• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Sempre que lle escoito a alguén dicir iso é pra defenderse porque alguén lle di que está a facer algo mal. Pra variar, no canto de querer aprender, e sen saber sequera de que lle están falando ou a razón en cuestión pola cal o que fai está mal, a resposta é: “Eu non lle fago caso a esas cousas”, “eu as regras as crebo todas” ou “pra min a música non ten regras”. Volvemos ao tema da ignorancia e a falla de vontade de aprender, cun engadido de “eu si crebo as regras son rebelde, inconformista e non suxeito á norma, co cal son ultra-creativo fronte aos emboubados que repetides o que vos din que está ben sen pensar por vós mesmos”. Todo isto, claro, sen ter nen a máis mínima idea de ningunha desas regras que supostamente rexeita, nen do que lle estás falando, nen, por suposto, ser consciente nin ter a bagaxe pra saber se realmente soa ben o que está a facer no contexto que o fai, que é, á fin e ao cabo, o que debe primar sempre. Pergúntome coma podes ser rebelde, inconformista e creativo crebando unha regra que non coñeces nen sabes que existe, cando, realmente, o seu, cando crebas unha regra, é ser consciente de que o fas e facelo polas razóns que ti dicides e porque o teu obxectivo é crear un efecto determinado nun momento dado ou, sinxelamente, a ti góstache así nese momento ou contexto. Endexamáis lle escoitei a ningunha persoa nesta situación perguntar a razón, endexamáis en absoluto, ninghún galo de sabedoría nen aprender…só a defensa axinha sobor “o meu gran arranxo ou obra intocabel non suxeita a ningunha outra cousa que crebar tódalas regras do mundo que non coñezo” que resulta ser algo do estilo dos típicos tres acordes, ordenados coma sempre, cunha melodía plana sen galo e infestada de topicazos facilinhos (estrana equipaxe pra quen rompe tódalas regras). Pra min, inconformista de nacemento e pesadelo infindo por perguntón e cuestionador de todo pra moitos dos mestres que tiven, isto non só resulta abondo estrano, senón infindamente absurdo, xa que cuestionarse calquera cousa debe ter por fin, o meu entender, atopar respostas pra ser máis amplo o teu coñecemento. Se ti xa tes a resposta a calquera cousa (que é, enriba e pra todo, sempre esa mesma de (“pra min non hai regras”) non hai nen confrontación, nen cuestionarse nada, nen rebeldía de ningún tipo, senón a liña recta, a ringleira cara ao bebedoiro que a túa propia ignorancia márcache.
Fai xa uns cantos anos. falando cun moi bo amigo guitarrista, que, a pesares de ser unha persoa curiosa e con galo de sabedoría, cando unha idea lle ficou gravada de certa forma non hai quen o saque de aí, moitas veces, tamén, porque se forma a súa propia idea sobor o que dis, fica coa introdución e xa non escoita o restante (podería contar milleiros de anécdotas de cousas absurdas que defendeu e, anos máis tarde ao lembrarllo, dicirme…eu dixen iso? e rirse…), entre unha cousa e outra rematamos con xusto esa cuestión na conversa, con il xa colorado e airado, erguendo o ton porque interpreta as conversacións coma se fosen unha competición que hai que gañar…a verdade non importa…só gañar…un clásico…máis ou menos así:
-“É un prexucioso!! A música non é unha linguaxe!! Coma podes dicir iso?” (dislle “linguaxe” coma forma de “comunicar” e il entende “unha partitura” que enriba, coma non sabe ler, aínda fai que se alporize máis).
-“Refírome a linguaxe coma medio de comunicar, home… Uns códigos con certas normas en forma de son que nos fan chegar a algo…”
-“Normas? As normas son todas pra crebar, eu non sigo ningunha!! A música é ceive!! Non existen as normas!! Só hai unha norma que é que non existen as normas!!! ”
– Eu cunha serenidade abraiante que me entra ás veces en certos momentos de tensión, sen saber coma nen sequera pretendelo, respóstolle quedamente…”Non segues ningunha norma musical? Dis que non existe regra nen norma algunha na música?”
-“Claro que non!! Iso son atadallos das que nos debemos ceivar e que só tedes os prexuiciosos coma ti!!”
-“Entón si non hai regras nen normas, por que afinas a túa guitarra cando vas tocar?”
-Varios segundos de silenzo totalmente pálido e de súpeto volve coa voz baixa e dubitativa…”Pois…igual.. non a debería de afinar…a guitarra…eu…isto…”
-Coma xa nen é capaz de contestar, coa mesma serenidade vólvolle a dar outra volta…”Si eu agora collo un pincel e con pintura ao óleo fago uns trazos nesta parede é música? é máis ben pintura? Digo eu que será máis ben pintura, porque hai uns códigos e normas que establecen que a música, coma mínimo ten que ser son e a pintura non…non cres?…son parámetros que definen e delimitan o que é cada cousa e coma funciona.”
-Máis segundos de silenzo e xa, totalmente desubicado e coa pinga de suor caendo da súa fronte…”Foder, Fran!! Non entendo nada do que me estás falando!!…case nos imos…!
Escrita por Frank Astro.
Tradución ceive ao galego por Rubém Novo.
Foto cabeceira da man de https://mtlocooo.wordpress.com/
Pete Townshend esnaquizando a súa guitarra.