Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Pasados un par de días, mando unha mensaxe aos espectadores da Bandeira que o xoves asistiron ao meu “pinchazo” na representación de “Memorias dun neno labrego”. Para quen non saiba de que vai isto: aos 5 minutos de comezada a función tiven que interrompela porque me sentín mal, como se me abandonaran as forzas, como se o corpo non quixese seguir o meu ritmo e me ameazase con abandonarme (desmaiarme) se continuaba. Nunca tal cousa me pasara. Tiven que deitarme e pedir papas. Logo chegou unha ambulancia (por aquilo de que un xa ten unha idade de risco cardio-vascular e esas cousas) e levoume ao PAC de Silleda.Nas probas básicas todo deu ben. En principio todo apunta a unha crise, un pequeno colapso ou, en palabras do paramédico da ambulancia, un pre-síncope debido, con toda seguridade, á fatiga (sobre todo mental e anímica) e o estrés por ter demasiados frentes abertos. Un aviso, din. En fin, que despois deste par de días de descanso e de vaciar un pouco a miña axenda para o futuro inmediato, todo vai indo de novo ao rego. Así que dou ás grazas aos espectadores da Bandeira pola súa preocupación e as miñas desculpas por lles dar un susto. Os escenarios son para provocar emocións pero non esas. Tamén pido desculpas ao público de Carral e a Estrada polas funcións que, por precaución, tivemos que suspender onte e hoxe nestes dous sitios. Esta mensaxe de tranquilidade e agradecemento quero facela extensiva a todas as persoas amigas que se preocuparon por min. Está ben, levantarei un pouco o pé do acelerador. Pero seguirei en marcha, claro. Saúde (nunca mellor dito) e teatro!