Dr Feelgood, Principles of Joy, The Cinelli Brothers e Marta High & Julián Maeso Sextet no cartel do Vilablues
O festival celebrarase en Vilanova de Arousa o 28 e 29 de agosto. A entrada a todos os concertos é gratuíta
Tamén estará presente un coro de góspel de Nova Orleáns, varios DJs e destacadas figuras da música negra da escena galega e estatal
Vilanova de Arousa volverá a acoller por segundo ano consecutivo a celebración do festival Vilablues, que se celebrará o 28 e o 29 de agosto. As principais actuacións do festival desenvolveranse no Escenario Xacobeo, ubicado no Multiusos da localidade, pero tamén haberá pasarrúas, concertos nos parques e nas prazas, jam sessions na Cofradía e actividades para os cativos e cativas no Auditorio e na Estación Marítima.
Como nas súas dez edicións anteriores, o Vilablues preséntase Vilablues como un festival aberto e moi compensado, no que teñen cabida moi distintos xeitos de entender a música negra: dende o blues máis clásico ata o rhythm & blues, o soul, o góspel, o country-folk, o bluegrass ou rockabilly. Un festival que ten por obxectivo «converter a Ría de Arousa no corazón do blues atlántico, fusionando cultura, música e territorio», sinalan os seus organizadores.
VENRES 28
O cartel da primeira xornada desta décima edición do Vilablues está encabezado polos míticos Dr Feelgood. A banda británica, fundada a principios dos 70, segue sendo unha das formacións de R&B máis apreciadas en todo o mundo. A formación actual conta con dous dos fundadores do grupo (Kevin Morris na batería e Phil Mitchell no baixo) aos que se engade o retorno do guitarrista Gordon Russell, que xa formara parte do grupo durante os oitenta.
Na programación do venres destaca tamén a presenza de The Cinelli Brothers, un cuarteto londinense que representa á nova xeración de músicos apaixonados que comparten o amor polos sons auténticos que fixeron do blues unha pedra angular da historia da música. Así como a de The New Orleans Gospel Choir, que achegará ao Vilablues a súa colección de grandes clásicos do xénero.
O cartel do venres inclúe tamén dúas destacadas presenzas galegas, a de Rockin´Gina and The Sentinels, unha banda que toma as súas influencias dos sons máis puros e das grandes voces femininas dos anos 50, e o retorno de Best Boy, a banda de música fronteriza que hai dez anos formaran Ángel Sánchez e Lucas Fernández.
A programación do venres 28 complétase cun pasarrúas a cargo de Vilanova Orleáns (formación na que participan músicos de The New Orleans Gospel Choir e da Escola de Música de Vilanova), as sesións de Beti de la Church, Crebinsky e Duendeneta Djs, e, tralos concertos, unha jam session no escenario de A Cofradía.
SÁBADO 29
Principles of Joy son un dos grandes atractivos da segunda xornada do Vilablues. A banda francesa é unha das formacións de soul contemporáneo máis populares de Europa, cun estilo que se caracteriza por abordar unha gran variedade de sons clásicos do soul e o northern soul con influencias do hip hop e da psicodelia e mesmo achegamentos á pista de baile.
Sobresaínte é tamén a confluencia da cantante Martha High, quen durante varias décadas foi corista de James Brown, que no Vilablues presentarase acompañada polo Julilán Maeso Organ Sextet. E a do cantante e guitarrista Fede Aguado, un dos nomes históricos do blues en castelán, xunto á súa banda Fierablues.
A representación galega na segunda xornada do Vilablues correrá por conta de Mad Martin, o nome de referencia do rockabilly en Galicia, que no Vilablues fará un concerto especial con numerosas colaboracións; Ruxe Ruxe, a banda de rock que dende 1996 lidera Vituco Neira; e Too Sweet & The Criers, que non é senón o alter ego máis bailongo do músico de blues compostelán Adrián Costa.
A programación do sábado 29 complétase coas sesións dos Djs Little & Kaiser, FonkyOmar e Peligro, e coa jam na Cofradía tralos concertos.
A 11ª edición do Vilablues contará ademais con outra serie de actividades para os cativos e para todos os públicos que se anunciarán nos vindeiros días.
Foto Principlies of Joy cabeceira da man do Vilablues.

