Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

A cita: “Soas como un paleto, dixo o tipo, aquí queremos cantantes de folk, fillo” (Talkin’ New York)

1st-album-cover

 

A ficha:

Publicado o 19 de marzo de 1962

Gravado en Nova York o 20 e o 22 de novembro de 1961

Produtor: John Hammond

Selo: Columbia

Os músicos:

Bob Dylan: voz, guitarra e harmónica

As cancións:

  1. You’re No Good ***
  2. Talkin’ New York ***
  3. In My Time Of Dyin’ ***
  4. Man Of Constant Sorrow ***
  5. Fixin’ To Die ***
  6. Pretty Peggy-O **
  7. Highway 51 Blues ***
  8. Gospel Plow ***
  9. Baby, Let Me Follow You Down ***
  10. House Of The Risin’ Sun ***
  11. Freight Train Blues **
  12. Song To Woody ***
  13. See That My Grave Is Kept Clean ***

As vendas:

Non entrou nas listas estadounidenses e nas inglesas chegou ao 13º posto cando se reeditou en 1965.

A reseña:

Ninguén sabe con certeza cando naceu Bob Dylan. Sabemos que o seu creador, Robert Allen Zimmerman, veu ao mundo no Hospital de Santa María de Duluth, Minnesota, o 24 de maio de 1941, poucos minutos despois das nove da noite. Convén deixar claro desde un principio que Dylan non deixa de ser un personaxe; a estas alturas tamén un traballo a tempo completo, pero un personaxe ao fin e ao cabo, e polo tanto inmortal como Robin Hood ou Charlot ou Huckleberry Finn.

Zimmerman, de ascendencia ucraniana e lituana, e foi educado no xudaísmo no seo dunha familia de clase media. Cando tiña seis anos, os pais de Robert (a quen chamaban Bobby) mudáronse con el e o seu irmán pequeno, David, á veciña poboación mineira deHibbing. A radio foi o pasatempo favorito na infancia e adolescencia do noso protagonista. Pasaba as tardes asomado á venta e sintonizando as emisoras que desde a remota Louisiana emitían discos de blues e country. Máis tarde asistiu, cando menos na distancia, ao momento de efervescencia do rock and roll. Foi entón cando Bobby montou a súa primeira banda no instituto, os Golden Chords, cos que facía versións deElvis e os demais pioneiros do xénero. Cando se graduou, xa en 1959, deixou escrito o seu soño de xuventude no anuario do centro, xusto debaixo do seu retrato e nome:“unirme á banda de Little Richard. Ese mesmo verán toca o piano en dúas actuacións do ídolo adolescente Bobby Vee. Se cadra para evitar a coincidencia do nome, inventa o primeiro pseudónimo da súa carreira: Elston Gunn. Volverá botar man del anos máis tarde para se aloxar de incógnito en determinados hoteis.

yearbook

Anuario de 1958 do Hibbing High School, con Robert Zimmerman soñando con ingresar na banda de Little Richard

Robert Zimmerman trasládase en setembro á capital do estado, Minneapolis, onde se matricula na universidade pero pisa pouco as aulas. Prefire o ambiente bohemio dos cafés de Dinkytown, un barrio próximo ao campus. Alí cae nas súas mans unha copia deCamiño á gloria, fabuloso libro de memorias de Woody Guthrie, o cantautor  máis importante da posguerra mundial nos Estados Unidos. Bobby devora o texto e descobre outro xeito de facer música, de xeito individual, valéndose únicamente dunha guitarra e unha harmónica. O folk, un estilo máis apegado á realidade e moito máistransportable que o rock and roll, ábrese camiño na súa lista de preferencias. Durante unha actuación no Ten O’Clock Scholar, un dos garitos de Dinkytown, preséntase por primeira vez co nome de Bob Dylan. Nunca chegará a recoñecelo de xeito público, pero a elección débese a outro dos autores ao que lía con fruición naqueles días: o poeta galés Dylan Thomas.

Rematado o curso (é un dicir, xa digo que pouco mirou para os libros), Bobby Zimmerman abandona a Universidade de Minnesota e regresa á casa. Ocupa os meses seguintes en decidir que vai facer coa súa vida e, supoño, en convencer despois os seus pais de que quere intentalo como artista. O caso é que en xaneiro de 1961 pon rumbo a Nova York con dúas ideas na cabeza: coñecer a Woody Guthrie, que está gravemente enfermo nun hospital de Nova Jersey; e probar sorte nos locais da Gran Mazá. A súa visita supón unha agradable sorpresa para Guthrie quen, dentro das súas limitacións, establece con Bobby unha relación de complicidade case paterno filial. Ou así a entende o mozo Dylan, distanciado do seu vello Abe desde moi cativo. Durante as súas cada vez máis frecuentes visitas, Bobby entabla amizade con outro protexido de Guthrie, Elliott Charles Adnopoz, coñecido artísticamente como Ramblin’ Jack Elliott. Jack introduce a Bobby no ambiente de Greenwich Village, o barrio máis artístico de Nova York naquela época, e ensínalle a tocar a meirande parte das cancións de Woody. Na súa autobiografía (Crónicas, publicada en 2005), Dylan recoñece expresamente a importancia de Elliott ao comezo da súa carreira.

Bob Dylan Portrait With Acoustic Guitar

NEW YORK – SEPTEMBER 1961: Bob Dylan poses for a portraitwith his Gibson Acoustic guitar in September 1961 in New York City, New York. (Photo by Michael Ochs Archives/Getty Images)

Os que entablan relación con aquel mozo bochudo e aparentemente tímido, recén chegado á Gran Mazá, coinciden á hora de definir a súa aprendizaxe: Dylan é unha esponxa, absorbe canto vai aprendendo sobre a tradición folk e incorpórao de contado ao seu propio estilo e repertorio. Desde vellos himnos tradicionais a técnicas e trucos para tocar a guitarra. Algúns (máis concretamente algunhas) déixanse seducir polo encanto desvalido de Bobby. Hai tamén quen desconfía da súa inocencia e ve nel un impostor e un mal imitador de Guthrie (e na súa linguaxe xestual tamén de Chaplin). Pero en calquera caso, poucas semanas despois de chegar, Dylan xa é un habitual na programación musical do Cafe Wha?, o Gaslight Cafe, o Bitter End ou o Gerde’s Folk City, onde ofrece o que se considera o seu primeiro concerto profesional (ata entón o seu único soldo eran as moedas depositadas voluntariamente na súa gorra polos asistentes, un costume da época) ao abrir para John Lee Hooker o 11 de abril. Unha actuación posterior no Gerde’s merece unha entusiasta reseña de Robert Shelton, crítico do New York Times, que se publica o 29 de setembro. É o primeiro recoñecemento público que consegue Bob Dylan, que ese mesmo día toca a harmónica nunha das sesións de gravación do terceiro disco da súa nova amiga Carolyn Hester, que acaba de fichar por Columbia Records. O talento de Dylan non pasa desapercibido para o produtor John Hammond, descubridor de Billie Holyday. En outubro, e da man de Hammond, Dylan asina contrato con Columbia, selo no que, cun breve lapso na década dos 70, permanece ata o día de hoxe.

Ese é o contexto no que se grava Bob Dylan, o álbum co que Robert Zimmerman estrea a carreira profesional do seu personaxe. Nos anos seguintes xogará ao despiste e tratará de borrar calquera rastro do seu pasado inventando toda unha serie de pasaxes insólitas para se mimetizar con Dylan, para agachar súa propia identidade trala da súa criatura. Conta, por exemplo, que leva lonxe do seu fogar en Novo México desde os dez anos, idade á que quedou orfo e se uniu a un circo ambulante; e asegura tamén que atravesou o país de costa a costa facendo autostop ou que, malia a súa evidente xuventude, está curtido como intérprete en antros nos que mesmo se exercía a prostitución. Ese afán fabulador (ás veces ante as preguntas da prensa e outras por propia iniciativa) vaise manter (e mesmo acentuar) unha vez trascendeu que Robert Allen Zimmerman procedía dunha familia xudea, tradicional e de clase media afincada en Minnesota. Ata os nosos días, cada entrevista con Dylan (ou con Zimmerman, aí está o problema) supón aceptar que os límites entre a realidade e a ficción non teñen por que estar definidos con claridade.

rectangle

Bob Dylan en 1961 (arquivo da revista Rolling Stone)

Pero volvamos ao disco, gravado en dous días do mes de novembro con outro de descanso por medio. O debut de Bob Dylan ábrese cunha versión acelerada  e impetuosa do You’re No Good de Jesse Fuller, home orquestra orixinario de Georgia coñecido sobre todo por outra das súas cancións, San Francisco Bay Blues(melódicamente case idéntica a esta). Imprimirlle máis velocidade e crudeza aos temas alleos que interpreta é unha das características do estilo de Dylan ao longo de todo o disco. Tamén o é o intento por aparentar unha madurez que aínda non ten ao tratar asuntos como a morte ou o desengano amoroso, como é o caso. Xusto a continuación atopámonos coa primeira composición propia, Talkin’ New York, primeiro dos numerosos blues falados que Dylan gravará nos anos seguintes, un subxénero que acabará dominando con destreza para narrar historias hilarantes cargadas de ironía.Talkin’ New York está aínda lonxe de todo iso, pero constitúe un documento moi valioso por canto está escrita case como un diario dos seus primeiros días en Nova York: o seu desembarco no Village, as reticencias ante o seu acento do interior do país, que algúns consideraban pouco sofisticado ou directamente paleto (e que Dylan ás veces forzaba máis da conta ao cantar para soar máis crible, máis xenuino). É unha entrañable postal sonora na que, con todo, non falta unha pinga de humor: “Dixeron que era o inverno máis frío desde había 17 anos, pero eu non lembro que aquela outra vez o pasara tan mal”, e que persoalmente considero máis revelador e representativo deste primeiro Dylan que a outra canción asinada por el, xa na parte final do disco: a moito máis célebre Song To Woody. Certo é que a melodía (fusilada do 1913 Massacre do propio Guthrie) é moito máis fermosa e o seu xeito de cantar máis natural pero, de tan inocente, Song To Woody(na que se mencionan os nomes doutros pioneiros do folk como Cisco Houston ouLeadbelly) resúltame algo naive (“Hei, Woody Guthrie, xa sei que sabes todas estas cousas que che conto e moito máis aínda. Cántoche a miña canción , pero non podo cantar o suficiente porque poucos homes se poden comparar contigo”). Con todo, ten un valor documental entrañable do que Dylan botou man de cando en vez ao longo da súa carreira: tocouna preto de sesenta veces ao vivo, a última en 2002, por apenas dúas interpretacións de Talkin’ New York, as dúas naqueles primeiros anos de carreira.

Na peza tradicional In My Time Of Dyin’, o case neno Dylan fala da morte como algo que leve rondándolle a cabeza durante moito tempo. Chama a atención o sentimento co que invoca o nome de Xesús e a aspereza da súa execución. Como se dunha continuación se tratase, en Fixin’ To Die (orixinal de Bukka White, bluesman do período de entreguerras) fai un arranxo igual de rudo (desde logo, moito máis que o de White), e repite a invocación para que o Fillo de Deus vaia preparando e o seu leito de morte.See That My Grave Is Kept Clean, a peza que pecha o disco, completa o triplete de cancións escuras que xiran en torno á Parca. Como se estivese exhausto trala enerxía descargada nos primeiros cortes, Dylan nos brinda una lectura lenta pero non por iso menos intensa desta canción escrita e gravada por primeira vez por Blind Lemon Jefferson en 1927.

Man Of Constant Sorrow (tradicional), é un tema que formou parte do seu repertorio daqueles primeiros tempos e que os Stanley Brothers e Judy Collins gravaran con éxito antes que el, que volve intentar convencernos de que é máis vello e sabio do que aparenta na foto da portada (invertida, por certo, tal e como apreciará calquera que saiba tocar a guitarra ao ver a colocación das cordas no mástil, e dado que que Dylan non é zurdo).  En Pretty Peggy-O, outra peza tradicional, insiste na aceleración excesiva do tempo, o que lle resta emoción ao resultado. Tres décadas máis tarde acabaría por recuperala en directo nun arranxo moito más solemne e, ao meu entender, fermoso.

Highway 51 é un cover do pianista texano Curtis Jones e resulta premonitoria por varios motivos. Para empezar, o seu título é case idéntico ao dun dos discos capitais de Dylan, publicado tres anos despois, Highway 61 Revisited. Doutra banda, os acordes que emprega na súa adaptación, de novo vibrante, son un adianto do que acabará sendo a base de It’s Alright, Ma (I’m Only Bleeding), unha das súas obras mestras indiscutibles. Gospel Plow, un espiritual sen autor coñecido cuxo título pode traducirse como Arado Evanxélico, mantén o pulso frenético e amplía a súa imaxinería relixiosa aos catro evanxelistas, Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. Baby, Let Me Follow You Down é outro tema tradicional que Dylan recuperará anos máis tarde para  lle prender lume literalmente coa complicidade (e a electricidade) de The Band. A versión incluída neste primeiro traballo é moito máis repousado, e tal e como o propio Dylan recoñece na introducción que fai antes de empezar a cantar, é obra do seu amigo Eric Von Schmidt, cantautor da escena folk de Boston daqueles tempos (aínda que, nunha das súas daquela aínda incipientes ocurrencias, Dylan asegure nesa mesma introdución sonora que se coñeceron “sobre os verdes prados do campus da Universidade de Harvard”). Non tivo tanta sorte Dave Van Ronk, figura contemporánea de Dylan no Village, que foi quen lle ensinou un precioso arranxo melódico que fixera para unha vella balada titulada The House Of The Risin’ Sun. Dylan aproveitou o traballo de Van Ronk (polo visto sen lle pedir permiso nin llo comentar sequera) e logrou un dos mellores momentos de todo o álbum, que ademais serviu de inspiración e punto de partida para a versión que os Animals de Eric Burdon gravaron en 1964, considerada a definitiva. Por último,Freight Train Blues non aporta nada novo no apartado musical (baséase no mesmo tempo saltarín que caracteriza a meirande parte do disco), pero merece ser destacada por ser a homenaxe oficiosa de Dylan a outro dos seus grandes heroes: Jimmie Rodgers, o tipo que puxo de moda as cancións sobre os vellos trens de mercancías aló polos anos 20 e 30 do século pasado, e cuxos peculiares xogos guturais o mozo Dylan intenta imitar aquí.

_52074022_dylan_62

Bob Dylan en 1962 (arquivo da BBC)

En conxunto, e escoitado con perspectiva, a carta de presentación de Bob Dylan merece case un notable. Co personaxe aínda por pulir, Zimmerman imposta en exceso nalgúns momentos. Nótase que o disfraz aínda lle vén algo grande. Pero en xeral as interpretacións son sólidas, convincentes, e as súas dúas aportacións orixinais non desmerecen en absoluto un elepé se cadra pouco orixinal, pero que soporta moi ben o paso do tempo e destila un carisma impropio nun mozo de tan só vinte anos. O disco vendeu apenas cinco mil copias no seu día, para ledicia dos cada vez máis numerosos detractores e inimigos de Dylan, e enfado dos capos de Columbia, que culparon a John Hammond de errar na súa aposta e conminárono a se desfacer do seu capricho. Tanto Dylan como o propio Hammond atoparon en Johnny Cash, daquela unha das figuras emerxentes de Columbia, un aliado tan inesperado como vehemente. Bob Dylan xamais esqueceu aquela man tendida por Cash, un dos mellores camaradas que fixo na profesión ao longo de toda a súa carreira. Pero nun xénero, o folk, que a comezos de 1962  tiña o seu estandarte principal na voz doce e atildada de Joan Baez, Bob Dylan resultaba tosco de máis. Acababa de nacer e xa semellaba pasado de moda. Quedaba, iso sí, aínda moita partida. E Zimmerman, que levaba as mellores cartas posibles, non se demorou en xogalas.