Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O BNG de Oleiros propón emendas aos Orzamentos da Xunta para 2018 por valor de 7 millóns de euros

A Residencia de Maiores de Oleiros, a travesía de Montrove, a creación dunha nova escola infantil de 0-3 anos en Nós ou a rede de saneamento na zona da Gándara e San Marcos concentrarían a maior parte do investimento proposto

O Bloque tamén levará ao Parlamento propostas de dotación económica para o porto de Lorbé, o CEIDA e o Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Liáns, os centros educativos, o Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes ou o Museo dos Oleiros

Oleiros, 8 de novembro de 2017.- Un ano máis a asemblea local do BNG – Asembleas Abertas de Oleiros vén de elaborar emendas propias ao proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018 para o seu traslado ao Parlamento, a través das deputadas e deputados nacionalistas, durante o proceso de debate e tramitación das contas autonómicas.

A formación nacionalista propón a inclusión de catro importantes actuacións no municipio nos orzamentos da Xunta, por se tratar de cuestións de competencia autonómica: todas elas inicialmente excluídas, a pesar da demanda social, do proxecto de orzamentos presentado polo goberno galego do Partido Popular.

O BNG oleirense propón unha dotación de un millón de € para cada unha das catro actuacións que considera prioritarias: unha actuación integral sobre a Residencia Asistida de Maiores de Pousada, en Oleiros; unha actuación de mellora global da mobilidade e a seguridade viaria na AC-174 (Avenida de Rosalía de Castro), especialmente no seu tramo da travesía de Montrove; a creación dunha nova escola infantil pública de 0-3 anos, para a que mesmo hai reservado solo municipal na zona do Vieiro (Nós) desde o ano 2010; e unha renovación global da rede de saneamento na zona da Gándara e San Marcos (Nós) para pór fin ao persistente problema de fedores que padece desde hai máis dunha década a veciñanza da zona, así como aos vertidos que periodicamente sofre o Rego da Gándara, cuxas augas logo acaban na Ría do Burgo.

Outro ámbito onde o BNG de Oleiros propón actuacións financeiras é o medioambiental: así, proponse a elaboración dun plan de xestión do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes para actuar en labores de conservación, custodia e dinamización deste espazo protexido. Proponse tamén, un ano máis, acabar co “estado de excepción orzamentario” que padece o CEIDA, aumentando o seu orzamento até garantir a súa estabilidade económica, e aumentar o investimento público no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Liáns, o único destas características que hai na provincia coruñesa.

Como en anos anteriores, o Bloque de Oleiros tamén propón un investimento económico específico para a mellora das instalacións portuarias do municipio que son de competencia autonómica, nomeadamente o de Lorbé, mais sen esquecer as necesidades de conservación dos peiraos centenarios de Mera e Santa Cruz ou as reivindicacións, continuadas no tempo e non atendidas, dos colectivos náuticos da localidade de Mera.

O BNG de Oleiros propón tamén incluír nos orzamentos autonómicos unha partida de 900.000 € para distintas actuacións de mellora e ampliación de instalacións e equipamentos nos centros educativos públicos do municipio, especialmente nos máis antigos. Tamén se propón, por último, unha dotación de 100.000 € para apoio ao Museo dos Oleiros José María Kaydeda coincidindo co importante momento que está a vivir esta senlleira colección, de próximo traslado á súa nova sede no Castelo de Santa Cruz.

(Foto portada cortesía de oleiros.org)