Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O BNG propón un plan municipal de apoio á feira de Oleiros, a única de carácter estábel que pervive no municipio

Fran Rei visitou a feira este venres pasado e conversou con algúns dos feirantes para recoller ideas de como se podería dinamizar

Unha primeira medida urxente tería que ser divulgativa: a maioría da veciñanza do concello non sabe que en Oleiros hai feira os días 6 e 24 de cada mes”, considera o portavoz do Bloque

Oleiros, 27 de novembro de 2017.- A mañá de cada día 6 e cada día 24 de mes séguese a celebrar feira en Oleiros, na contorna da Praza da Rabadeira da capital municipal. Unha feira na que no seu día mesmo se chegou a vender gando, como recordan aínda algunhas persoas, mais que hoxe en día sobrevive a duras penas, moi minguada nas súas dimensións e na súa oferta.

A de Oleiros é a única feira estábel mensual que se segue a celebrar no municipio. O exemplo da boa acollida de público que teñen feiras especializadas como a do Mel ou Alfaroleiros ou a boa saúde con que contan feiras de localidades da comarca coruñesa como Sada, Vilaboa, Arteixo, Cambre ou Betanzos levan o BNG – Asembleas Abertas de Oleiros a considerar a necesidade de activar medidas concretas que axuden a reactivar, dinamizar e asegurar o futuro da feira de Oleiros, que doutra maneira se vería abocada a desaparecer en pouco espazo de tempo.

O pasado venres 26, mañá de feira, o portavoz municipal do BNG – Asembleas Abertas de Oleiros, Fran Rei, estivo na feira falando con algúns dos feirantes e recollendo as súas impresións sobre o presente da cita mensual e o seu futuro, así como ideas que puidesen axudar a revitalizala.

A primeira conclusión que o BNG extrae desta visita-encontro é inmediata: a feira precisa urxentemente ser visibilizada no conxunto do municipio; noutras palabras: “a maioría das nosas veciñas e veciños, especialmente aqueles que se estabeleceron no concello nos últimos anos, non saben que en Oleiros se celebra unha feira dúas veces ao mes”. A outra conclusión é que a revitalización da feira axudaría, e moito, á dinamización da vida económica e social da capital municipal.

O BNG de Oleiros preguntará ao goberno municipal que medidas concretas de apoio se están a desenvolver na actualidade, máis alá do dispositivo especial para a circulación de vehículos que se desprega nas rúas da contorna da Praza de Galiza e da Praza da Rabadeira, e proporá a posibilidade de deseñar un plan municipal de dinamización da feira.