• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


Club de opinión Foro Cívico

     Convocatoria do “Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade”

Coincidindo co 25 aniversario da súa creación, o club de opinión Foro Cívico convoca un premio anual que recoñeza o traballo a prol da xustiza e da liberdade, collendo como referencia a persoa de Marcelino Liste.

Marcelino Liste é unha referencia inevitábel dos últimos anos da ditadura franquista e primeiros anos da transición democrática. Un loitador que deixou a súa particular pegada nas denuncias dos escándalos e ilegalidades urbanísticas da Coruña a través da Federación de Asociacións de Veciños da comarca, que el presidía. Nel fúndense compromiso vital e vontade de mellorar as condicións de vida da cidadanía. Liste pensaba que a mellor ferramenta para dotar aos barrios da infraestrutura e equipamentos dos que carecían, resultado do abandono da ditadura, era fomentar a participación activa a través de entidades de base, simbolizadas polas asociacións de veciños. Foi unha persoa entregada aos demais, que sempre actuou seguindo uns principios éticos e defendendo os intereses da cidadanía, particularmente dos máis desfavorecidos, e traballou a prol dunha cidade máis humana, sostíbel e sen especulación. A xustiza e a liberdade inspiraron sempre a súa actuación.

Poderán presentar a súas propostas para o “Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade” entidades ou persoas da comarca da Coruña. A proposta irá acompañada do nome da entidade ou persoa que se propón para a distinción, así como dos datos (enderezo, teléfono, correo electrónico), historial e actividades desenvolvidas nos últimos anos.

As propostas poderán presentarse en sobre pechado na Concellería de Cultura do concello da Coruña (avda. da Mariña, 18 A Coruña 15001, ou ao correo electrónico do Foro Cívico: forocivicocoruna@gmail.com

O prazo para a presentación de propostas será do 6 ao 27 de novembro de 2017. Un xurado composto por socias e socios do Foro Cívico, que non sexan membros da Xunta Directiva, decidirá entre as candidaturas presentadas.

O premio será entregado anualmente nas datas arredor do Día Internacional dos Dereitos Humanos (10 de decembro). Nesta ocasión cunha cea o venres, 15 de decembro de 2017 ás 21 horas no Club do Mar de Santo Amaro.

Colaboran:

Concello da Coruña                          Deputación da Coruña