• Músicas Esquecidas
  • Contacto

Login form protected by Login LockDown.


O BNG propón consensuar con comisións de festas e entidades veciñais calquera modificación que afecte aos horarios das festas populares en Oleiros

A organización nacionalista aposta por ir “máis alá da cuestión horaria” e por “reflexionar” e “repensar” colectivamente o modelo de festas que se foi instalando nos últimos anos

Fran Rei, portavoz municipal do Bloque: “Actuar por impulsos ou a golpe de decretazos poderá dar titulares, mais nin achegará solucións reais nin resolverá problemas”

Oleiros, 21/07/2017.- O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros acolle con sorpresa e con preocupación o anuncio da Alcaldía de Oleiros, coñecido antonte a través dos medios de comunicación e das canles informativas do Concello, de limitar ás 3 da mañá o horario de finalización das verbenas nas festas das distintas parroquias do municipio a partir de agora.

Ao BNG sorpréndelle esta decisión por canto, até onde se sabe, o goberno municipal nunca chegou a celebrar o encontro conxunto do Alcalde cos representantes de todas as comisións de festas do municipio que o propio Ángel García Seoane anunciara nun Pleno o ano pasado a raíz dos incidentes puntuais acontecidos logo das festas de Mera contra algúns bens particulares.

Ao Bloque preocúpalle o anuncio do Alcalde non porque non comparta a necesidade de regular debidamente os horarios de finalización dos festexos populares, ao igual que cuestións como os dispositivos especiais de emerxencias e protección civil ou limpeza viaria, temas que ao BNG lle parecen especialmente relevantes, no camiño de garantir a convivencia veciñal e facer compatíbeis o dereito á festa e o descanso da veciñanza.

Ao BNG de Oleiros preocúpanlle, unha vez máis, as formas con que actúa o noso Alcalde e o noso goberno municipal: anunciando por sorpresa un relevante cambio de horarios a poucos días de se iniciaren as festas nalgunhas das parroquias do concello e cando as comisións xa teñen fechadas unhas programacións e contratacións nas que levan traballando, con grande esforzo persoal, boa parte do ano.

O BNG lamenta que non se tivesen feito as cousas ben desde o pasado verán, como así se anunciou que se faría, traballando en común con todas as comisións e consensuando con elas, e coas entidades veciñais representativas, as mudanzas necesarias. A veciñanza que cada ano traballa por agasallarnos os mellores festexos posíbeis podería así programar as festas deste ano contando cos novos criterios.

O portavoz municipal do BNG, Fran Rei, censura que a medida anunciada onte pareza “propia dun impulso motivado polo acontecido nas festas dunha parroquia dun concello veciño” e cre que gobernar “a golpe de decretazo” pode “xerar titulares de prensa”, mais “nin resolve problemas de fondo nin achega solucións reais”.

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros propón, unha vez máis, optar pola vía do consenso social como mellor fórmula posíbel para mellorar a convivencia e compatibilizar dereitos e chama a abrir un necesario “proceso colectivo de reflexión” sobre o modelo de festas populares que se foi instalando nos últimos anos, substituindo os que había, e sobre como melloralo. Nese camiño sempre colaborará o BNG.

https://www.facebook.com/bloqueoleiros/