Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

A cita:

“Vinde todos cheos de fe, felices e triunfantes; vinde, vinde a Belén. Vinde e postrádevos, naceu o Rei dos anxos. Vinde e adorémolo” (Adeste Fideles, tradicional)

bob_dylan_christmas_in_the_heart_20.jpg

A ficha:

Publicado o 13 de outubro de 2009

Gravado en Santa Mónica, California, en 2009

Producido por Jack Frost (é dicir, Bob Dylan)

Editado por Columbia Records

 

Os músicos:

Bob Dylan: voz, guitarra, piano eléctrico e harmónica

Tony Garnier: baixo

George Recile: batería

Donnie Herron: guitarra steel, violín, mandolina e trompeta

David Hidalgo: acordeón, guitarra, mandolina e violín

Phil Upchurch: guitarra

Patrick Warren: piano, órgano e celesta

Amanda Barrett: voz

Bill Cantos: voz

Randy Crenshaw: voz

Abby DeWald: voz

Nicole Eva Emery: voz

As cancións:

  1. Here Comes Santa Claus ***
  2. Do You Hear What I Hear? **
  3. Winter Wonderland ***
  4. Hark the Herald Angels Sing **
  5. I’ll Be Home for Christmas ***
  6. Little Drummer Boy ***
  7. The Christmas Blues ***
  8. O’ Come All Ye Faithful (Adeste Fideles) ***
  9. Have Yourself a Merry Little Christmas ***
  10. Must Be Santa ***
  11. Silver Bells ***
  12. The First Noel **
  13. Christmas Island **
  14. The Christmas Song **
  15. O Little Town of Bethlehem **

 

A reseña:

Acompañado unha vez máis pola base rítmica da súa banda, Tony Garnier no baixo e George Recile á batería, Dylan volve recorrer ao multiinstrumentista Donnie Herron (guitarra steel, mandolina, trompeta e violín), que tamén o acompañaba nos directos da época e a David Hidalgo (acordeón, mandolina, guitarra e violín), a quen xa lle confiara os principais matices incorporados en Together Through Life. Xunto a eles, o guitarrista de Chicago Phil Upchurch, da mesma quinta de Dylan e cunha folla de servizo que inclúe a George Benson, Dizzy Gillespie ou B.B. King; e Patrick Warren (piano, órgano), músico de sesión con máis dun milleiro de traballos ás costas, entre os que hai colaboracións con Bruce Springsteen ou Tom Waits. Entre todos logran dotar o disco dunha innegable atmósfera retro á que contribúen tamén as intervencións do coro composto por Amanda Barrett, Bill Cantos, Randy Crenshaw, Abby DeWald, Nicole Eva Emery, Walt Harrah e Robert Joyce. Desde o primeiro acorde queda clara a clase de disco que Dylan quería facer e o por que dos colaboradores elixidos.

Mesmo en plena era dixital, este traballo supuxo unha sorpresa considerable. Se ben é verdade que non hai cancións orixinais, ninguén contaba cun novo traballo apenas seis meses despois de publicarse Together Trough Life, e a noticia non se filtrou oficialmente ata poucas semanas antes de que o disco chegase ás tendas (ás poucas tendas que quedan!). Con Christmas In The Heart, Bob Dylan engade o seu nome a unha vella tradición anglosaxona: antes ou despois, todos os grandes do pop, do rock, do soul e mesmo do country acaban editando un disco con cancións de Nadal. Os resultados son dispares, claro. Pero nos países de fala inglesa é un costume tan consolidado como para nós tomar as doce uvas.

Dylan grava este divertimento no estudio doméstico de Jackson Browne. O malo é que da a sensación de que reservase hora á maña seguinte de rematar unha xira. En moitos temas doe escoitalo cantar porque directamente non é quen de facelo. O repertorio está composto tanto de estándares como do que nós chamamos panxoliñas. Entre estas últimas acomete O Tamborileiro (Little Drummer Boy) cunha delicadeza vocal que se agradece moito. O álbum sería outra cousa se esa fose a liña xeral, pero trátase dunha das escasas excepcións en que Dylan non maltrata a súa gorxa. En Adeste Fideles(O’ Come All Ye Faithfull) atrévese co latín, o que xa de por si merece unha escoita. It Must Be Santa, a medio camiño entre a polca e os cantos de taberna irlandesa, é o número máis macarra e divertido, e chegou a merecer un videoclip demencial no que o noso home aparece incomprensiblemente (medio) disfrazado non se sabe moi ben de que. Tamén ten o seu aquel Christmas Island, que evoca un Nadal en… Hawai! Excentricidades á marxe, o máis parecido a unha canción do Dylan contemporáneo éThe Christmas Blues, que musicalmente vai na liña dos seus traballos anteriores.

En conxunto, estamos ante un mero divertimento: un disco á vella usanza, producido con mimo artesanal, salpicado con coros e campás propias doutra época. É unha mágoa que a voz maltreita de Dylan arruine en boa medida os seus respetuosos achegamentos a Do You Hear What I Hear, Winter Wonderland, Silver Bells ou Have Yourself A Merry Little Christmas.  Conseguiu, iso si, volver sorprender e descolocar a moitos porque, lonxe dos tempos nos que Elvis ou Sinatra facían estes discos, agora abondan as horteradas edulcoradas e sobreproducidas. Desde ese punto de vista, Bob Dylan sae airoso unha vez máis. E cómpre subliñar tamén que invocou con autenticidade o espírito que reina nas últimas semanas do ano porque destinou a obras benéficas todo canto recadou coas vendas do disco.