A de mestra foi unha das primeiras profesións ás que tiveron acceso as mulleres no período contemporáneo. As especiais dotes educadoras que lles atribuía a sociedade patriarcal facilitaron a súa progresiva incorporación ao maxisterio, que tamén favoreceron determinados sectores liberais e republicanos, por consideraren que era necesario ampliar o horizonte profesional das mulleres. Neste sentido, en 1888 o goberno liberal decidiu darlles prioridade para rexentar as escolas mixtas, que eran moi numerosas, nomeadamente en Galicia, o que constituíu unha discriminación positiva avant la lettre. Esta e outras circunstancias propiciaron que a profesión se “feminizase”, aínda que non sen atrancos por parte dos homes, que mesmo se resistiron inicialmente a abandonar o campo da educación infantil.
En xullo de 1936 había 918 mestras e 845 mestres traballando nas escolas públicas da provincia da Coruña. No proceso de depuración que practicaron os sublevados recibiron algún tipo de sanción o 12,64% das primeiras e o 46,10% dos segundos. Ao se tratar dun proceso de natureza basicamente político-ideolóxica, e seren os homes os principais protagonistas da vida pública, malia o avance que estaban a experimentar as mulleres por esas datas, a diferenza non resulta en absoluto sorprendente.
Das 116 sancionadas, 19 resultaron separadas definitivamente do ensino, das cales dúas, brutalmente asasinadas, fórono post mortem: Mercedes Romero Abella, que exercía no barrio coruñés de Monelos, e María Vázquez Suárez, destinada en Miño.
Ademais de Romero Abella, foron sancionadas outras seis mestras do concello coruñés: María Barbeito Cerviño (Graduada Eusebio da Guarda), separación definitiva; Dosinda Corona Vázquez Gómez (Graduada Eusebio da Guarda), suspensión de emprego e soldo durante seis meses; María del Pilar Durán Fariña (Graduada Concepción Arenal), suspensión de emprego e soldo por dous anos; Carmen Mariño García (Feáns), suspensión de emprego e soldo por un mes; Carmen Parga Rodríguez (Graduada Concepción Arenal), separación definitiva, e Mercedes Taboada Novoa (Santo Tomé), suspensión de emprego e soldo por dous anos. A esta listaxe habería que engadir as mestras que exercían a docencia noutros ámbitos administrativos, como Elvira Bao Maceiras (Sanatorio Marítimo de Oza) ou María de Dios (Hospicio).
Algúns dos cargos que se lles apuxeron foron os seguintes. María del Pilar Durán Fariña: ser de esquerdas, solicitar o ingreso na Asociación de Traballadores do Ensino (ATE) e pertencer á Agrupación Feminina Republicana; Carmen Parga Rodríguez: extremar o laicismo escolar e suscitar nas nenas simpatías cara a Fronte Popular, ademais de aspirar a ingresar na ATE; e Mercedes Taboada Novoa: estar afiliada á ATE, ser unha das contadas mulleres coruñesas afiliadas ao socialismo, non bautizar o seu único fillo, asistir a mitins da Fronte Popular e ser contraria ao que os rebeldes denominaban Movemento Nacional.