Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Un dos moitos engados da capital de Galicia é ser a cidade literaria que ten propiciado tanta creación ao seu abeiro emocional e mítico. As coruxas que danzan por riba da Acibechería saben, de xeración en xeración, que as pedras de Santiago acollen moitos versos escoitados, mesmo sen atoparen despois un xeito de escritura, e moitas historias enxergadas ao paso polas laxas que empedran o seu chan e lle permiten alzarse convivindo en harmonía coa mestura de estilos. Cerca do espazo que nomeo, unha rúa leva o nome do trobador Abril Ares, denominación deturpada pola fala en “Os Brillares” e xa debidamente restituída no seu rótulo. Pertencía a esa gran escola santiaguesa na que brillaron Bernal de Bonaval, Joan Airas e Airas Nunes, cuxos versos chegaron lonxe a través do Camiño de Santiago cruzándose no trafego cultural da época coas influencias que viñan da Provenza. Algúns espazos xeográficos dos arredores da cidade teñen nomes unidos á literatura por seren fermoseados coa emoción de Rosalía: Sar, Sarela, San Domingos, Conxo, San Lourenzo, Ramírez, O Pedroso…, inda que toda ela ten na súa veciña máis universal a gran intérprete. As súas evocacións da Catedral –por dentro e por fóra, de cerca e de lonxe- serán tan duradeiras como a súa pedra. A Praza da Quintana é universalizada nos versos de Lorca, e Solovio está presente no apelido do protagonista desa novela oteriana que nos fai entender a Xeración Nós e mesmo a nós dando voltas ao noso arredor ata chegar ao decubrimento da Galicia que é un mundo e paga a pena decubrila na súa profundidade. En Compostela convive o eco da palabra feita arte coa arte dos canteiros sobre a pedra como en ningunha outra cidade. Porque é guía e camiño, parede e transparencia, luz e melancolía, espazo e claustro, poesía e razón. Eis as tertulias nas que facer dialogar a literatura coas artes plásticas e co pensamento occidental nos vellos cafés, algúns transformados ou desaparecidos. Inda hoxe se organizan faladoiros arredor de temas que interesan ás letras liberadas de tutelas e arriquecidas pola forma e a profundidade.

Como en Santiago en ningures repenica a chuvia nas laxes lendo fragmentos literarios herdados, nin improvisa a repetición dun canto a treboada, nin a xente camiña pola tona dun mar de lastras frecuentado por pasos enfurcados nun mito con tons creativos arredor da palabra. En memoria de letras bebe o vento que habita as torres e espadanas para soltalas na harmonía das campás, heraldos do amencer. No xadrez da rúas andan sombras e luces. Rosalía e os clásicos –Valle Inclán, Lorca, Torrente, Gerardo Diego…-veñen nas sombras e á luz chegan as escritoras e os escritores que hoxe crean na cidade singular do antigo reino de Galicia, capital hoxe do noso país, que loce a súa fermosa cabeleira de pedra perante nós e perante o mundo.

Publicado en El Correo Gallego (25-07-17)

VISITADE:

http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org

https://www.facebook.com/villarjaneiro