Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 Club de opinión

Foro Cívico

       25º aniversario

Que facer para garantir o  Sistema Público de Pensións?

 

              Mércores, 29 de novembro de 2017, ás 19,30 horas

     Portas Ártabras, rúa Sinagoga, 22 da Cidade Vella da Coruña 

Participantes:

Guillermo Fontán e Gonzalo Balo, do Movemento Galego pola Defensa do Sistema Público de Pensións (MODEPEN)

Demetrio Vázquez, de CCOO

Eduardo Álvarez, do colectivo de Pensionistas da CIG

Moderador:

Manuel Monge, Secretario do Foro Cívico

   En Galicia existen 669.000 pensionistas, que perciben mensualmente unha media de 780 euros, a máis baixa despois de Estremadura, e entre un 15-20% inferior á media do Estado. Ademais, o 60% das pensións galegas están por debaixo do salario mínimo interprofesional mensual, que é de 707 euros. Aquí tamén existe unha discriminación por razón de xénero e as mulleres cobran unhas pensións moi inferiores ás dos homes. Fálase de que Galicia ten un déficit entre cotizantes e pensionistas, discurso que alimenta a propaganda de que estamos subsidiados, pero non teñen en conta que hai máis de 300.000 traballadoras e traballadores galegos que cotizan para a Seguridade Social no resto do Estado, pero que non aparecen nas estatísticas

   Nos últimos anos tomáronse medidas moi negativas para o futuro das pensións. En 2011 o goberno de Zapatero alongaba a idade de xubilación, aumentaba o número de anos necesarios para cobrar o 100% da base reguladora o que rebaixará as futuras pensións. O Goberno de Rajoy aplicou novas reformas en 2013 e segue as recomendacións do Fondo Monetario Internacional: suba anual das pensións que non teña relación co aumento do IPC, que se prolongue a idade de xubilación e que os futuros pensionistas inicien un plan privado para garantir o seu futuro. Con esta política, mentres a renda anual sube un 2,5% as pensión crecerán un 0,25%. Nos próximos cinco anos as pensións subirán un 1,5%, pero como a cesta da compra subirá un 12,6%, as persoas pensionistas perderán un 11% de poder adquisitivo.

   Fálase de que non hai cartos para pagar tantas pensións, pero a realidade é que o Estado español dedica ao sistema público de pensións o 10,7% do PIB, cando a media da Eurozona é do 12,2% e do 11,3% no conxunto da Unión Europea. Por outra parte, o goberno pretende pagar algunhas pensións con novos impostos.

   Asistimos a unha mala administración dos recursos públicos. En 2011 o Fondo de Reserva da Seguridade Social para o pago das pensións era de 66.815 millóns de euros, que foron dilapidados polo goberno do PP, e as previsión é que esa caixa de reserva quede en 7.000 millóns a finais de 2017.

   Están a xerarse dúbidas sobre a viabilidade do sistema público de pensión co único obxectivo de favorecer os plans privados de pensións, que son presentados como “aforro complementario”, controlados, maioritariamente pola banca. A finais de 2015 preto de 302.000 galegos e galegas tiñan depositados 8.5000 millóns de euros nestes plans de pensións, equivalente ao orzamento anual da Xunta de Galicia. Uns plans privados que son caros, pouco transparentes, con pouca rendibilidade e que só están ao alcance das rendas máis altas.

 

  Ante esta situación, deben os sindicatos asinar co Goberno e a patronal acordos que hipotequen o futuro das pensións? Que medidas ou reivindicacións comúns deberían defender os sindicatos e o conxunto da sociedade para garantir un Sistema Público de Pensións e unha vida digna para todas as persoas pensionistas? Por que non se cumpre o artigo 50 da Constitución?: “Os poderes públicos garantirán, mediante pensións axeitadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica á cidadanía na terceira idade”. Están son algunhas das cuestións que someteremos a debate neste acto do club de opinión Foro Cívico.

FOTO PORTADA: PAXINASGALEGAS.ES