Formulario de acceso protexido por Login Lockdown

Hai máis de un século @s galeg@s fomos pioneir@s no que a emigración se refire. As nosas fotos despedindo a familiares que ían “facer as Américas” nos portos de A Coruña e Vigo deron a volta ó mundo. De alá nos chegaban noticias de grandes fortunas acadadas a forza de traballar duro, a recompensa a un gran esforzo. Pero sabemos en profundidade cal era a vida das mulleres emigrantes? A que se adicaban?

Por GC Tendencias | A Habana | 03/11/2012 | Actualizada ás 13:22. Artigo publicado orixinalmente en GC Tendencias por Cristina Corral Soilan.Todos os dereitos de Cristina Corral Soilan

Do mesmo xeito que miles de mulleres chegan hoxe en día a España procedentes dos seus países de orixe, crendo facer unha viaxe desde o mundo da miseria e a precariedade para por fin obter unha recompensa ao traballo que realizarán ao cruzar as nosas fronteiras, durante os anos de emigración galega e posteriores á instauración da República en España, moitas galegas tamén se embarcaron cara a América. Como cifra orientativa, nos rexistros oficiais figuran nos portos galegos un total de seiscentos un embarcos de mulleres entre os meses de marzo, abril e maio de 1915. Pero sorprendentemente o 9 de abril dese mesmo ano aparece unha regulación especial do Consello Superior de Emigración para todas estas buscadoras do seu soño americano, dirixida ao inspector de emigración de Vigo dicía o seguinte: “que ata nova orde, resolva e permita o embarque, segundo crea procedente e baixo a súa responsabilidade…”. Detrás desta advertencia, oficializábase a voz de alarma: ao chegar aos seus destinos moitas destas mulleres eran captadas por intermediarios de inmigrantes que se facían pasar polos seus mozos ou familiares e obrigábanas a prostituírse.

Mención á constancia

Mención á constancia

Prostitutas por obrigación

A feminista cubana Hortensia Lamar denunciaba este feito nunhas conferencias de 1925: “A española que vén honrada a traballar, a reunir moito diñeiro para mandar á súa aldea. Moitas na travesía sucumben, as demais aquí, onde as sociedades rexionais non lles dan protección algunha. A maioría é explotada polos propios paisanos, os eternos curmáns protectores, ou o mozo que nunca falta, e que xeralmente as seduce e abandona logo, e así, escalón a escalón vai rodando á abxecta escravitude de onde non volve saír”.

O profesor Xulio César González Pagés, doutor en Ciencias Históricas pola Universidade da Habana recolleu numerosos datos acerca dos expedientes de galegas que tras ser enganadas e obrigadas a prostituirse son abandoadas e o seu analfabetismo e a súa miseria lévanas a delinquir. Tal vez por iso, segundo os expedientes históricos de penais cubanos creados para as mulleres a partir de 1909, de máis de dous mil trinta e catro sentenzas, entre nacionais e estranxeiras, a ampla maioría correspóndese con mulleres galegas de entre vintecinco e corenta anos, sen emprego fixo, sen estudos, solteiras e procedentes das provincias de Lugo e Ourense.

González Pagés rescatou destes expedientes historias como a de Branca García Díaz, alias “a rapaciña” que con trinta e un anos conta como foi introducida na marxinalidade polo seu tío, quen a violaba desde os quince anos, obrigándoa a manter relacións con el e o seu curmán. Cando esta tratou de denunciar os feitos, botárona á rúa onde a súa vida se encheu de conflitos e enfermidades venéreas. González Pagés fálanos tamén do expediente de María García Martínez, coruñesa de dezaoito anos, nel conta como foi utilizada para fotografías e actos pornográficos dende os catorce anos, ata terminar na prostitución da man dun proxeneta que a agrediu cun corte na cara por non poder pagar, a raíz de todo iso roubos e estafas acaban con ela no cárcere.

Cota de asociado

Cota de asociado

Fillas de Galicia

Ante tal cantidade de despropósitos acabará xurdindo a voz dunha institución rexional fundada o 16 de xuño 1912 e denominada “Solidariedade Pontevedresa”. A institución ademais de denunciar a situación das súas paisanas na emigración, tratará de axudalas, fronte á pasividade doutras institucións do momento. Para iso nunha sesión do 11 de Xaneiro de 1914, o novo presidente Jesús Rodríguez Bautista, decide reformar o Reglamento desta Sociedade co fin de construir un sanatorio para a comunidade galega. Así xurdirá o proxecto co que se crearía en 1917 á Institución “Fillas de Galicia” e na Xunta Xeral do 18 de Xaneiro, a Asociación Solidariedade Pontevedresa decide constituírse por unanimidade na Sociedade “Fillas de Galicia”, Sociedade Sanitaria e de Auxilio Mutuo.

A institución benéfica encargaríase dende entón de prestar atención ás necesidades físicas, económicas e morais daquelas galegas que así o requerisen. Ademais diso a institución converterase nunha abanderada da loita polos dereitos destas mulleres, e a partir de 1924 entre os seus obxectivos e peticións estaría a de conseguir para as emigradas galegas un mellor trato por parte ata das autoridades cubanas no momento de entrar no país. Será ademais nese mesmo ano cando se planifique a compra duns terreos en Luyano para a construción do Hospital “Concepción Arenal” das “Fillas de Galicia”. O servizo médico estenderíase dende ese intre a diversas zonas de A Habana e así en 1926 a institución tería xa delegacións noutras provincias.

Deste xeito “Fillas de Galicia” acabaría converténdose na maior asociación do mundo de emigradas galegas e as súas descendentes, cunha cifra que no ano 1960 excedía as cincuenta e oito mil mulleres. A súa ubicación converteu ó barrio Luyano de A Habana na Nova Galicia.

Na actualidade a sociedade xa non existe, pero o Hospital segue alí, en pé, co mesmo nome e con moitas descendentes de galegas en persoal, recordando ás mulleres que hoxe saen cada día dos seus países, que empezar de cero nunha nova terra é fácil se hai alguén disposto a axudar.

Artigo de Cristina Corral Soilán (Perillo – A Coruña)