Ana Pontón, Xosé Luís Rivas, Olalla Rodil, Noa Presas, Luis Bará

Ana Pontón, Xosé Luís Rivas, Olalla Rodil, Noa Presas, Luis Bará

O Consello Nacional do BNG aprobou as candidaturas ás eleccións galegas pechando o proceso previo de debate e votación nas asembleas comarcais celebradas ao longo das últimas semanas por todo o país. As listas presentada pola dirección sobre as propostas da militancia obtiveron un apoio do 92% por parte das bases, e foron aprobadas sen ningún voto en contra por parte do CN.

“Son os rostros da alternativa do BNG nas vindeiras eleccións, persoas comprometidas con capacidade para dar a cara por Galiza e para poñer por diante os intereses dos galegos e das galegas”, sintetizou a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, secundada polas cabezas de lista pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, Xosé Luís Rivas, Mini, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará, respectivamente.

As candidaturas conxugan renovación e experiencia, con persoas de toda as idades e de todos os ámbitos profesionais e produtivos, desempregados ou precarizados, persoas implicadas na transformación dos concellos desde o traballo municipal, en plataformas en defensa da sanidade, do ensino, do feminismo, no ecoloxismo, comprometidas coa cultura e a lingua, na defensa de dereitos básicos e dos servizos públicos.

“En definitiva, apostamos por reflectir nas listas a Galiza de hoxe, comprometida para loitar polo futuro”, resumiu a portavoz nacional, “e dar unha alternativa ao desastre do PP”.

Pontón puxo en valor que o BNG ten os deberes feitos, tras ser a primeira forza política en elixir candidata á Xunta e en aprobar as candidaturas e toda vez que o programa electoral está moi avanzado.

“Non son tempos de mirarse o embigo senón de traballar para consolidar a alternativa nacionalista que precisa Galiza fronte ao desastre que nos deixa Feijóo”, alegou, porque “os galegos e as galegas viven peor hoxe que cando chegou á Presidencia”.

Á candidata nacionalista recoñeceulle ao actual mandatario dous grandes méritos: ter triplicado a débeda, “mentres nos dicía que non se pode gastar o que non se ten” e, como segundo gran logro, “ter sido capaz de facerlle máis dano ao país en sete anos que Fraga en 16”.

Consello Nacional BNG

Consello Nacional BNG

Programa electoral
O BNG seguiu avanzando na elaboración do programa electoral, no que traballa desde fai semanas baixo a coordinación de Noa Presas e Nestor Rego desde a Executiva nacional, con contactos con colectivos de todos os sectores económicos, sociais e culturais para intercambiar propostas.

Un programa que Pontón definiu como “ambicioso” cun proxecto de país alternativo que se elabora baixo unha premisa inequívoca: a capacidade de Galiza para saír adiante e deixar atrás o desastre derivado das políticas da dereita e da UE.

Neste sentido, o Bloque presentará un programa electoral “para autoresponsabilizarnos do noso futuro”, cunha aposta pola innovación, polo talento, polo benestar, polos servizos públicos e pola igualdade, e por ter un novo status político que aporte ferramentas para sacar adiante os retos que ten Galiza.

Recoñecemento grupo parlamentario

O Consello Nacional fixo un recoñecemento expreso do traballo realizado polos sete deputados e deputadas do Grupo parlamentario, serio, solvente e moi rigoroso, dando alternativas e facendo un labor de control do Executivo. Co compromiso de todos e de todas para seguir aportando por fortalecer a alternativa do BNG desde novos ámbitos de traballo.

Pontón fixo unha mención específica do actual portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, “o mellor deputado dos últimos tempos, unha persoa xenerosa, e para min un referente do que aprendín moito ao longo destes anos”, subliñou