Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

DECLARACIÓN ANTE A CORRUPCIÓN DA MONARQUÍA E OS MANIFESTOS DE MILITARES FRANQUISTAS

Galiza pola República e polo dereito a decidir considera que a fuxida do rei Juan Carlos aos Emiratos Árabes Unidos, grazas a un plan acordado pola Casa Real e o Goberno, é un escándalo e unha vergoña internacional.

Non estamos ante “presuntos” casos de corrupción, senón diante dunha actuación corrupta continuada por parte da monarquía borbónica, recoñecida polo propio Felipe VI cando en marzo de 2020 comunica que renuncia a figurar como beneficiario das fundacións Lucum e Zalatka; e confirmada pola propia Axencia Tributaria que comunica, a petición do xuíz, que Juan Carlos non tributou por esas fundacións, bens e contas ocultas no exterior. Todo isto lembra a frase de Valle Inclán en 1931: “Los españoles han echado al último Borbón, no por rey, sino por ladrón”.

A definida recentemente como “regularización fiscal” de Juan Carlos de Borbón, co ingreso de 678.393 euros, non é máis que o pago para conseguir a súa impunidade. Esiximos que se investigue as orixes da súa fortuna que moitos medios sitúan en 2.000 millóns de euros, así como de todos os membros da Familia Real.

Estes son algúns dos casos que apareceron en diversos medios de comunicación e que deberían ser obxecto de investigación xudicial: comisións cobradas pola compra de petróleo a países árabes, caso KIO, venda do Banco Zaragozano, tren de alta velocidade Medina-A Meca; regalos a amigas ou amantes; diñeiro entregado polo empresario Ruiz Mateos para evitar a expropiación de Rumasa; tarxetas opacas, maletíns con millóns de euros que traía de Bahréin e Kazajistán; millóns de euros regalados por Arabia Saudí etc. Juan Carlos de Borbón debería ser obrigado a regresar e presentarse ante a Xustiza para dar explicacións sobre eses casos de corrupción. Queremos que sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdica, e despois de 2014.

Afortunadamente, a sociedade está reaccionando e mobilízase para acabar con esta monarquía caduca e corrupta. E tamén os concellos. O Pleno de Pontevedra de 13 de novembro de 2020, a proposta del goberno municipal (BNG-PSOE), aprobaba “iniciar o expediente para retirar a avenida Juan Carlos I, así como todo tipo de honores e distincións concedidas ao monarca”.

A monarquía Borbónica é herdeira do franquismo e Juan Carlos foi designado polo ditador Franco en 1969 como o seu sucesor na Xefatura de Estado “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. No seu discurso ante as Cortes aceptaba a lexitimidade da ditadura: “Legitimidad política surgida del 18 de julio de 1936”. Nunca denunciou durante 39 anos de reinado, tampouco Felipe VI, a ditadura criminal de Franco, que si foi condenada por Nacións Unidas.

Juan Carlos estaba agradecido ao ditador Franco e sempre manifestou que tiña un gran afecto e admiración ao ditador. Por iso seis días despois do falecemento de Franco concedía a súa familia as distincións de Señorío de Meirás e Ducado de Franco. As máis de 6.000 persoas asasinadas en Galiza despois da sublevación fascistas do 18 de xullo de 1936; as 200.000 persoas fusiladas en todo o Estado despois da guerra; as 750.000 en cárceres e campos de concentración; os corenta anos de terrorismo de Estado e ditadura criminal, eran definidos por Juan Carlos no Decreto de concesión deses títulos nobiliarios como “Gloriosa etapa histórica de nuestra Patria”.

Nos últimos anos son continuados as declaracións ou manifestos de altos mandos militares, que non respectan o funcionamento democrático, nin as decisións de gobernos que non son de dereitas, sen que houbese unha resposta contundente por parte dos sucesivos gobernos para frear este tipo de actuacións e pronunciamentos de militares nostálxicos do franquismo. Cómpre a destitución inmediata de todas as persoas militares que fan declaracións ou apoian manifestos franquistas contra o goberno ou de exaltación do fascismo, así como a retirada de todo tipo de distincións e privilexios económicos e militares a aqueles que, retirados ou en activo, participan neste tipo de pronunciamentos.

Denunciamos o silencio cómplice, a falta de resposta inmediata, de Felipe VI ante este tipo de pronunciamentos de militares franquistas, que coincide con declaracións de partidos da ultradereita que se mostran comprensivos, e incluso cualificaban a eses militares franquistas e golpistas como “nuestra gente”, sempre desde  a súa fidelidade e apoio á Coroa.

AXUNTAMOS O TEXTO ÍNTEGRO DESTA DECLARACIÓN E A RELACIÓN DE ORGANIZACIÓNS QUE FORMAN PARTE DESTA PLATAFORMA CÍVICA NA COMARCA DA CORUÑA

Galiza pola República e polo dereito da decidir

DECLARACIÓN ANTE A CORRUPCIÓN DA MONARQUÍA E OS MANIFESTOS DE MILITARES FRANQUISTAS

A fuxida do rei Juan Carlos, grazas a un plan acordado pola Casa Real e o Goberno, é un escándalo e unha vergoña internacional. Constitúe un caso único nun país democrático que o Tribunal Supremo –sabe desde hai anos que Juan Carlos ten fundacións (Lucum e Zalatka) e contas ocultas no estranxeiro– permita esta fuxida e non abra dilixencias para investigar delitos de fraude fiscal e branqueo de capitais.

Non estamos ante “presuntos” casos de corrupción, senón diante dunha actuación corrupta continuada por parte da monarquía borbónica, recoñecida polo propio Felipe VI cando en marzo de 2020 comunica que renuncia a figurar como beneficiario nesas fundacións; e confirmada pola propia Axencia Tributaria que comunica, a petición do xuíz, que Juan Carlos non tributou por esas fundacións, bens e contas ocultas no exterior. Todo isto lembra a frase de Valle Inclán en 1931: “Los españoles han echado al último Borbón, no por rey, sino por ladrón”.

Denunciamos a oposición continuada, até en cinco ocasións, da Mesa do Congreso (co voto de PSOE, PP e Vox) a que se investiguen os numerosos casos de corrupción. Estamos ante unha auténtica blindaxe e impunidade da monarquía.

Se somos todas e todos iguais ante a lei, Juan Carlos Borbón non debería ter ningún privilexio e debería ser xulgado polas súas actuacións persoais, que non teñen nada que ver coa súa función como Xefe de Estado.

A definida recentemente como “regularización fiscal”, co ingreso de 678.393 euros, non é máis que o pago para conseguir a súa impunidade. Esiximos que se investigue as orixes da súa fortuna que moitos medios sitúan en 2.000 millóns de euros, así como de todos os membros da Familia Real.

Estes son algúns dos casos que apareceron en diversos medios de comunicación e que deberían ser obxecto de investigación xudicial: comisións cobradas pola compra de petróleo a países árabes, caso KIO, venda do Banco Zaragozano, tren de alta velocidade Medina-A Meca; regalos a amigas ou amantes; diñeiro entregado polo empresario Ruiz Mateos para evitar a expropiación de Rumasa; tarxetas opacas, maletíns con millóns de euros que traía de Bahréin e Kazajistán; millóns de euros regalados por Arabia Saudí etc. Juan Carlos de Borbón debería ser obrigado a regresar e presentarse ante a Xustiza para dar explicacións sobre eses casos de corrupción. Queremos que sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdica, e despois de 2014.

Afortunadamente, a sociedade está reaccionando e mobilízase para acabar con esta monarquía caduca e corrupta. E tamén os concellos: o pleno municipal de Sada de 24 de setembro de 2020 aprobaba unha moción con estes acordos “Condenar a fuxida do rei emérito mentres está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo. Instar a que Juan Carlos Borbón reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei desde 2008. Que unha Comisión do Congreso dos Deputados investigue os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades económicas durante o seu reinado; os bens e patrimonio de todos os membros da Familia Real, así como as contas nos bancos. Instar ao Goberno do Estado a que inicie os procesos necesarios para a celebración dun referendo ou consulta á cidadanía sobre a forma de Estado, monarquía ou república”.

O Pleno de Pontevedra de 13 de novembro de 2020, a proposta del goberno municipal (BNG-PSOE), aprobaba “iniciar o expediente para retirar a avenida Juan Carlos I, así como todo tipo de honores e distincións concedidas ao monarca”.

Adiantamos que, no caso de que o rei Juan Carlos pretenda visitar Galiza, será recibido como se merece unha persoa que foxe da xustiza e non se somete voluntariamente ante un xuízo por corrupción continuada.

Os pronunciamentos o manifestos de significados altos militares franquistas non son máis que a outra cara da mesma moeda. A monarquía Borbónica é herdeira do franquismo e Juan Carlos foi designado polo ditador Franco en 1969 como o seu sucesor na Xefatura de Estado “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. E no seu discurso ante as Cortes aceptaba a lexitimidade da ditadura: “Legitimidad política surgida del 18 de julio de 1936”.

Juan Carlos nunca denunciou durante 39 anos de reinado, tampouco Felipe VI, a ditadura criminal de Franco, que si foi condenada por Nacións Unidas. Así, a Resolución 39 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946 dicía: “De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini, e estabelecido en gran parte grazas á axuda recibida dos mesmos”.

Juan Carlos estaba agradecido ao ditador Franco e sempre manifestou que tiña un gran afecto e admiración ao ditador. Por iso seis días despois do falecemento de Franco concedía a súa familia as distincións de Señorío de Meirás e Ducado de Franco. As máis de 6.000 persoas asasinadas en Galiza despois da sublevación fascistas do 18 de xullo de 1936; as 200.000 persoas fusiladas en todo o Estado despois da guerra; as 750.000 en cárceres e campos de concentración; os corenta anos de terrorismo de Estado e ditadura criminal, eran definidos por Juan Carlos no Decreto de concesión deses títulos nobiliarios como “Gloriosa etapa histórica de nuestra Patria”.

Chove sobre mollado porque nos últimos anos son continuados as declaracións ou manifestos de altos mandos militares, que non respectan o funcionamento democrático, nin as decisións de gobernos que non son de dereitas, sen que houbese unha resposta contundente por parte dos sucesivos gobernos para frear este tipo de actuacións e pronunciamentos de militares nostálxicos do franquismo.

Este tipo de pasividade ante o auxe de ideas claramente fascistas xa foi denunciado recentemente por un colectivo de ex–presas e ex–presos políticos de Ferrol cando lembraban que despois de 43 anos de democracia, 65 xenerais, 7 almirantes, 30 capitáns de navío, 2 capitáns de fragata, 374 coroneis e tenentes coroneis, 48 comandantes, todos eles en situación de retirados, facían público en agosto de 2018 unha Declaración de respeto y desagravio al general don Francisco Franco Bahamonde. Soldado de España, que xustificaba a sublevación de 1936 contra o goberno lexítimo da República.

A única reacción da ministra de Defensa do Goberno do PSOE ante este grave pronunciamento franquista foi expulsar do Exército de Terra ao cabo de Redondela, Marco Antonio Santos Soto, que asinou outro manifesto de militares, que proclamaba: “El general Franco no merece respeto ni desagravio alguno, sino nuestra repulsa más absoluta por haber encabezado un golpe de estado sangriento y genocida contra la legal y legítima II República Española, la feroz guerra civil posterior, y una dictadura opresiva e inclemente durante casi cuarenta años”.

Como contraste con esta actitude permisiva coas declaracións e manifestos que exaltan ao ditador Franco e xustifican a sublevación militar e fascista de 1936, o Código Penal de Alemaña contempla penas de até tres anos de cárcere por exaltación do nazismo e o seu Ministerio de Defensa disolvía unha compañía en xuño de 2020 por vínculos coa extrema dereita dalgúns dos seus membros. En Italia a apoloxía do fascismo pode ser castigada até con catros anos de prisión e tamén está penalizada a propaganda do réxime fascista. Cómpre a destitución inmediata de todas as persoas militares que fan declaracións ou apoian manifestos franquistas contra o goberno ou de exaltación do fascismo, así como a retirada de todo tipo de distincións e privilexios económicos e militares a aqueles que, retirados ou en activo, participan neste tipo de pronunciamentos.

Denunciamos o silencio cómplice, a falta de resposta inmediata, de Felipe VI ante este tipo de pronunciamentos de militares franquistas, que coincide con declaracións de partidos da ultradereita que se mostran comprensivos, e incluso cualificaban a eses militares franquistas e golpistas como “nuestra gente”, sempre desde a súa fidelidade e apoio á Coroa.

A Coruña, 21 de decembro de 2020.

GALIZA POLA REPÚBLICA ESTÁ CONSTITUÍDA NA COMARCA DA CORUÑA POLAS SEGUINTES ORGANIZACIÓNS:

A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, C.S. Gomez Gaioso, C.S. A Comuna, A.C. Irmáns Suárez Picallo, Cultura Aberta de Carral, Anova, BNG, Corrente Vermella, Equo, Esquerda Unida, PCG, Marea Atlántica, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, CIG, Vangarda Obreira e CRMH.

(Foto cortesía de https://www.lavozdelarepublica.es/)