Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Sabemos que no PP hai moito nostálxico do franquismo, pero o caso de Méndez de Vigo é distinto porque é un “facha”, deformación coloquial do termo fascista (seguidor do fascismo). Podería definir a unha persoa cunha mentalidade moi tradicional, ideas conservadoras, talante pouco democrático e seguidor do catolicismo máis reaccionario. É un “facha”, mais é presentado como a cara amable do goberno, simpático, amigo do diálogo e que canta ben.

 

Este ministro encaixa perfectamente co regreso ao nacional-catolicimos que impulsa o PP, sen ningún respecto ao artigo 16 da Constitución, que fala dun Estado aconfesional. Méndez de Vigo, con outros ministros, estaba en primeira fila das procesións da Semana Santa de Sevilla de 2018, cantando con fervor “Soy el novio de la muerte”, cando desfilaba a Lexión (esta vez sen cabra) co paso do “Cristo de la Buena Muerte”.

 

Algúns datos sobre este ministro: Íñigo Méndez de Vigo y Montojo é IX barón de Claret, fillo de Íñigo Méndez de Vigo y del Arco, militar africanista, tenente coronel e axudante de Franco. Casou con María Pérez de Herrasti y Urquijo, filla de Ramón Pérez de Herrasti y Narvaez, XIV marqués de Albayda, e de Begoña Urquijo y Álvarez de Eulate, filla dos marqueses de Bolarque. María é prima de Pedro Morenés, ex–ministro de Defensa e do empresario Borja Prado, presidente de Endesa, fillo de Manuel Prado y Colón de Carvajal. O ministro Méndez de Vigo é cuñado de Íñigo Pérez de Herrasti, irmán maior da súa esposa, coñecido ultradereitista, que participou en 2013 no asalto á libraría e centro cultural catalá Blanquerna de Madrid, cando celebraban a Diada. O ministro ten unha familia influínte: a súa irmá Beatriz foi secretaria xeral do CNI e despois pasou á embaixada de Pekín, e o seu irmán Pedro Alfonso é xeneral.

 

E desde cando é facha? Méndez de Vigo xa aparecía como un militante da extrema dereita moi activo e reivindicativo en 1976, é dicir, pouco despois de morrer o ditador Franco e antes de celebrarse as primeiras eleccións democráticas.

 

La Voz de Galicia de 21 de marzo de 1976 recollía perfectamente en titulares este perfil “facha”, informando dunha carta de 17 alumnos de Dereito da Universidade Complutense de Madrid, entre eles Méndez de Vigo, ao ministro de Educación Carlos Robles Piquer: “La violencia de la extrema derecha es el reflejo de su legítima defensa ante el asalto de grupos de signo absolutamente contrario”. Xustificaban así o uso da violencia física: “Mientras la convivencia pacífica universitaria no esté debidamente garantizada, la respuesta no puede ser otra por parte de quienes queremos que la autonomía de la Universidad sirva para erradicar de ella la blasfemia intolerable y las soeces injurias para la patria y el Rey”.

 

Recuperando esa carta, Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, dicía o pasado 11 de abril: “Aqui o Ministro de Educacion Mendez de Vigo presumindo de extremista de dereita cando era estudante, acompañado dalgunha outra personalidade galaica. Clases de democracia que nos quere dar quen foron educados no falanxismo e a violencia!!!”.

 

Pola súa parte, o xornalista Luís Pousa publicaba o pasado 13 de abril en La Voz de Galicia o artigo “Autorretrato extremista de Méndez de Vigo”, que acababa así: “Todo el mundo –incluso Méndez de Vigo– tiene derecho a evolucionar. Ya lo dijo Darwin. Pero es bueno saber de dónde viene cada uno. Más que nada para saber adónde puede volver llegado el caso. Y también es cierto que todos tuvimos 20 años y cometimos travesuras de juventud. Pero algunos no nos dedicábamos a escribir cartas defendiendo el uso de la violencia física. Ya teníamos suficiente con sudar primero sangre –mientras estudiábamos– y después tinta –ya trabajando– porque no teníamos a papá Méndez de Vigo (ayudante de un tal Francisco Franco) esperando después de la Complutense para dejarnos un oficio cómodo y el título de barón de Claret”.

 

Para entender todo isto, pode ser útil lembrar a que se dedicaban, despois de morrer Franco e até 1981, os “amigos” de Méndez de Vigo da extrema dereita que defendían “la patria y el rey” (é un breve resume, sen contar os asasinatos en Francia):

 

9-5-1976. Ricardo García Pellejero e Aniano Jiménez Santos, carlistas, son asasinados por fascistas en Montejurra.

 

9-7-1976. María Norma Mentxaka Gonzalo “Normi”, é asasinada en Santurtzi por elementos fascistas que dispararon contra os participantes nunha manifestación pro-amnistía.

 

27-9-1976. Carlos González Martínez, estudante de 21 anos, é asasinado en Madrid por un grupo de fascistas nunha manifestación convocada pola Coordinadora pro Amnistía.

 

23-1-1977. Arturo Ruiz García, de 19 anos, estudante e traballador da construción, é asasinado en Madrid polo grupo de ultradereita Alianza Apostólica Anticomunista (Triple A), que disparan contra unha manifestación pro Amnistía.

 

24-1-1977. Francisco Javier Sauquillo, Luis Javier Benavides, Serafín Holgado, Enrique Valdevira e Ángel Rodríguez, que traballaban no despacho de avogados laboralistas de Atocha (Madrid) de CCOO, son asasinados por un grupo de pistoleiros fascistas.

 

20-3-1977. Ángel Valentín Pérez, obreiro da construción de 24 anos, morre en Barcelona despois das navalladas que recibe dun grupo de ultradereita durante unha manifestación.

 

20-9-1977. Juan Peñalver Sandoval morre en Barcelona despois da explosión dunha bomba colocada por elementos fascistas na redacción da revista satírica El Papus.

 

7-10-1977. David Salvador Bernardo, taxista, é asasinado en Hernani pola Triple A.

 

16-10-1977. Miquel Grau Gómez, militante do Movemento Comunista do País Valenciá, morre en Alacante despois de dez días en coma polo lanzamento dun ladrillo por un membro de Fuerza Nueva, cando colgaba carteis do Día da Comunidade Valenciana.

 

24-5-1978. José Martín Merkelanz Sarriegui é secuestrado e asasinado en Irún polo Batallón Vasco Español (BVE).

 

27-9-1978. Manuel Medina Ayala, militante do PCE, morre en Sevilla polas navalladas dun grupo ultradereitista nun acto de solidariedade co pobo chileno.

 

30-9-1978. Antonio Carrión Muela, mecánico de 42 anos, aparece calcinado en Navalcarnero (Madrid). O autor do asasinato foi o ultradereitista José Luis Magaña López.

 

30-10-1978. Andrés Fraguas Fernández, de 19 anos, conserxe do xornal El País, morre cando fai explosión un paquete bomba na portería, colocado por un comando ultradereitista.

 

29-4-1979. Andrés García, estudante e membro das Juventudes Comunistas, morre a consecuencia das navalladas de fascistas do Frente de la Juventud, escisión de Fuerza Nueva.

 

15-7-1979. Salomé Alonso, de 28 anos, morre no barrio madrileño de Malasaña pola explosión dunha bomba colocada por un grupo ultradereitista nun bar.

 

31-8-1979. José Prudencio García, de 44 anos, é asasinado en Arganda del Rey (Madrid) por un grupo de ultradereitistas de Fuerza Nueva.

 

13-9-1979. José Luis Alcazo, de 25 anos, é asasinado a golpes de bates de beisbol no parque madrileño do Retiro por un grupo de ultradereita.

 

28-9-1979. Tomás Alba Irazusta, concelleiro de Herri Batasuna en Donostia, é asasinado polo BVE.

 

9-12-1979. Manuel Álvarez Blanco, de 69 anos, e Victoria Arranz, de 64 anos, morren na sede de Valladolid do Movemento Comunista (MC) a consecuencia dun incendio provocado por un grupo ultradereitista.

 

25-12-1979. Juan Luis Zabaleta Carrasco é asasinado en Hernani polo BVE.

 

8-1-1980. Ana Teresa Berroeta Álvarez, de 19 anos, aparece morta en Loiu (Bizkaia), acoitelada e violada, nunha acción reivindicada polo BVE.

 

15-1-1980. Carlos Salside Corta, de 33 anos, membro das Xestoras pro Amnistía é asasinado en Lezo (Guipuzcoa) polos Grupos Armados Españoles (GAE).

 

20-1-1980. Liborio Arana Gómez, Manuel Santacoloma Velasco, María Paz Armiño e Pacífico Fica Zuloaga morren despois da explosión dunha bomba no bar Aldana de Barakaldo. O atentado foi reivindicado polos GAE.

 

2-2-1980. Jesús María Zubikarai Badiola, simpatizante de Euskadiko Ezquerra é asasinado a tiros en Eibar nun atentado reivindicado polo BVE.

 

2-2-1980. Yolanda González Martín, estudante de 19 anos, do Partido Socialista dos Traballadores (PST) é asasinada a tiros en Madrid nun atentado reivindicado polo BVE.

 

10-2-1980. Vicente Cuervo Calvo, de 22 anos, é asasinado por un pistoleiro fascista en Madrid durante unha protesta contra un acto organizado pola ultradereitista Fuerza Nacional del Trabajo (FNT) no barrio madrileño de Vallecas.

 

15-4-1980. Jorge Caballero Sánchez, traballador de Agromán e militante da CNT de 21 anos, foi atacado en Madrid con bates de beisbol e machetes por membros de Fuerza Joven (organización xuvenil de Fuerza Nueva) o 28 de marzo, morrendo quince días despois.

 

19-4-1980. Felipe Sagarna Ormazábal, de 42 anos, zapateiro e simpatizante de Herri Batasuna, é asasinado de dous tiros na cabeza en Hernani polo BVE.

 

1-5-1980. Arturo Pajuelo Rubio, traballador de CASA, dirixente da asociación de veciños de Orcasitas e militante do Movemento Comunista (MC), morre en Madrid polas navalladas dun grupo de fascistas ao final da manifestación do 1º de Maio.

 

6-5-1980. Juan Carlos García Pérez morre dun balazo cando unha trintena de ultradereitistas do grupo Primera Línea de Fuerza Nueva arrasan o bar San Bao de Ciudad Lineal de Madrid –ao grito de ¡Viva Cristo Rey!– que era era frecuentado por obreiros, despois dunha manifestación de protesta polo asasinato de Arturo Pajuelo.

 

8-5-1980. María Josefa Bravo del Barrio, de 16 anos, foi violada e asasinada en Donostia nun crime reivindicado polo BVE.

 

23-7-1980. María Contreras Gabarra, de 17 anos e embarazada, e o seu irmán, Antonio Contreras Gabarra, de 12 anos, que buscaban entre o lixo na praza de Amezola de Bilbao, morreron cando explotou unha bomba colocada nun contenedor fronte a unha gardería xestionada por unha persoa da esquerda abertzale. Morreu tamén Anastasio Leal Serradillo, empregado do servizo de limpeza do concello. O crime foi reivindicado polo BVE.

 

28-8-1980. José María Etxebeste, axente de aduanas de Irún, é asasinado a tiros polo BVE.

 

30-8-1980. Ángel Etxaniz Olabarría, militante de Herri Batasuna, é asasinado en Ondárroa polo BVE.

 

7-9-1980. Miguel Arbelaiz Etexebarría Luis María Elizondo Arrieta eran asasinados en Hernani nun atentado reivindicado polo BVE.

 

14-11-1980. Joaquín Antimasvere Escoz, chatarreiro de raza xitana e sen afiliación política coñecida, foi asasinado en Hernani polo BVE.

 

30-11-1980. Juana Caso González e José Muñoz Expósito son asasinados en Barcelona por Salvador Durán, xefe comarcal de Fuerza Joven que, segundo as declaracións do dirixente fascista, confundiu con membros do Ateneo Libertario de Mataró. As armas do crime foron facilitadas por gardas civís.

 

30-12-1980. Francisco José Rodríguez López, de 21 anos, morre en Valencia polos disparos do ultradereitista José Palazón Sánchez.

 

3-3-1981. Francisco Javier Ansa Zinkunegi, militante de Herri Batasuna, morre por atentado do BVE en Andoain.

 

7-6-1981. Carlos Javier Idígoras Navarrete, de 22 anos, morre en Madrid asasinado por un grupo de fascistas.

 

Como unha persoa co currículo de Méndez de Vigo pode ser ministro de Educación e portavoz do Goberno? Que vergoña de España!