• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


[Versión traducida ó galego do poemario Ella, que acadou o 1º Premio no Certamen de Poesía Pedro Alonso Morgado en La Palma del Condado (Huelva) no 2003]

Espreguízanse os soños do seu letargo de angustia.

Ela estás aí: paralela á beira do desexo.

E eu comezo amarar nun océano sexuado.

A súa mirada ten lume,

brasas de paixón peregrina

polos xardíns da miña memoria do pracer.

Os seus beizos levan debuxada amarga tenrura,

gotas de mar no infinito deserto da miña boca.

As súas mans liberan rebeldía reprimida

en lugares secretos da miña pel túrxida.

As súas pernas bailan danzas exóticas

no leito dos meus ríos luxuriosos.

Os seus pés camiñan con sixilo provocador

polos sendeiros escuros da miña alma.

Toda ela é un fulgurante amencer

cando foxe ó galope do meu pensamento

e descende por sinuosas abas ó val da éxtase.

————————————————————————-

Esperto sobre un tálamo de rosas brancas e vermellas,

respiro o murmurio caudaloso das súas palpitacións

e saúdanme as caricias do sol tenuemente

como finos dedos de aprendiz de cortesá.

O seu saúdo virá despois.

A modo de nube de bolboretas debilitando o meu ánimo

cos seus zunidos de fantasías irreverentes.

Levántase aleivosa para non sobresaltar os suspiros alleos,

voa sobre o espazo con ás de papel virxe,

seccionando o corpo invisible da penumbra.

E nela perde a súa sustancia etérea.

Ó seu regreso eu estarei perdido, como un náufrago,

co corpo cabalgando sobre un toro de recordos.

E non desexarei espertar xamais. Xamais!

—————————————————————————-

Candidez nos seus ollos.

Iso é o que vexo e me enerva.

Unha luz case branca alumea os seus pasos

que a achegan ó meu desexo, por veces incontrolable.

Un pé tras doutro, un bico, unha caricia.

Dous pasos máis e terá chegado,

o seu aroma de hurí precédea

como pétalos de silencio perfumado por saudade.

Os seus ollos apenas me miran,

avanzan atados á indiferenza desa luz que circunda.

Nunca a vira así, tan bela e indiferente,

porque non tiña ollos para a súa esencia,

só para a súa materia corrupta.

Cando chega senta sobre min, e comémonos,

como manxares dun pantagruélico xantar.

Fóra, o sol segue incendiando con sutil quentura

da artificial vida.

—————————————————————————

No chan de grava hai reixas de luz e sombra.

O parque está ateigado de miradas que non se miran,

de mans que non senten os seus tactos,

de corazóns que latexan en bifurcadas paixóns.

E estamos ela e mais eu: dúas figuras erradas de paisaxe.

Os nosos ollos si se miran,

atravésanse como puñais de atracción,

a nosas mans mesturan as súas vibracións

nun xesto dialogado,

e os nosos corazóns comunícanse

por ríos de sangue fervorosa.

Pero estamos fóra de nós, illados da nosa paisaxe.

Non noso mundo non hai falsas reixas,

senón celas de ferro enferruxado,

Nin hai árbores que cos seus verdes dedos tocan o ceo,

senón cotenos enraizados no inferno.

No noso mundo, de amantes inadaptados,

hai un lenzo de paradoxos:

nubes de silencio chorando gotas de palabras.

—————————————————————————-

Ela afástase no anatema do ocaso da luz.

Durante o fragor da loita, un xardín de escuridade

xerminou como interxeccións dun líquido insulso.

De lonxe escoito o ton melódico da súa voz,

pero non diviso a redondez dos seus beizos, e desespérome.

Ó intre volve como o eco dunha emoción por concluír.

Di que me ama, e que desexa amarme intensamente,

coa carne, non co espírito,

porque é de noite e teme a nocturnidade dos sentimentos.

E eu anhelo que me ame, e déixome amar,

aínda que sexa sen corpo nin alma.

Redención da materia na cúspide do pracer!

E  lentamente o seus dedos cicelan o seu risco no meu peito.

Ela a miña mesalina, eu o seu impúbere plebeo.

—————————————————————————

O seu soño atrápame na tea de araña da paixón.

O meu corpo aboia, suorento, sobre os seus brazos de náiade,

e nunca alcanzo a insua do sosego.

Xorde un berro na tormenta de bicos e caricias,

un orgasmo de estériles formas, que a ninguén fecunda

e todo afoga co banal silencio:

sombras de corpos, metamorfoses de quimeras sexuais.

Quero pronunciar o seu nome, pero non teño voz no meu desexo.

E presinto que se non a nomeo, odiarame altiva

cando emerxa o seu arrebato pueril coa alborada.

O soño seu de ninfa morre nas oscilacións dun batel

que calibra os pasos do tempo.

E eu, amante indefinido, fenezo no seu sibarítico sorriso.