bng

Comunicado da Executiva do BNG pola prisión incondicional dos membros do Govern de Catalunya

Publicado el 6 noviembre, 2017 | Opinión

Diante da orde de prisión incondicional decretada esta tarde contra as e os membros do Govern de Cataluña, a Executiva Nacional do BNG quere manifestar o seguinte:

  1. A orde de prisión decretada contra o lexítimo Goberno de Cataluña resulta dunha gravidade extrema e marca un auténtico punto de inflexión na deriva represiva e autoritaria do Estado español. Sen separación de poderes e sen independencia xudicial non hai democracia merecente de tal nome. E a decisión tomada hoxe é unha decisión claramente concertada entre poder xudicial e político, que deixa ás claras que no Estado español non hai hoxe separación de poderes, senón uns órganos xudiciais absolutamente politizados e ao servizo do partido no Goberno.
  2. O paso dado hoxe pola xuíza Lamela, na liña marcada polo Goberno de Mariano Rajoy e os poderes do Estado, abre a crise democrática máis grave dos últimos 40 anos e instala o Estado español nun comportamento neofranquista. Calquera persoa demócrata, sexa ou non nacionalista, opine o que opine do proceso soberanista catalán, ten hoxe motivos relevantes para estar fondamente preocupada pola involución democrática que vivimos. O camiño de represión comezado nestas semanas aplícase hoxe contra o independentismo catalán, mais é unha porta aberta que ameaza desde agora a calquera persoa, colectivo ou proposta política e social transformadora ou incómoda para o poder.
  3. A monarquía, o Ibex 35, os medios do Ibex 35, o Goberno do Partido Popular e os partidos sistémicos – con especial mención para o apoio expreso do PSOE en todo este proceso- están comandando unha actuación represiva contra as e os representantes da vontade popular maioritaria do pobo catalán, expresada democraticamente nas urnas. O español é hoxe un Estado democraticamente falido que manda a prisión a líderes de entidades cívicas e a conselleiros dun Goberno escollidos democraticamente, que ordena ás forzas policiais actuar violentamente contra cidadáns indefensos que queren poder depositar o seu voto nunha urna, que persegue e pecha páxinas webs e asalta empresas e medios de comunicación. Este comportamento carga de razóns o nacionalismo galego cando defendemos que a mellor maneira de garantir democracia no noso País é exercendo a soberanía.
  4. Nada desa represión vai poder mudar o fundamental: o problema do Estado español, e o que fai que sexa en esencia un Estado de escasa calidade democrática, é a súa negativa a recoñecer a existencia de nacións diferentes da española e, en consecuencia, respectar os seus dereitos. O goberno de Mariano Rajoy, dirixente do partido máis corrupto de Europa, podería decidir aumentar aínda máis a represión e mandar a prisión ao Goberno catalán, á Mesa do Parlamento, aos 72 deputados independentistas, aos 700 alcaldes que apoian a independencia e aos líderes das entidades cívicas soberanistas de Cataluña. Todo iso non lle serviría de nada, nin a el nin a ningún outro. O problema de fondo é político: o recoñecemento pleno dos dereitos nacionais de Galiza, Euskadi e Cataluña por parte do Estado español, a comezar polo dereito de autodeterminación, xa recoñecido internacionalmente pola ONU. Ou se dá ese recoñecemento e se articulan formas de que a vontade popular deses pobos poida expresarse de forma libre, democrática e con garantías plenas -como en Escocia co Reino Unido ou en Quebec co Canadá- ou a vía represiva española non só non rematará co conflito, senón que o agravará.
  5. Desde o BNG queremos mandar un abrazo fraternal e solidario ás familias, forzas políticas e entidades cívicas soberanistas de Cataluña, das que nos sentimos próximas e irmás na defensa da democracia, a liberdade, os dereitos sociais e o dereito a decidir dos pobos.

¿Te gusta este artículo? ¡Compártelo!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *