Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

casa cornide2

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Primeiro plano das persoas que accederon ao balcón da Casa Cornide.

DA AUTORÍA DE MERCEDES QUEIXAS:

Unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno e Comisión, unha pregunta oral e outra por escrito. Tal é a batería de iniciativas que en relación á Casa Cornide, un ben patrimonial do pobo coruñés espoliado polo franquismo durante a ditadura, acaba de rexistrar no Parlamento galego a deputada do BNG e representante da cidade e a comarca no Pazo do Hórreo, Mercedes Queixas. O propósito básico, instar a Xunta de Galiza a que no mais breve prazo de tempo posíbel declare a Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC).

Queixas impulsa esta iniciativa após o Concello da Coruña ter aprobado no pleno do pasado 1 de outubro unha moción do BNG no mesmo sentido.

Na exposición de motivos da proposición non de lei, Queixas relata que recentemente, e en coincidencia co desenvolvemento do xuízo polo Pazo de Meirás, a familia Franco “respondeu cunha nova provocación” pondo a Casa Cornide en venda.

Este movemento dos parentes do ditador “alén de requirir unha resposta contundente en forma de repulsa”, argumenta Queixas, “tamén obriga a activarmos con celeridade todos os resortes necesarios para recuperar para o ben público este patrimonio espoliado ao pobo galego con actitudes despóticas”.

Queixas relata que recentemente, e en coincidencia co desenvolvemento do xuízo polo Pazo de Meirás, a familia Franco “respondeu cunha nova provocación” pondo a Casa Cornide en venda.

Canto ás preguntas que Queixas dirixe ao Goberno galego, a deputada interésase por saber se o Executivo é coñecedor “da transcendencia da Casa Cornide como un símbolo referencial do espolio franquista” e se, consecuentemente, ve urxente que este inmóbel, unha xoia do barroco coruñés, sexa inscrito no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galiza.

O BNG rexistra estas iniciativas nas vésperas de que as e os “9 de Cornide” sexan xulgadas o vindeiro mércores 14 de outubro na Coruña após seren denunciados pola familia do ditador polo simples feito de teren despregado unha faixa sobre o balcón do inmóbel coa lenda “Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”.

Por impulso do BNG, o Concello da Coruña mostrou a súa solidariedade con estas activistas ao aprobar a xa referida moción no salón de plenos de María Pita.