Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Avante LGBT+

4 de outubro ás 21:23

 O odio volveu a matar.

O xoves 1 de outubro de 2020 Nerea Arceo Barreiro, de 17 anos, quitouse a vida en Rois (A Coruña), porque non puido soportar tanto odio. O odio á persoa diferente, á que non ama como eles.Non só é un suicidio, é un asasinato social.Todas e cada unha das persoas que a odiaban por ser bisexual, e que llo demostraron, son as súas asasinas. Todas as que quizá non a odiaban, pero tampouco a apoiaron, que miraron para outro lado cando era agredida, por medo ou por indiferenza, son cómplices de asasinato. Todas as persoas con capacidade para actuar, que sabían o que acontecía, pero que non se posicionaron nin se implicaron o suficiente, son cómplices do seu asasinato.

Á súa idade é difícil facer fronte ou escapar dunha contorna hostil: unha vila pequena onde todo o mundo se coñece e sabe o que ocorre e maila isto, ninguén, ou case ninguén, levanta a voz para defender a quen transita camiños minorizados, a quen vai a contra corrente buscando sinxelamente ser como é, pelexando cada día polo seu dereito para ser tan feliz como calquera. Nerea non puido con tanto odio.

Agora virán os queixumes, as culpas, os remorsos, os perdóns. Pero agora é tarde para Nerea. Para cantas persoas LGTBIAQ+ máis vai ser tarde tamén?

Asinan:
Nós Mesmas
LES Coruña
ALAS Coruña
Arelas
GOTAS
Sete Outeiros
Avante LGBT+
Amizando
Rede Educativa de Apoio LGBTIQ
Colectivo Agrocuir da Ulloa