Había destruír territorio de forma irreversíbel a cambio de nada.
Estou convencido de que a decisión tomada hoxe, aprobar a viabilidade ambiental de ALTRI, debera ter e acabará tendo responsabilidades penais. Non pode ser que esa traizón non teña pena.
Hai unha ruptura humana, unha verdadeira quebradura entre persoas como Fraga e os trepas como Feijóo, Rueda e os seus conselleiros e conselleiras. E consiste na absoluta carencia que ten esta tropa de amor polo noso país. Son outra xente e allea a nós, son traidores á nosa Terra. E debémolo dicir e débeno pagar.