Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

 

 

 

 

 

 

 

Néstor Rego

Reforma fiscal, intervención do mercado da enerxía e da vivenda, recorte dos beneficios das eléctricas, baixada do IVE a alimentos básicos, suba de salarios, pensións mínimas e prestacións sociais: medidas que propón o BNG

“Ese non é o camiño” apunta Rego, en relación ao ‘pacto de rendas’ e contención salarial, durante a sesión de control en pregunta á Vicepresidenta Primeira do Goberno sobre as medidas que desenvolverá o executivo.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pregunta á Vicepresidenta Primeira do Goberno do Estado sobre as medidas que adoptará o executivo estatal para frear a suba dos prezos que provoca perda de poder adquisitivo e empobrecemento das clases populares. Rego reclama baixar o prezo do IVE de alimentos básicos, a suba de salarios e das prestacións sociais, o aumento das pensión mínimas,  unha reforma fiscal profunda, recortar beneficios ás eléctrica e intervir nos mercados da enerxía e da vivenda para garantir dereitos e unha vida digna para as clases populares galegas e do conxunto do Estado.

Nos últimos meses estamos ante unha suba brutal de prezos de produtos e servizos básicos que ten como consecuencia perda de poder adquisitivo e empobrecemento das clases populares. “Na práctica, estamos diante dunha desvalorización monetaria, que se traduce nun abrupto empobrecemento da maioría da sociedade. Quen chegaba a fin de mes con dificultades, hoxe xa non chega e quen xa non chegaba, agora moito menos” denuncia o deputado nacionalista.

“As persoas que cobran o mesmo salario que hai un ano, pagan moito máis cara a electricidade, os carburantes, a bombona de butano, a cesta da compra ou o aluguer” enumera Rego. Continúa explicando que “mentres moitas familias non poden pagar a luz ou a calefacción, as tres grandes eléctricas gañan en 2021 máis de 6.500 millóns de euros e só o presidente Iberdrola, Sánchez Galán, embolsou 13,2 millóns de euros, 8% máis que en 2020. É simplemente indecente” .

E, frente a esa realidade, o Goberno fala de contención salarial e dun ‘Pacto de rendas’, o que, segundo destacou o deputado do BNG  significa “o asalto ás rendas do traballo para salvar as do capital”. “Por aí, non. Non se pode continuar deteriorando as condicións de vida dos traballadores e traballadoras” explica Néstor Rego. Lembrou que o executivo subiu o Salario Mínimo Interprofesional un 3,6% mais a  inflación de 2021 disparouse até 6,5%, polo que As persoas que menos cobran perderon poder adquisitivo.

A estratexia que debería adoptar o executivo español, en opinión do deputado nacionalista, pasa por medidas “como baixar o IVE de alimentos básicos, a subida de salarios e das principais prestacións sociais conforme ao IPC, aumento de pensións mínimas, unha reforma fiscal profunda ou a intervención no mercado da enerxía e a vivenda para garantir dereitos e vida digna”. Así mesmo, incide na necesidade de recortar os beneficios das empresas eléctricas e desvincular os prezos de gas e electricidade.

“O goberno español non se pode pór de perfil, nin moito menos lanzar balóns fóra botándolle toda a culpa da situación a factores externos, agora oportunamente a Putin” sinala o deputado nacionalista. Moito menos, conclúe Rego, facer que, unha vez máis, “esta crise a paguen os traballadores e traballadoras, os autónomos, as maiorías sociais  e os pobos”.

https://www.bng.gal/