Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
Esta fin de semana fomos ao Curtas en Vilagarcía. Non sabedes de que vos falo, non? Xa, nós tampouco sabiamos de que ía o tema até que, hai tres anos, nos convidaron a facer unha presentación de Negruña a Vilagarcía. Non pensedes que foi polo famoso que era/son, non. Foi por mediación das amizades que temos por aló (Andrea, Luis, Juan) e que nos aseguran un oco para contar as nosas paranoias de cando en vez. O asunto foi que este ano era especial porque non acudimos coas nosas novelas. Fomos presentar un volume colectivo de relatos curtos de fantasía en galego. Fantasía épica en galego para adultos e, ademais, ambientada na Galiza.
O que máis nos chamou a atención foi o traballo brutal que a xente da organización estaba a facer desde primeira hora da mañá, a calidade incríbel da exposición de espadas, dragóns, golums, colgantes, tiaras, ilustracións e o trono de ferro que alí había. Todo preparado e fabricado, en moitos casos, para a propia exposición.
O que máis me chama a atención é o mutismo dos medios de comunicación. E non falo dos que tedes en mente, non, que eses aínda algo contaron. Falo de Praza.gal, de Sermos, de Luzes e das redes sociais galeguistas en xeral. Falo de todas esas canles de comunicación ás que esta fin de semana se lles encheu a boca falando do evento cultural do ano e que, para min, non fixo máis que poñer de manifesto a situación de autoconsumo e autopremio que padece o sistema cultural galego.
Espero que a próxima vez que nas redes se critique o enfoque selectivo que fai a CRTVG dos eventos e actos aos que dá cobertura, se reflexione un chisco (só un pouco, non vaia ser) sobre que tipo de difusión fan os medios de comunicación minoritarios que, por definición, deberían defender e difundir a cultura galega minoritaria. Espero que a cultura galega non caia nunha espiral de egocentrismo que lle impida ver máis alá dos seus (repetidos até o fastío) premios culturais e sexa quen de admitir unha oferta variada e plural, unha oferta na que todo o potencial creativo de Galicia teña cabida e non só unhas poucas mentes privilexiadas.