Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
  • O nacionalismo para nós non é un espazo pechado ao que se adherir, senón unha ferramenta útil e aberta para a construción dunha Galiza mellor

Baixo o título, “Galiza ten futuro:Unha alternativa nacionalista”, a portavoz nacional e do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón pronunciou hoxe  unha conferencia no Museo Municipal “Ramón Aller” na localidade de Lalín.

A nacionalista asegurou que estamos  nun momento clave e nun tempo de pensar que Galiza queremos. Neste sentido, explicou que vivimos como país unha etapa especialmente crítica no sentido etimolóxico do termo. “Unha etapa inestábel, de mudanzas, na que todo o que parecía sólido demostrou non selo tanto e na que varias xeracións descubriron que as bases do que parecía un futuro prometedor eran ficticias e pertencían a un relato que non se sostiña”

Na súa intervención, a nacionalista apelou a” abrir un tempo novo” para construír un horizonte que nos permita saír da crise provocada pola pinchada burbulla  e as consecuencias da ofensiva política contra ás maiorías sociais.

Neste sentido afirmou que “abrir un tempo novo “non é simple un slogan marquetiniano. Estamos nun momento no que a política é máis necesaria que nunca, “a política de verdade, con maiúsculas,” a que sabe poñer os intereses do país por diante dos partidarios e enfocar o futuro con luces largas. Porque en boa medida toca “repensar Galiza como proxecto”. Toca repensar e definir, colectivamente, o modelo produtivo, social e cultural dun país que temos que facer viábel, inclusivo e próspero.

Empoderamento social e cultural galego

Digo repensar Galiza como proxecto e dígoo adrede. Obviamente Galiza xa existe, a nación galega existe, e por iso existimos nós  defendemos os seus dereitos. Mais toca pasar da Galiza en si á Galiza para si, isto é, toca construír máis “poder galego” para reforzar o país e avanzar no seu empoderamento social e cultural. Apostando por construír un tecido social e económico máis vivo, dinámico e conectado e axudando a mobilizar e a conectar as enerxías do país nun deseño máis autocentrado, máis consciente, máis intelixente e orientado a crear riqueza e emprego. E iso lógrase con argumentos, con formación, con iniciativas e estruturas actualizadas e sólidas, con capacidade de tecer acordos e de impulsar propostas que sinalen un horizonte compartido e desexable para a grande maioría.

Esa proposta, apuntou a portavoz do BNG, debe relacionar a articulación de poder galego por abaixo (empoderamento e vertebración do país) coa necesidade de avanzar en parcelas de capacidade de decisión real para Galiza.

O BNG reclama a transferencia da AP-9

O que está a acontecer coa AP9 estes días é un exemplo do vínculo directo entre capacidade de decidir sobre as cuestións centrais que nos afectan como país e as mudanzas a mellor que esa capacidade tería sobre a nosa sociedade e o noso territorio. Seguramente hai bastante xente que, sen se sentir ideolóxica ou culturalmente nacionalista, entendendo o termo nun sentido do sentimento de vinculación ou pertenza a unha determinada tradición ou cultura política, si que se dá perfecta conta de como a máis autogoberno, máis desenvolvemento social e económico.

En resumo, o que quero sinalar é que o noso país sufriu grandes mudanzas na súa estrutura social e económica nas últimas décadas, está a padecer as consecuencias durísimas das políticas centralistas e antisociais do Estado e da UE e hoxe debe enfrontar, sen estar na mellor das condicións para facelo, novos retos e desafíos.

O principal reto do nacionalismo galego nesta hora é ofrecer, con convicción, con rigor e con ilusión, o proxecto dun país novo a construír, dunha Galiza que ilusione e mereza a pena.  “Debemos ser capaces de formular un sentido novo e compartido para o futuro de Galiza, un programa para a modernización e o benestar do noso país”.

O papel do BNG. Iniciativa, traballo e diálogo ao servizo da Galiza que queremos.

O BNG,explicou Ana Pontón,  é unha organización política cos pés na terra, centrada no desenvolvemento social, económico e cultural de Galiza e na resolución dos problemas da nosa sociedade.

Dixémolo na campaña electoral. O nacionalismo para nós non é un espazo pechado ao que se adherir, senón unha ferramenta útil e aberta para a construción dunha Galiza mellor . Como din agora as persoas máis relacionadas coas redes sociais: en código aberto. Debemos insistir nesa idea. Hai unha maioría social que desexa  recuperar o orgullo e a ilusión de vivir nun país que merece a pena, nun país con oportunidades e do que non haxa que marchar, nun país próspero e desenvolvido, no que poder traballar e vivir con calidade, garantías sociais e perspectivas de futuro.

Contra o politiqueo e o tacticismo, unha política solvente

A sociedade percibe da política convencional imaxes negativas:  “politiqueo” e tacticismos. A nivel de Estado vemos en que deron. Nós debemos desmarcarnos diso. Debemos demostrar que somos diferentes sendo de verdade diferentes. Temos que apostar por dignificar a actividade política e os espazos de participación política, sexan no campo social como institucional, a través dunha “acción política solvente, rigorosa, seria e ao tempo profundamente accesible e dialogante con todos os sectores da nosa sociedade”

A aposta do BNG é demostrar que o “noso proxecto de país merece a pena, porque é compartido,  inclusivo,  constrúe oportunidades e garante dereitos, asentase na xustiza social, na igualdade, na autoestima colectiva e  no desenvolvemento das nosas capacidades colectivas”.

A parlamentaria anunciou que o  BNG na vindeira lexislatura vai  lanzar e explicar propostas de país, isto é, “propostas centrais para a construción de Galiza como un proxecto compartido, aberto, integrador, viable por si mesmo, como é, e que garanta benestar e futuro para o conxunto dos galegos e galegas”

Nesta liña recalcou que as iniciativas irán destinadas a  ámbitos clave: situación demográfica, ordenación do territorio, I + D + i e nova economía, sistema de financiamento, modelo de infraestruturas, modelo social.

Queremos facelo desde un enfoque amplo. Trátase de asuntos de especial interese para Galiza e cremos que esas iniciativas deben ser elaboradas contando con persoas expertas e de forma plural. Ou sexa, “con persoas do BNG e de fóra do BNG” , concluíu