Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Diante da decisión do Tribunal Supremo feita pública no día de hoxe, de condenar representantes políticos e sociais de Catalunya pola súa participación na organización do referendo do 1 de outubro de 2017, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego quere manifestar:

  1. O absoluto rexeitamento a unha sentenza, froito dun xuízo político, que consideramos inxusta e desproporcionada. As presas e presos políticos cataláns non tiveron acceso a un xuízo xusto, imparcial nin desenvolvido coas mínimas garantías. Estaban sentenciad@s antes de comezar, malia que o seu único delito foi defender, por vías pacíficas e democráticas, o dereito do pobo catalán a decidir libremente o seu futuro.
  2. O noso apoio e solidariedade con Oriol Junqueras, Jordi Turull, Joaquim Forn, Raül Romeva, Dolors Bassa, Carme Forcadell, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, coas súas familias, amizades e coas organizacións políticas e sociais que representan.
  3. Non debemos esquecer que esta situación vén derivada da posición antidemocrática, privada da máis mínima lexitimidade neste aspecto, da forma con que se actuou contra o novo Estatut baleirándoo do seu contido, após ser aprobado polo Parlament de Catalunya, polas Cortes Xerais e polo pobo catalán en referendo. Esta forma de proceder veu demostrar que o Estado español pretende manter un statu quo que nega a existencia de vontade política propia en cada un dos pobos que o integran, neste caso o pobo catalán. Todo o proceso represivo posterior ao referendo do día 1 de outubro de 2017 (as cargas policiais nesa xornada, a aplicación do artigo 155 da CE, o uso das cloacas do estado contra o independentismo catalán e agora esta sentenza) sitúase dentro desta concepción, inasumíbel democraticamente e atentatoria aos seus dereitos básicos, á súa propia existencia como tais.
  4. Esta sentenza é a enésima demostración do proceso de profunda involución democrática que estamos a vivir e que non só afecta a negativa do Estado español a recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskal Herria e Galiza e o seu lexítimo dereito á autodeterminación, senón que vai nunha clara dirección de retroceso, recentralización e perda de dereitos e liberdades básicas como a liberdade de expresión, reunión, manifestación, conciencia ou de participación política. Infelizmente, a ameaza da aplicación de novo do artigo 155 da CE para intervir o goberno de Catalunya, a posibilidade dunha reforma electoral para limitar a participación política das organizacións nacionalistas ou -directamente- a súa ilegalización, están hoxe enriba da mesa.
  5. O BNG sempre estará do lado da democracia e do dereito de todos os pobos do mundo a poderen decidir libremente o seu futuro. Por ese motivo, facemos un chamamento a unha rectificación política ao novo goberno español que saír das urnas no vindeiro 10 de novembro. Este é un debate de índole política que nunca se poderá resolver pola vía policial e xudicial. Só ten unha saída: a negociación política e que o pobo poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos.
  6. Hai equidistancias imposíbeis. Ningunha persoa demócrata pode permanecer indiferente ou equidistante ante unha sentenza como a que vimos de coñecer. Por ese motivo, o Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega a participar nas mobilizacións sociais convocadas hoxe ás 20:00h. pola Plataforma Galiza con Catalunya -de que o BNG forma parte- para mostrar o rexeitamento a esta sentenza infame.

(Foto portada Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya)

https://www.bng.gal