Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

A formación de extrema dereita di que a mobilización está permitida pola Subdelegación e chama aos “españois” a participar na mobilización, que terá lugar este sábado na cidade coruñesa.

A Subdelegación do Goberno español na Galiza non autorizou o pasado 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, a caravana de vehículos que ía realizar o sindicato CUT.

A central sinalaba que a Subdelegada do Goberno respondéralle daquela que na situación actual de pandemia “non pode trasladar un criterio sobre esta celebración e, menos aínda, avaliar a repercusión que, sobre as alteracións de orde pública ou doutra natureza….puidera ter o desenvolvemento da referida manifestación”, para concluír que o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, “non contempla, entre as actividades excepcionadas da limitación xeral para circular, os desprazamentos coa finalidade exposta na súa comunicación”.

Porén, Vox vén de informar a través dun comunicado que a Subdelegación do Goberno español autoriza a súa caravana de vehículos a realizar na Coruña este sábado, 23 de maio.

Caravana por España y su libertad‘ é o nome desta iniciativa, que percorrerá a cidade coruñesa con punto de saída ás 12:00 horas desde a explanada do parking de Riazor para pasar pola Praza de Pontevedra até chegar á Delegación do Goberno.

No comunicado, Vox da Coruña convoca “a todos os españois” a sumarse a esta iniciativa, que tamén se desenvolverá noutras cidades do Estado español.

A formación de extrema dereita di que vai “respectar a normativa vixente en distanciamento, hixiene”, así como no que atinxe a ocupación de vehículos.

Vox enmarca esta caravana no que denomina a ‘Revolta das Máscaras’, en referencia ás mobilizacións que se dan en sitios como o madrileño Barrio de Salamanca contra o Goberno español.

(Foto portada Espiniosa y Abascal (Europa Press.)