Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
Fecha: 21/11/2014 - 22/11/2014
Hora: 22:00 - 0:30


21 NOVIEMBRE

22H

El Pueblo Café Cultural

Rúa de Samuel Eiján, 1, 32003 Orense
É habitual ter problemas para escribir e pronunciar garage nun lugar con conflito lingüístico. En galego, escribir garage implica pronunciar “garash” ou “garásh” [gəˈräZH], como no inglés orixinal. En español, implica unha falta de ortografía e outras cousas, se atendemos exclusivamente á complexidade da terminación -age, pero non falemos de política. En inglés implica un xénero do rock con vinculación directa ao propio espazo que designa a palabra. É frecuente que nos queixemos do imperialismo idiomático español en Galicia, pero dentro de pouco e a causa da globalización o español estará fronte ao inglés nunha situación semellante de lingua minorizada na que botaremos de menos os subtítulos latinos. Se algo impide que isto suceda é a tradicional mala calidade do sistema educativo español do que tanto nos queixamos.

Non pensamos moito na evolución que a globalización pode traer de cara á música que practicamos. En certa maneira, estamos facendo xa música anglosaxona e calquera opción de realizar algo novidoso está dificultada pola nosa posición en Ourense. Periferia (Ourense) da periferia (Galicia) da periferia (España) dun centro de poder (o mundo occidental), pero en todo caso non completamente periferia. Non nos queda por xogar a baza da world music, que en todo caso non é máis que un termo absurdo (Que música non é world music? A de Kant e Kodos?) e da que estamos á marxe polo noso rexeitamento reiterado da tradición, que por outra parte se converteu nalgo inmobilista e ridículo. Ademais se facemos rock and roll estamos tentando entrar dentro doutra tradición que non está moi lonxe de ser igual de inmobilista e ridícula. A realidade industrial converteu a música popular nalgo sen ningún perigo e moi lonxe de ser determinante para a vitalidade artística humana, excepto na posibilidade do abaratamento da tecnoloxía, que permite que esa utilidade se aplique ao propio individuo que a crea (e a ninguén máis).

Lin por aí que falaban dos Nastys como “nuevo garaje” ou “nuevo garage”, non sei moi ben. É unha pena que insistamos tanto co de vender as cousas como novas, revival, vintage, retro e esas cousas. Explícao mellor Billy Childish:

“Novo” non implica necesariamente “mellor”. Gústanme os tranvías porque son eléctricos e son un sistema público de transporte. Amosa que os victorianos estaban lixeiramente máis avanzados ca nós. Non é “retro”. Era moi fácil que as gravacións sonaran ben nos 50 e os 60, e é porque non requería disciplina: a disciplina dábancha as limitacións do material ou a tecnoloxía. Pero o que sucedeu logo é que a xente decidiu que esas limitacións eran un problema en vez da vida. Hoxe en día, para ter algunha vida sensible, tes que impoñer limitacións artificialmente. Doutra maneira non tes límites, e non ter límites é o oposto á liberdade. Así que a mellor cousa que facer é ter a túa propia disciplina absoluta”.

É dicir, non temos que valorar a orixinalidade sobre a honestidade, se alguén quería xogar a dualidades de branco ou negro. Os Nastys non fan nada novo, pero fan rock de garaxe cos medios que teñen e din o que teñen que dicir, que si que ten que ver co hoxe e o agora ou co de toda a vida (din “Madrid es un cementerio” e tamén “quiero tocarte las tetas”) aínda que usen medios que xa existían antes (e tampouco é para tanto). As reaccións que provocan tamén son vellas e universais: baile, excitación, ganas de beber e fumar, sudor, cabeceos, pogo. E esas reaccións molan igual que antes, así que non pensemos que calquera tempo pasado foi mellor.

O VENRES 21 DE NOVEMBRO, en EL PUEBLO, estarán a disposición da periferia de Ourense e de Ourense centro tamén. Acompañaranos LENNY LEONARD, unha banda parecida a un combate de vale tudo: non hai normas nin límites salvo os da imaxinación e a técnica. No seu caso hai moita máis imaxinación que técnica, como debe ser, e van moito máis aló dos usos ortodoxos dos seus instrumentos e dos esquemas do rock and roll, e aínda así son rock and roll, e ao mesmo tempo non, e probablemente serían garaxe se tiveran coche. Son auténticos ata os límites do soportable, e o que din e a súa maneira de comportarse son equivalentes: reflexan a época, absurda, violenta, tediosa e divertida ao mesmo tempo. Tamén son da Coruña e os editores do Donato Fanzine.

http://losnastys.bandcamp.com/
http://donatofanzine.bandcamp.com/album/jamaro

 

Lugar: EL PUEBLO CAFÉ CULTURAL
Ciudad: OURENSE

Carga Mapa....