Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

O Consello de Ministros aprobará esta terza feira, tal e como anticipou o domingo o presidente do Goberno español, o Real Decreto que establece as novas bonificacións da AP-9, entre elas, que a viaxe de volta en 24 horas será gratis, e que, previsibelmente, entrará en vigor esta mesma semana. Co novo Real Decreto, o Estado pagará máis dun terzo das peaxes da autoestrada e 15 millóns de percorridos verán eliminada ou reducida a súa factura.

O Goberno español afirma que reserva 2.300 millóns para abonar as bonificacións até 2048, “mais unha parte poderase destinar a reducir a conta de compensación e evitar alzas extraordinaria”s.

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez detallou esta segunda feira o novo esquema de bonificacións na autoestrada AP-9, “o maior da historia”. “Mañá aprobamos un aforro para os galegos”, aseverou a ministra durante a súa intervención nun acto na Coruña. A entrada en vigor do novo esquema de bonificacións da AP-9 é, xunto coa conclusión do AVE, “un dos principais fitos deste ano para Galiza xa que a autoestrada é un eixo  vertebrador da economía e a mobilidade dos galegos”, sinala o Ministerio

Novas bonificacións

O Real Decreto introduce novas bonificacións e descontos e mellora e amplía a todos os días da semana e a toda a autoestrada as medidas que xa están vixentes nalgúns tramos.

Mantense a gratuidade das circunvalacións de Santiago, Vigo, Pontevedra e o tramo Fene-Ferrol e as bonificacións na Coruña-Barcala e o O Morrazo-Vigo.

Vehículos lixeiros

De balde todos os traxectos de volta co dispositivo de telepeaxe, que xa usan a maioría dos usuarios, que se realicen nun prazo máximo de 24 horas. A bonificación do 100% do percorrido de regreso ao lugar de orixe aplicarase todos os días da semana, festivos incluídos. O percorrido de volta debe ser igual ao de ida.

De balde todos os traxectos de volta co dispositivo de telepeaxe e que se realicen nun prazo máximo de 24 horas

Dúas das grandes diferenzas cos descontos comerciais e as bonificacións previas é que se amplía do día natural ás 24 horas o prazo para realizar a viaxe de volta e que se suman os domingos e festivos (antes era de segunda feira a sábados).

Bonificación adicional do 50% do percorrido de ida para aqueles usuarios que realicen nun prazo máximo de 24 horas dous percorridos iguais (coa mesmo orixe e destino) e de sentido contrario dentro do tramo Puxeiros (Vigo)-Tui e viceversa, en días laborables e festivos.

Gratuidade no acceso desde Redondela. Bonificación do cento por cento nos percorridos internos no tramo Redondela-Vigo (orixe/destino Rande-Vigo), que realicen o mesmo traxecto de ida e volta no prazo de 24 horas.

Recorrencia. Rebaixa do 20% do importe pago en todos os percorridos realizados nun mes, a contar desde o percorrido inicial, para aqueles vehículos que realicen máis de 20 viaxes no devandito período. Contabilizarase como un desprazamento o conxunto de percorridos realizados nun mesmo día e nun mesmo sentido de circulación, calquera que sexan as entradas e saídas parciais rexistradas dentro do mesmo.

Rebaixa do 20% do importe pago en todos os percorridos realizados nun mes, a contar desde o percorrido inicial, para aqueles vehículos que realicen máis de 20 viaxes no devandito período.

As bonificacións e descontos aplicaranse aos vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe como medio de pagamento. Audasa só cargará a peaxe da viaxe de ida, polo que os usuarios rexistrarán o aforro cada 24 horas.

En canto ao desconto do 20% adicional por recorrencia, á hora de contabilizar un desprazamento hai que ter en conta que:

•           Non se inclúen os desprazamentos efectuados polos tramos libres de peaxe ou con bonificacións (peaxe en sombra).

•           Como máximo contaranse dous desprazamentos ao día, un por cada sentido da circulación.

Ao final do mes Audasa realizará un abono polo importe correspondente ao 20% de todos os desprazamentos realizados nese mes con telepeaxe.

Vehículos pesados

Desconto do 20% do importe da peaxe en todos os percorridos.

Gratuidade no acceso desde Redondela: bonificación do 100% dos percorridos internos no tramo Redondela-Vigo (orixe/destino Rande-Vigo), incluído o acceso ao porto de Vigo.

Vehículos pesados: Desconto do 20% do importe da peaxe en todos os percorridos e gratuidade no acceso desde Redondela

As bonificacións para os vehículos pesados aplicaranse sen ningún tipo de condicións xa que están dispoñíbeis todos o día da semana (laborais e festivos) e para calquera sistema de pago de peaxe. O desconto realizarase de forma automática no momento do pago na barreira (cabina de peaxe) e redondéase aos 0 ou 5 céntimos.

O Real Decreto 104/2013 fixa a bonificación do 75% da viaxe de volta no día nos percorridos Pontevedra-Vilaboa, Pontevedra-Morrazo, Pontevedra-Vigo, Rande-Vigo e viceversa ( Ausada asume o 25% ata chegar ao 100%). O pagamento das devanditas bonificacións incluíuse na conta de compensación creada tras o Real Decreto de 2011, polo que tamén capitalizan a un 8% anual.

Importe

“O Decreto modifica os termos da concesión da AP-9 para bonificar as peaxes que os vehículos, tanto lixeiros como pesados, teñen que pagar polo uso da autoestrada como consecuencia dun historial de decisións que colocaba sobre os usuarios galegos unha hipoteca crecente ata o ano 2048”, aseverou a ministra.

“O Estado destinará cada ano uns 55 millóns de euros para bonificar a autoestrada AP-9 e uns 2.300 millóns de euros até finalizar o prazo da concesión, aos que hai que sumar o importe das bonificacións xa vixentes”, lembrou a ministra Sánchez antes de sinalar que “máis dunha terceira parte de todas as peaxes da autoestrada galega págaos o Estado, a través do Ministerio, fundamentalmente grazas a este Decreto”.

Compromisos

A mediados do pasado mes de xuño, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamaba de novo que se cumprise o acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG e, desta maneira, se aplicasen as bonificacións nas portaxes da AP-9 e se liberrase o tramo Vigo-Redondela.

O citado acordo estabelecía a rebaixa de 100% nas portaxes da autoestrada do Atlántico para persoas usuarias recorrentes, a absorción por parte dos Orzamentos Xerais do Estado do incremento de 1% anual acumulativo durante vinte anos previsto nos convenios de 2011 e 2013 e aínda a eliminación da portaxe no tramo Vigo-Redondela.

( Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Punto GA / M. Riopa)

https://www.nosdiario.gal/