Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O escritor Manuel Rivas vai falar no manifesto do “círculo vicioso”, no que estaría o roubo da Casa Cornide, e do “círculo virtuoso”. Vai falar dunha sociedade máis decente, o que George Orwell denominou “decencia común”: “O espolio que hoxe denunciamos corresponde claramente a unha época de ´círculo vicioso´, autoritario, desigual e corrupto. Pola contra, damos colectivamente un paso adiante nun ´círculo virtuoso´ cando se dan pasos xustos como a recente sentenza que obriga á familia Franco a devolver ao pobo o pazo de Meirás, sen indemnización”. O manifesto fala da creación dun movemento de “corruptura”, de ruptura coa corrupción.

Un aviso: “Que tome boa nota a familia Franco: o pleno municipal, en representación do pobo, acordou ´considerar non grata a súa presenza na Coruña´ e estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica, e as que sexan necesarias até poñer fin ao espolio”.

Que relación hai entre a Casa Cornide e o pazo de Meirás?: “Son dúas caras dun mesmo espolio aproveitando o réxime de tiranía que se impuxo despois dun golpe e unha guerra, durante décadas, por medio dunha represión criminal e mafiosa. Neste espolio tamén figuran os mesmos protagonistas, os mesmos poderosos que actuaron ao servizo do ditador: Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano”. Estes persoeiros, obxecto case sempre de haxiografías ou biografías exclusivamente laudatorias, son cualificados na moción aprobada no pleno de 1 de outubro de 2020, como “significados franquistas que aínda conservan na Coruña rúas, retratos, placas e todo tipo de distincións que non pode admitir unha sociedade democrática”.

Debemos coidar a Casa Cornide porque é nosa, da xente, da comunidade, e chamamos a que ninguén deteriore e enzoufe con pintadas a súa fachada. Todas as mans son necesarias e a rebeldía eficaz é sumarse a esta mobilización unitaria para recuperar a Casa Cornide e todo o patrimonio común. Temos que coidar tamén o vello cárcere provincial, como fixeron durante moitos anos as compañeiras e compañeiros do Proxecto Cárcere, esixindo a súa devolución.

O manifesto sinala algúns dos obxectivos para os próximos anos: “Queremos recuperar todo o que é noso; as parcelas do Campo da Estrada-Maestranza, da rúa Adelaida Muro e o Parque de Automóbiles de Agrela; conseguir que Defensa non actúe ao xeito dunha inmobiliaria particular e xestione o patrimonio de acordo cos intereses públicos.Por iso cómpre continuar a mobilización cívica e que o goberno municipal execute os acordos plenarios para que Defensa devolva gratuitamente esas parcelas. Queremos que non se adíe máis a posta en servizo de todo o edificio do vello Goberno Militar na Cidade Vella; que se devolva ao concello para uso público o edificio do cuartel de Santo Domingo. Queremos que o cuartel de Atocha se converta nun gran equipamento para toda a cidade, cunha gran praza pública”.

E remata o manifesto cun chamamento para continuar coa mobilización en defensa dos intereses públicos da Coruña e cunha mensaxe de esperanza: “Seguiremos. Cada vez máis. Esta é unha iniciativa aberta, cívica. O que nos une é a defensa do común, o benestar público, e continuar a construír unha democracia efectiva e afectiva, e unha sociedade de liberdade solidaria e común decencia“.

O pleno do pasado 1 de outubro tomaba, entre outros, os acordos de apoiar esta II Marcha Cívica, baixo o lema “DEVOLUCIÓN DA CASA CORNIDE AO PATRIMONIO DA CORUÑA. FRANQUISMO NUNCA MÁIS” e “Trasladar á Comisión Municipal de Memoria Democrática o estudo da retirada de rúas, retratos, placas, monólitos e todo tipo de disitncións ás persoas que impulsaron, organizaron ou participaron no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide”. Na exposición de motivos concrétase quen son estes persoeiros: Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano.