Formulario de acceso protexido por Login Lockdown
manifestación
(Foto cortesía de www.sermosgaliza.gal)
VISITADE PÁXINA DA COMISIÓN ABERTA POLA DEFENSA DO COMÚN.
Texto da moción da Comisión Aberta en Defensa do Común entregada, venres 30 xuño, aos grupos municipais para o seu debate no pleno anunciado para o vindeiro, luns, día 3.
O escrito dirixido ao alcalde fíxose a través do rexistro municipal.
O texto foi acordado nunha reunión da Comisión, celebrada o pasado xoves, día 29 xuño, no trascurso da cal estructuráronse futuras actividades orientadas a acadar a devolución gratuita de espazos comunais, actualmente obxeto de controversia no conxunto da cidade.

PROPOSTA DE MOCIÓN QUE O 30 DE XUÑO DE 2017 PRESENTA A COMISIÓN ABERTA EN DEFENSA DO COMÚN A TODOS OS GRUPOS MUNICIPAIS DA CORUÑA PARA O PLENO DO 3 DE XULLO DE 2017

 

Moción que presentan os grupos municipais de …., …….., ……, a iniciativa da Comisión Aberta en Defensa do Común, sobre a execución de acordos plenarios en defensa dos espazos do común e do patrimonio público.

Desde a súa constitución en marzo de 2016 a Comisión Aberta en Defensa do Común presentou varias propostas de mocións a todos os grupos municipais, que foron aprobadas polo Pleno da Corporación. Pasados xa quince meses, é hora de facer un balance deses acordos e do seu cumprimento. Pretendemos que esas mocións aprobadas non queden nunha mera declaración de boas intencións, senón que haxa un compromiso firme para a súa execución por parte do goberno da Coruña e de todos os grupos municipais.

Consideramos que o manifesto “En defensa dos espazo comunais e do patrimonio público. Non á venda da Coruña”, que convocaba para o 4 de xuño de 2016 unha Marcha Cívica desde a Autoridade Portuaria até a Maestranza, ten hoxe plena vixencia porque A Coruña segue en venda. Insistindo nesta idea de que A Coruña non se vende, o manifesto da convocatoria por setenta entidades da manifestación do 7 de maio de 2017, dicía: “Asistimos nos últimos anos a unha perda de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia na historia da cidade e moitos deles de titularidade pública. Estamos ante actuacións especulativas e mercantilistas que nos terreos do común (espazo público) só ven solares a privatizar, oportunidade de negocio inmobiliario, alleo ás necesidades sociais da veciñas e veciños”.

Sobre a actuación do Ministerio de Defensa, que pretende ingresar 24,8 millóns de euros a través dunhas parcelas no Campo da Estrada, isto dicía o manifesto da convocatoria da citada manifestación: “Actúa como unha auténtica inmobiliaria dedicada á especulación urbanística de terreos do Patrimonio Público. A mobilización cívica conseguiu paralizar temporalmente esta poxa, mais reivindicamos a súa suspensión indefinida e a devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público”.

O Pleno de 11 de abril de 2016 recollía entre outros acordos: “Pedir ao ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público porque son espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación. Instar ao goberno municipal a que tome as medidas necesarias para a modificación puntual do Plan Xeral de Urbanismo, posibilitando a posta en valor do Patrimonio Urbanístico, Arquitectónico e Arqueolóxico da Coruña  e a súa adaptación  aos valores e necesidades culturais e sociais da cidadanía e non ao servizo de intereses especulativos e mercantilistas”.

Debemos recuperar a memoria histórica e informar á cidadanía que a concesión de terreos públicos para a construción da Solana en 1942, da súa ampliación en 1970 despois dun novo recheo, e do Hotel Finisterre en 1948, foi un auténtico roubo. Como dicía o manifesto da convocatoria da citada Marcha Cívica: “Foron importantes empresarios coruñeses e persoas relacionadas co franquismo, que participaron na represión despois do levantamento militar e fascista do 18 de xullo de 1936, quen impulsaron a ocupación de 25.000 metros cadrados de terreos públicos, gañados ao mar, como auténtico botín dos golpistas”. E como dicía o manifesto da manifestación do 7 de maio de 2017: “A Coruña non se vende, nin por moito, nin por pouco porque non estamos dispostos a pagar polo que xa é noso. Estamos a favor doutro modelo de xestión dos recursos públicos, non de pagar as débedas coa venda de terreos públicos”.

No Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 1998 os terreos da Solana figuraban como sistema xeral de espazos libres públicos. No PXOM aprobado inicialmente en 2009 esas instalacións deportivas figuraban como dotacional público, mais o PP cambiaba inicialmente esa cualificación no Pleno de 12 de agosto de 2012 –sen que estivese incluída na preceptiva información pública– que pasaba a dotacional privado, que está vixente desde a aprobación definitiva do PXOM en febreiro de 2013. Ao mesmo tempo, segregaba a parcela do Hotel Finisterre dos espazos libres, quedando así excluída do conxunto do planeamento que agrupa parques e áreas públicas destinadas a ocio cultural e recreativo, e preparando o camiño para futuras actuacións que só benefician a intereses privados.

Despois daquel “cambiazo” do PP, é positiva a iniciativa do goberno municipal para modificar o PXOM e devolver á Solana a cualificación de solo dotacional público, pero aínda está aberta a porta para unha gran operación urbanística especulativa coa poxa e privatización do Hotel Finisterre.

A moción aprobada no Pleno de 9 de xaneiro de 2017 dicía na súa exposición de motivos: “O Estado está, sorprendentemente, á cabeza destas operacións especulativas e négase a devolver ao pobo o que sempre foi do pobo da Coruña. Por que a Coruña ten que pagar para recuperar a Solana e o Hotel Finisterre, que están nuns terreos concesión do Estado e que sempre foron públicos porque aí estivo a praia do Parrote até o recheo que se fixo en 1968?” Nese Pleno tomáronse, entre outros, os seguintes acordos: “Esixir á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe actual concesión en 2027. Apoiar as iniciativas do goberno municipal na presentación dos recursos xurídicos necesarios para impedir esta actuación especulativa da Autoridade Portuaria e impedir a continuación da poxa. Garantir a titularidade municipal e o uso público da Solana e do Hotel Finisterre, adoptando as necesarias modificacións do PXOM ou, no seu caso, expropiación”.

A moción aprobada no Pleno de 6 de marzo de 2017 apoiaba a citada manifestación, que tiña como lema: “Devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre, todos os peiraos, cárcere e terreos do Campo da Estrada. Non á venda e privatización da fachada marítima. Basta xa de especulación”. Por outra parte, estas reivindicacións foron apoiadas xa por 10.000 persoas, que asinaron un escrito contra a venda e privatización da Solana e do Hotel Finisterre e pola devolución gratuíta.

A Autoridade Portuaria non pode vender ou convocar unha poxa do que non é seu. Unha das fincas que daría lugar ao complexo da Solana-Hotel Finisterre –terreos do vello Cárcere da Audiencia– podería ser de titularidade municipal, segundo o Rexistro da Propiedade.

O Pleno de 6 de marzo de 2017 aprobaba a realización dunha Consulta Popular. O acordo plenario recollía estes compromisos: “No prazo máis breve posíbel someterase ao Pleno Ordinario na súa parte resolutiva un punto separado da súa Orde do día co obxecto de que se debata e aprobe, se procede, esta Consulta Popular. A Consulta Popular incluirá cando menos unha pregunta, previo ditame de axuste á legalidade en relación coas competencias municipais, con posíbel resposta afirmativa (si), negativa (non) ou en branco, sobre a seguinte cuestión: Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público de La Solana e Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027, de todos os terreos portuarios a desafectar, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada, e que o Estado asuma o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións? O goberno municipal terá en conta o resultado desta consulta popular nas súas relacións, acordos ou convenios coas distintas administracións” Pasaron xa cinco meses, é público que o goberno municipal ten relacións ou acordos con distintas administracións, pero non pode ter en conta a opinión da cidadanía porque non se deron pasos importantes para a realización desa Consulta Popular.

Co pretexto de que hai que facilitar o pago das débedas da construción do porto exterior, ningún grupo municipal, ningún goberno municipal da Coruña pode asumir a responsabilidade histórica dun incumprimento de acordos plenarios que reclaman a devolución gratuíta, nin abrir a porta á privatización de concesións públicas, como o Hotel Finisterre, para facilitar negocios de enriquecemento privado. Estariamos ante unha gravísima venda da cidade, que durante séculos mantivo a propiedade pública de toda a fachada marítima da Coruña. Por outra parte, abriría a porta a que outras concesións, como o Hotel Atlántico, reclame tamén o mesmo trato de favor.

Non pedimos nada especial. Non pedimos a Madrid o Parque do Retiro ou o Campo do Moro, nin tampouco a Barcelona o Parque de Montjuich ou o da Cidadela. A Coruña só quere o que é seu, o que é da cidade: o Campo da Estrada, o espazo público onde estaba a praia do Parrote, o mar da Ría.

Por todo o exposto, os grupos municipais de …., ……., ……. presentan a consideración do Pleno os seguintes

 

                                            Acordos

  1. Instar ao goberno municipal para que demande ao Ministerio de Defensa a renuncia definitiva a novas poxas ou venda directa das parcelas do Campo da Estrada, e a devolución gratuíta ao concello da Coruña deses terreos para uso público.
  2. Instar ao goberno municipal para que no prazo de catro meses inicie o proceso para a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que posibilite a posta en valor do Patrimonio Urbanístico e Arqueolóxico desa zona do Campo da Estrada ao servizo da cidadanía. Trasladar este acordo ao Ministerio de Defensa.
  3. Instar ao goberno municipal a que manteña o seu compromiso cos acordos plenarios de 11 de abril de 2016, 9 de xaneiro de 2017 e 6 de marzo de 2017 e esixa á Autoridade Portuaria-Fomento a suspensión indefinida das poxas e a cesión gratuíta ou polo prezo simbólico de 1 euro da Solana e do Hotel Finisterre.
  4. Instar ao goberno municipal para que tome as iniciativas necesarias para verificar a propiedade municipal dos terreos do vello Cárcere da Audiencia, que hoxe ocupan parte das instalacións da Solana-Hotel Finiterre, e que impida, no seu caso, á Autoridade Portuaria, coas reclamacións pertinentes, que venda o que non é seu.
  5. Apoiar as iniciativas do goberno municipal na presentación dos recursos xurídicos necesarios para impedir esta actuación especulativa da Autoridade Portuaria e impedir a continuación da poxa.
  6. Instar ao goberno municipal a que impida a privatización do Hotel Finisterre, que é unha concesión pública, procedendo ao inicio da modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para manter a titularidade e xestión pública e uso público.
  7. Instar ao goberno municipal a que, de procederse á desafectación de terreos da zona de servizo do Porto da Coruña (peiraos de Batería/Calvo Sotelo), así como do peirao de San Diego e a dársena de Oza, esixa ao Ministerio de Fomento que sexan cedidos gratuitamente ao Concello da Coruña, con destino a actividade produtiva, fins de utilidade pública e interese social de equipamentos dotacionais, espazos libres e zonas verdes, públicos.
  8. Instar ao goberno municipal a que esixa ao goberno do Estado a elaboración dun novo convenio entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento antes de que remate 2017 sobre a base de que sexa o Estado quen, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, asuma o custo íntegro e as débedas da Autoridade Portuaria pola construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións.
  9. Instar ao goberno municipal a que no prazo de tres meses someta a consideración dun Pleno Ordinario o debate e aprobación da Consulta Popular nos termos aprobados no Pleno de 6 de marzo de 2017.

A Coruña, 3 de xullo de 2017