• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


A Comisión Aberta en Defensa do Común considera que os cidadáns teñen
dereito a saber que o futuro da Coruña non pode ser por máis tempo
resolto a través de vendas ou poxas do patrimonio público para paliar
os desfases financieiros doutras macroobras. Ignoralo, sería un
suicidio.
Ricardo Vales.

(Foto portada cortesía de Páxinas galegas)

NOTA DE PRENSA

HOXE ÁS 19 HORAS INAUGÚRASE A ACAMPADA DIANTE DA AUTORIDADE PORTUARIA DA CORUÑA

A acampada, con máis de 20 tendas, está convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común, que conta co apoio de 70 entidades, e ten como obxectivo esixir á Autoridade Portuaria-Ministerio de Fomento a devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos da Solana e hotel Finisterre, así como dos peiraos que quedarán liberados de usos portuarios despois do seu traslado ao porto exterior de Punta Langosteira. Entende esta Comisión que o porto exterior e os accesos é unha obra do Estado e que debe ser pagada con fondos dos Orzamentos Xerais do Estado e non coa venda deses peiraos.

Este é o programa:

Venres, 21 de abril

17 horas: Mesa de recollida de sinaturas de apoio

19 horas: inauguración “oficial” da acampada coa intervención dunha persoa da Comisión Aberta en Defensa do Común. A continuación actuación do obradoiro de música tradicional da Asociación de Veciños do Agra do Orzán, que conta con grupo de baile. Interpretarán varias cancións como “Ergue a voz e berra” (dedicada ao ministro de Fomento), Vivir A Coruña e Foliada da Coruña. Adxuntamos o texto, que será repartido aos asistentes.

20 horas. Recital de poemas polo colectivo literario In Nave Civitas, coa participación de Manuel Rivas, Teresa Ramiro, María Xosé Fernández e Pilar Silva.

20,30 horas. Actuación dun grupo de pandereteiras.

Sábado, 22 de abril

 

11 horas. Mesa de recollida de sinaturas.

 

12 horas. Roteiro explicativo desde a Autoridade Portuaria até o castelo de San Antón, dirixido polo arquitecto Xosé Lois Martínez Suárez, da Área de Urbanística e Ordenación do Territorio da Universidade da Coruña, para recuperar a memoria histórica desa zona.

 

13 horas. Actuación musical do grupo formado por Xosé Taboada, Paco Campos e José Luis Yepes.

 

13,30 Acto de clausura.

 

14 horas. Levantamento da acampada.

ERGUE A VOZ E BERRA

Un problema a min chamoume

para me erguer do sillón:

hai terreos da cidade

que desexa algún lambón (3 v.).

Un problema a min chamoume

para me erguer do sillón.

E ergue a voz e berra (bis),

reclamando o común

defendes a túa terra.

Temos enfronte a un señor

que pensa que o colectivo

é para telo disposto

pra lle dar a algún amigo (3 v.)-

Temos enfronte a un señor

do común un inimigo.

Teñen que acabar os tempos

nos que o que algo goberna

os dereitos cidadáns

os pase pola entreperna (3 v.).

Que escoite ben este canto

o Ministro de la Serna.

                                                                                        Texto: Ricardo Seixo

                                                                                        Música: tradicional (“O caneco”)

 

             VIVIR A CORUÑA

Poder nadar na Solana

e facelo en liberdade,

é un feito que te anima, é un fei,

é un feito que te anima

a loitar pola cidade.

Vivir A Coruña que bonito é,

sentir a cidade

e andala a pé (3 veces).

Vivir A Coruña que bonito é.

Saber que a Maestranza

non terá especulación,

dános azos para loitar-e, danos a,

dános azos para loitar-e

e énchenos de razón.

Vivir A Coruña …

Se na contorna da cidade

podemos ollar o mar-e,

saberemos que vivimos, sabere,

saberemos que vivimos

a un paso da eternidade.

Vivir a Coruña…

                                      Texto: Ricardo Seixo.

                                      Música: popular.

 

                      FOLIADA DA CORUÑA (adaptación)

  1. Non che veño de mallar-e.

Anque che veño do xeito,

non che veño de mallar-e,

veño de tende-las redes

alá no medio do mar-e (bis).

Ai la le lo, ai la la la.

  1. Quero andar a cidade en d´arredor-e,

       poder falarlle ao mar-e do meu amor-e,

       do meu amor-e, nena, do meu amor-e.

       Quero andar a cidade en d´arredor-e.

  1. Vai tropezar nos penedos.

O que navega de noite

vai tropezar nos penedos.

eu que ando polo día

tropezo nos teus enredos (bis).

Ai la le lo, ai la la la.

  1. Quero unha cidade xa sen ladróns

       que transforman o público en posesións.

       en posesións, nena, en posesións.

       Quero unha cidade xa sen ladróns.

  1. Teño sardiñas no mar-e.

Teño lancha, teño redes,

teño sardiñas no mar-e,

teño unha moza bonita

xa non quero traballar-e (bis).

Ai la le lo, ai la la la.

  1. O patrimonio que hoxe nos nega o Estado

          conseguiremos retelo e sen pagalo,

          e sen pagalo, nena, e sen pagalo.

          O patrimonio que hoxe nos nega o Estado.

  1. Anda que desaparece.

O mar anda que desanda,

anda que desaparece,

quen ten amores non dorme,

quen non os ten adoece (bis).

Ai la la lo, ai la la la.

  1. Rematamos o canto cun aloumiño

          para cantos traballan neste camiño,

          neste camiño, nena, neste camiño.

          Rematamos o canto cun aloumiño.

                                             Abril de 2017.

                                             Adaptación do texto:Ricardo Seixo.