Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

sotelo2

O 27 de decembro vanse facer once anos da aprobación da Lei 52/2007, coñecida como Lei de Memoria Histórica. O artigo 15 desa lei sinala: “As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”

 

O fascista e golpista José Calvo Sotelo ten aínda oito distincións na Coruña, nun claro incumprimento da lei e sen que as distintas administracións (Concello, Deputación e Xunta de Galicia) tomasen iniciativas para eliminar eses restos de simboloxía franquista: avenida Calvo Sotelo, rúa Hogar Calvo Sotelo, peirao Calvo Sotelo (depende da Autoridade Portuaria, é dicir da Xunta); IES Calvo Sotelo (depende da Deputación); placa na entrada do vello cárcere provincial, retrato nunha sala da Alcaldía; é Fillo Adoptivo e Fillo Predilecto da Coruña. Estamos ante un caso único en todo o Estado español, unha vergoña para A Coruña!

 

O FASCISTA E GOLPISTA JOSÉ CALVO SOTELO TEN AÍNDA OITO DISTINCIÓNS NA CORUÑA, NUN CLARO INCUMPRIMENTO DA LEI

 

Calvo Sotelo era un declarado partidario do fascismo. A súa alternativa en 1936, fronte ao goberno democrático da República, estaba clara: “España podrá salvarse con una fórmula de Estado autoritario e corporativo”. O escritor José Bergamín, que presidiu no exilio a Alianza de Intelectuais Antifascistas, manifestaba: “En mi vida he visto mucha gente con fama de fascista o que quería profesar el fascismo, pero sólo he conocido dos de verdad: uno fue José Calvo Sotelo, la otra es Manuel Fraga.

 

A súa intervención nas Cortes o 16 de xuño de 1936, apoiándose nunha suposta anarquía, era toda unha invitación á rebelión militar contra a República: “No creo que exista actualmente en el Ejército español un sólo militar dispuesto a sublevarse a favor de la monarquía y en contra de la República. Si lo hubiera sería un loco, lo digo con toda claridad, aunque considero que también sería un loco el militar que al frente de su destino no estuviera dispuesto a sublevarse a favor de España y en contra de la anarquía, si ésta se produjera”. Tivo a resposta do coruñés Santiago Casares Quiroga, Presidente do Consello de Ministros e Ministro da Guerra, que denunciaba a propaganda entre o exército para provocar a súa sublevación: “Después de lo que ha hecho Su Señoría (S.S.) hoy ante el Parlamento, de cualquier cosa que pudiera ocurrir, que no ocurrirá, haré responsable ante el país a S.S. No basta por lo visto que determinadas personas, que yo no sé si son amigas de S.S., pero tengo ya derecho a empezar a suponerlo, vayan a procurar levantar el espíritu de aquellos que pueden creerse que serían fáciles a la sublevación, recibiendo a veces por contestación el empellón que los arroja por la escalera; no basta que algunas personas amigas de S.S. vayan haciendo folletos, formulando indicaciones, realizando una propaganda para conseguir que el Ejército, que está al servicio de España y de la República, pese a todos vosotros y a todos vuestros manejos, se subleve…Gravísimo Sr. Calvo Sotelo. Insisto: si algo pudiera ocurrir, S.S. sería el responsable”.
Por outra parte, o historiador Ángel Viñas desmonta a tese que relaciona a data de inicio da sublevación de 1936 co asasinato de Calvo Sotelo, producido o 13 de xullo: “Los monárquicos calvosotelistas empezaron a preparar la sublevación meses antes del asesinato de su líder. Dado que Juan March (importante banquero español que financió el golpe de Estado militar) les envió medio millón de libras en marzo de 1936, por lo que entiendo que es entonces cuando se plantearon los contactos que ya habían comenzado en 1932 y reeditado en 1934″. Queda claro que a data do golpe dependía máis do apoio da Italia fascista de Mussolini, despois dos contratos asinados o 1 de xullo de 1936 por Pedro Sainz Rodríguez, monárquico próximo a Calvo Sotelo, para mercar material bélico. A trama civil, organizada, fundamentalmente a través de Renovación Española, o partido de Calvo Sotelo, xogou un papel fundamental no trunfo do golpe e sen este apoio previo de Italia os militares sublevados non terían podido iniciar unha guerra civil.

 

Numerosas institucións, con gobernos de distinto significado político, tomaron xa iniciativas para retirar a Calvo Sotelo calquera tipo de distinción. Así, o PP, que ten maioría absoluta en Curtis, cambia a rúa Calvo sotelo de Teixeiro por Buenos Aires. En Guadalaxara a rúa Calvo Sotelo foi substituída por La Concordia; en Barcelona por Francesc Maciá. En Valencia cambian a rúa Calvo Sotelo por Paseo de Ruzafa. O pleno de Pontedeume xa cambiara en 1989, con alcalde socialista, a praza Calvo Sotelo pola tradicional praza Real. En Palencia, con alcaldía do PSOE, eliminaban en 1999 a rúa Calvo Sotelo, que pasa a chamarse Praza de León. En Pontevedra, alcaldía do BNG, cambian en 2002 a rúa Calvo Sotelo por rúa da Estación. En Vila Real (Castellón), pasa a chamarse Jaume I. En Oviedo, alcalde do PSOE, cambian a rúa Calvo Sotelo por Federico García Lorca. En Sarria, alcalde do PSOE, aproban en 2016  cambiar a rúa Calvo Sotelo por Liberdade. En Astorga, alcalde do PSOE, cambian en 2008 a praza Calvo Sotelo por praza da Liberdade. En Cidade Real, alcaldía do PSOE, cambian en 2016 a praza Calvo Sotelo por praza de España. En Logroño, con alcaldesa do PP, a rúa José Calvo Sotelo pasa a chamarse Presidente Leopoldo Calvo Sotelo.

 

Se a Deputación de Pontevedra aprobaba por unanimidade o 29 de xullo de 2016 retirar a Calvo Sotelo a distinción de Fillo Predilecto da provincia, concedida o 8 de xullo de 1950, a que espera a Deputación da Coruña para aprobar, tamén por unanimidade, o cambio de nome do Instituto de Educación Secundaria Calvo Sotelo? Non estamos ante un tema que necesite moitos informes xurídicos, senón que é unha cuestión de vontade política; outra cousa é que, despois desa decisión política, votada polo pleno da Deputación da Coruña, haberá que seguir os procedementos administrativos correspondentes.  E para tomar esa decisión a Deputación da Coruña non debería esquecer que hai moitos antecedentes: na Coruña o IES Diego Delicado (foi presidente da Deputación na ditadura) é hoxe IES Urbano Lugrís e fíxose este cambio sendo Manuel Fraga presidente da Xunta.

 

A QUE ESPERA A DEPUTACIÓN DA CORUÑA PARA APROBAR O CAMBIO DE NOME DO INSTITUTO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA CALVO SOTELO?

 

Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña presentaba o pasado 11 de xullo a todos os grupos políticos da Deputación da Coruña unha proposta para que o IES Calvo Sotelo, que depende da Deputación, leve o nome de María Miramontes. En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, por respecto e homenaxe ás vítimas do franquismo, os tempos son chegados!

 

 MANUEL MONGE – MESTRE E SOCIÓLOGO, FOI CONCELLEIRO DO BNG NA CORUÑA (2003-2007), EXPRESIDENTE DA COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA